Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de maio de 2017

O Teatro Rosalía de Castro acolle esta fin de semana a adaptación en galego do 'Martes de Carnaval' de Valle Inclán

O concelleiro José Manuel Sande valora positivamente “un novo paso cara á normalización lingüística” na proposta do Centro Dramático Galego, que se representará os días 2 e 3 de xuño

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a adaptación de Martes de Carnaval de Ramón María del Valle-Inclán, que o Centro Dramático Galego representará os días 2 e 3 de xuño sobre o escenario do teatro municipal Rosalía de Castro. A adaptación, dirixida por Marta Pazos, componse de dous dos tres esperpentos orixinais da obra, As galas do defunto e A filla do capitán, e será representada integramente en galego. "Dalgún modo, este é un novo paso na normalización lingüística, e resulta axeitado no caso dun autor galego, como é Valle-Inclán", destacou Sande, quen lembrou que estas dúas funcións "pecharán a tempada teatral no Rosalía de Castro", cuxa programación continuará este mes a través do ciclo TRC Danza.  

A directora da obra, quen estivo presente na rolda xunto a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, e o actor Sergio Zearreta, destacou o traballo realizado a partir do texto, "unha construción galega castelanizada", e que o elenco situará, no caso da A filla do capitán, na década actual. "Unha das primeiras cuestións que nos propuxemos foi como montar un texto que critica aos poderes establecidos desde unha visión actual, sendo respectuosa e irreverente", sinalou Pazos, quen avanzou que a representación, "que tamén recollerá a tradición do entroido galego", comezará no final do século XIX, con As galas do defunto, e chegará a 2017 con A filla do capitán, "que presenta paralelismos moi interesantes coa época actual, como o que se dá coa corrupción".

A función comezará, tanto o venres como o sábado, ás 20.30 horas e terá unha duración total de 2 horas e 35 minutos, con 15 minutos de descanso entre cada unha das pezas. As entradas de Martes de Carnaval xa están a venda a través das canles habituais, como son o despacho de billetes da Praza de Ourense, no mesmo día do teatro os días da función, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas, www.ticketea.com ou no teléfono 902.044.226. Todas aquelas persoas maiores de 65 anos, en situación de desemprego ou que posúan Carné Xove, obterán unha bonificación do 20%.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión