Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xuño de 2017

José Manuel Sande destaca que "a excelencia musical" da Sinfónica de Galicia "sitúa A Coruña no mapa cultural internacional"

O responsable de Culturas participou esta mañá na presentación da programación de cara a tempada 2017-2018, que a orquestra iniciará coa ‘Resurrección’ de Mahler

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación da programación da tempada que vén da Orquesta Sinfónica de Galicia, xunto ao seu director xerente, Andrés Lacasa, e o director da mesma, Dima Slobodeniouk. O edil destacou a "calidade e excelencia" da traxectoria da orquestra ao longo dos seus 25 anos de existencia, "ateigados dun fondo labor pedagóxico e formativo, proxectos culturais e colaboracións con outras iniciativas de vangarda, como vimos recentemente co cinema-concerto de inauguración da Mostra de Cinema Periférico", na que a Sinfónica interpretou a partitura de José Torres para a sonorización do Fausto de Murnau. "Despois de 25 anos de recoñecida calidade, cómpre darlle pulo á difusión e proxección da supremacía musical da orquestra de cara ao exterior, e que esta, á vez, poida ser un dos elementos fundamentais desa marca cultural que posúe A Coruña e na que este Goberno quere afondar", afirmou Sande.

"A cidade conta con excelentes infraestruturas e moita diversidade e calidade en distintos ámbitos artísticos. Así pois, a excelencia musical debe poñerse en valor na proxección do municipio, e non cabe dúbida que a Sinfónica é, e debe ser, un dos alicerces para situar A Coruña no mapa cultural mundial", afirmou o concelleiro. Para afondar neste propósito de incrementar a súa difusión, o concelleiro confirmou o acompañamento que o Concello "poderá dar a nivel de infraestruturas, medios e apoio económico a un proxecto iniciado hai 25 anos e felizmente instalado na excelencia, como demostrará na programación e acontecementos que se darán nesta tempada", sinalou Sande, quen avanzou que este ano a orquestra ofrecerá 14 concertos noutras cidades de Galicia, e viaxará a Madrid, Zaragoza e Alicante, municipio no que a OSG actuará por vez primeira.

De cara á próxima tempada, na que a Sinfónica ofrecerá de novo 25 concertos dos ciclos de abono venres e sábado, a orquestra interpretará obras como a Sinfonía nº 2 de Gustav Mahler --nomeada Resurrección--, coa que iniciará o curso, e de autores Bach, Debussy, Dukas, Mozart, Elgar, Mendelssohn, Prokófiev, Rachmáninov, Shostakóvich, Tchaikovsky ou Wagner. O repertorio tamén inclúe a estrea de cinco obras no estado, como o Concerto para violonchelo nº2 de Penderecki, o Concerto para violín de Kaija Saariaho, 4 Iberian Miniatures de Francisco Coll, o Concerto para orquestra de Jennifer Higdon e Drifts de Sebastian Fagerlund.

En canto ás e aos solistas que participarán nesta tempada, a Sinfónica contará co acompañamento numerosos artistas, entre as e os que se atopa o pianista Ivo Pogorelich, con quen a orquestra actuará fóra de Galicia. Na dirección, ademais de contar co titular Dima Slobodeniouk, a OSG actuará baixo a batuta de recoñecidos condutores de orquestras de todo o mundo, ademais do director honorario, Víctor Pablo Pérez.  

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión