Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2017

O Goberno local pon en marcha o 'LAIC', un laboratorio dedicado á innovación audiovisual e ás oportunidades creativas e profesionais dos novos medios

O edil de Culturas, José Manuel Sande, participou na presentación da programación da iniciativa, que forma parte de Coruña Dixital, e que inclúe talleres sobre cine e crowdfunding, o uso de Youtube, as narrativas populares ou realidade aumentada

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento porá en marcha este outono, dentro do programa Coruña Dixital, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) un encontro aberto coas comunidades creativas da cidade. O edil José Manuel Sande, nunha xuntanza aberta á cidadanía mantida esta tarde no vivero de empresas Accede Papagaio, resaltou os obxectivos deste laboratorio, formulado como un espazo de encontro, colaboración e aprendizaxe para persoas e colectivos interesados na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital.

O encontro desta tarde con creadores e persoas interesadas na cultura audiovisual na rede, no que tamén participaron Sergio Lago e María Yáñez, responsables de Coruña Dixital, supón o inicio dun programa que ten como eixo principal a innovación e a creatividade nos novos medios. Así, de cara aos próximos meses, sucederanse charlas e encontros, pero tamén obradoiros, impartidos por profesionais de referencia como o cineasta Miguel Ángel Rolland, o booktuber galego Sebas G. Mouret, a axencia de talento dixital 2btube, ou colectivos de creación dixital como Zemos98, Monkey Laboratory e Bermudas.land.

En total será unha decena de actividades as que o LAIC programará para este outono. A primeira delas, tralo encontro de hoxe, será o 5 de outubro co obradoiro Como publicar contidos audiovisuais con licenzas libres, impartido por Jorge Lama. A proposta, destinada a persoas de calquera idade con interese na creación audiovisual, a comunicación e os contidos dixitais, xirará en torno ás posibilidades das licenzas Creative Commons.

O cineasta Miguel Ángel Rolland, director do documental Santa Fiesta será quen imparta o 14 de outubro Supercine, taller de cinema crowd, cun límite de doce prazas e dirixido a cineastas que queiran afondar nas ferramentas que ofrece o crowdfunding para o desenvolvemento do seu proxecto. De cara ao 19 de outubro, Como profesionalizar a túa canle de YouTube ofrecerá as claves precisas para sacarlle o máximo partido posible a esta plataforma, desde a experiencia do galego Sebas G. Mouret,  o booktuber con máis seguidores en España, coa canle El Coleccionista de Mundos, xunto con Patricia González, e Teresa Guerra, da axencia de talentos dixitais 2btube.  A formación sobre esta plataforma completarase en novembro coa charla Aventuras dunha youtuber legal, impartida por Bárbara Román e Jose Manuel Sendín,  avogados de NoLegalTech, sobre as cuestións legais que unha persoa debe coñecer se pensa ter unha canle de YouTube e publicar contidos para evitar problemas.

Xa no mes de novembro, o día 18, e da man do colectivo sevillano ZEMOS98, o LAIC ofrecerá 20 prazas para o Taller de narrativas populares contemporáneas, dirixido a persoas interesadas no uso crítico das novos medios e o seu uso para a creación, a educación e o activismo.  Falarase de memética, folclore dixital, cultura da remezcla e novas ferramentas de comunicación como GIFs, memes e microvídeos.

Laboratorios de creación e encontro profesional

Entre o 27 de outubro, día mundial do Patrimonio Audiovisual, e o 4 de novembro, o LAIC desenvolverá o laboratorio transmedia A Coruña Rebelde, que consistirá nun 'arquivatón' no que se creará un repositorio público de arquivos multimedia, e un 'hackatón' de realidade aumentada co obxectivo de crear un prototipo de aplicación para móbiles e tablets que relacione estes arquivos con distintos puntos da cidade. O obxectivo é recuperar o patrimonio e a memoria da cidade explorando as tecnoloxías emerxentes e as novas narrativas, da man do enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas, do colectivo Bermudas.land.

En colaboración coa Asociación Monkey Laboratory (MOLAB), o 24 de novembro levarase a cabo o Laboratorio de creación de videoxogos, un taller de desenvolvemento colaborativo dirixido a creadores de distintas disciplinas que poidan xuntar o seu talento para incubar novos proxectos.

Outro novo escenario será o que se analice na xornada Novos modelos profesionais para o audiovisual, o 23 de novembro, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual. Nela tratarase a evolución experimentada polo sector trala irrupción de Internet e que novas oportunidades de traballo aparecen, a través de diferentes casos de éxito. Haberá unha sesión de contactos entre empresas e profesionais, así como unha sesión de reflexión sobre as condicións de traballo neste sector, que tratará de propoñer boas prácticas para combater a precariedade.

As actividades do LAIC son gratuítas e desenvolveranse en varios equipamentos municipais, como Accede Papagaio, Centro cívico Cidade Vella, Centro Ágora, Kiosco Alfonso, ademais do espazo cultural Normal da Universidade da Coruña. O prazo para inscribirse na maioría actividades xa está aberto. As persoas interesadas poden obter máis información e preinscribirse na web de Coruña Dixital

Documentos:

Programación do LAIC - Outono 2017 (4 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión