Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xaneiro de 2018

A formación incluirá 54 cursos e un novo Servizo de Atención Tecnolóxica personalizado, que solventará consultas e demandas puntuais de axuda das persoas usuarias dos centros

O goberno local pon en marcha un programa de inclusión dixital nas bibliotecas municipais, co obxectivo de "democratizar e facilitar o acceso ás tecnoloxías da información"

O concelleiro José Manuel Sande destaca “o papel activo” das bibliotecas coruñesas. “Son o centro de referencia na vida dos barrios, polo que se sitúan como o axente idóneo á hora de favorecer a aprendizaxe de habilidades no ámbito dixital”, sinala

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento porá en marcha este ano un novo programa, que ten como finalidade facilitar que a cidadanía adquira as competencias necesarias en tecnoloxías da información. Así, as bibliotecas municipais ofrecerán a partires deste mes de xaneiro o Programa de Inclusión Dixital, dirixido a mellorar as capacidades e habilidades da veciñanza para buscar, utilizar e valorar información e sistemas e ferramentas telemáticas de comunicación, á vez que fomentará o uso destas tecnoloxías nos ámbitos cotiáns, administrativos, sociais e participativos da cidadanía. O obxectivo da proposta, como explica o concelleiro José Manuel Sande,  é democratizar o acceso á información e as tecnoloxías mediante os dispositivos electrónicos actuais. Segundo concreta, a proposta está dirixida particularmente "a aqueles colectivos que, por diversas motivacións xeracionais, laborais ou formativas, fan un uso nulo ou primario das ferramentas". "As bibliotecas municipais teñen unha relevancia fundamental dentro das políticas culturais do Concello, pois se sitúan como un axente activo e centro de referencia na vida dos barrios. Son, en si mesmas, centros democratizadores do coñecemento, e este novo programa afonda no papel das bibliotecas como o axente idóneo á hora de promocionar a aprendizaxe das habilidades e actitudes axeitadas no ámbito dixital", expresa Sande, quen sinala que a medida supón "un paso máis" dentro do Programa de Alfabetización Dixital da rede de bibliotecas.

En total, desde este mes xaneiro e ata finais de outubro, ofreceranse 54 cursos dentro desta nova liña formativa, dirixidos a diversas tipoloxías de persoas usuarias, desde aquelas que non dispoñen de coñecementos neste ámbito até as que queiran adquirir habilidades necesarias para o uso seguro da rede. Serán seis as propostas que se impartan: Iniciación á informática e Internet e correo electrónico --dirixidos a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e internet--, Empregabilidade --para persoas interesadas na busca e mellora de emprego--, Procesamento de textos --para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos--, Configuración de teléfono móbil --para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de persoalizar o seu dispositivo--, Marca persoal en internet --para aquelas persoas con presenza activa en internet, especialmente en redes sociais--, Seguridade en internet --para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visibles do ámbito dixital-- e, finalmente, Libro electrónico --para o uso e manexo deste tipo de libros impulsando o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actualizados---.

Todos os cursos impartiranse nas bibliotecas do Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia. Nesta última terá lugar o primeiro dos obradoiros deste ano, Iniciación á informatica, Internet e correo electrónico, que se celebrará do 22 de xaneiro ao 2 de febreiro, en 10 sesións, e cuxa inscrición estará aberta a partires do vindeiro día 15. Esta poderá formalizarse de xeito presencial na propia biblioteca da Sagrada Familia. Todos os cursos, datas de realización e de inscrición poderanse consultar tanto na páxina web municipal http://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/actividades/formacion/informatica-e-tecnoloxia como en calquera dos centros da rede municipal.

Servizo de Atención Tecnolóxica

O novo proxecto de inclusión dixital ten como compoñente fundamental o modelo clásico de formación, baseado na impartición e avaliación de contidos por parte do profesorado, pero engade, como principal novidade, un modelo de atención formativa máis flexible. Esta aprendizaxe "máis informal, pero de caracter máis cotiá", segundo apunta o concelleiro José Manuel Sande, tradúcese no novo Servizo de Atención Tecnolóxica, unha proposta mediante a cal, unha persoa educadora ou monitoria atenderá, na aula de informática da biblioteca correspondente ou noutro espazo habilitado, as consultas e demandas puntuais de axuda de calquera usuaria das bibliotecas. "Estamos a falar dunha atención personalizada sobre o ámbito dixital, na que unha persoa experta solventará as dúbidas en días e horas concretos nos centros da rede de bibliotecas", explica o edil. Este novo servizo de referencia, que se atopará no Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia --os mesmos centros nos que se ofertarán os cursos formativos--, atenderá cuestións básicas, pero concretas, relacionadas coa configuración de dispositivos móbiles, con ferramentas e plataformas de redes sociais e de internet en xeral, ou con trámites concretos que necesiten asesoramento puramente tecnolóxico.  

O servizo está dispoñible desde hoxe na Biblioteca de Monte Alto --todos os luns, agás os festivos, en horario de 10.00 a 13.00 horas-- e desde o vindeiro 15 de xaneiro na Biblioteca do Castrillón. Neste centro, as consultas poderán realizarse todos os luns do ano, agás na última semana de agosto e os dous últimos luns de decembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. As dúbidas poderanse resolver de forma personalizada tamén todos os xoves do ano desde o 18 de xaneiro --agás os festivos-- en horario de 10.00 a 13.00 horas. Para coñecer os días e horarios da atención tecnolóxica personalizada nas demais bibliotecas, pódese consultar o web municipal http://www.coruna.gal/bibliotecas/gl/usa-as-bibliotecas/as-bibliotecas-ofrecenche/atencion-tecnoloxica-personalizada

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión