Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de xullo de 2017

A Casa das Ciencias presenta a exposición ‘A astronomía como cha contan’, unha reflexión sobre como os medios difunden os fitos científicos que recolle “o espírito deste museo na propagación do coñecemento”

A mostra, elaborada de forma case total por persoal dos museos coruñeses e cun alto grado de interactividade, céntrase no papel dos medios de comunicación e as redes sociais na divulgación dos avances en astronomía e exploración espacial

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou este venres na presentación da exposición 'A astronomía como cha contan', que se pode ver na Casa das Ciencias, unha mostra sobre astronomía e exploración espacial vista a través dos medios de comunicación e as redes sociais. Como destacou o responsable municipal, trátase dun tema "de especial relevancia e de gran impacto na cidade, onde a astronomía é un punto de atención científica e divulgativa e na que abundante cidadanía, máis alá do colectivo especializado, pon o seu interese". Do mesmo xeito, Sande fixo fincapé na calidade desta proposta -feita case en exclusiva por persoal dos Museos Científicos, tanto na súa concepción como tamén no deseño, montaxe e execución, e apoiada en tecnoloxías libres-, que "non por casualidade se ubica na Casa das Ciencias". "Para nós era importante darlle a prestancia que ten a este recinto, o primeiro espazo da rede de museos científicos da cidade, tan esencial e que tanto fixo polo espírito científico desta cidade e pola propagación do coñecemento, e esta é unha ocasión excelente", comentou.

A mostra céntranse, tal e como sinalou o responsable municipal, na astronomía e a exploración espacial, a través de módulos expositivos distribuídos en seis grandes ámbitos que cobren, respectivamente, a exploración do Sistema Solar, os confíns do universo, o descubrimento de planetas extrasolares, a contaminación lumínica, a vida dos e das astronautas e a importancia dos satélites que observan a Terra, a través de obxectos, elementos interactivos, audiovisuais, paneis gráficos e exemplos de noticias procedentes de medios de comunicación e redes sociais analizadas desde unha perspectiva crítica. Como todas as exposicións da Casa das Ciencias, 'A astronomía como cha contan' incorpora elementos interactivos que ofrecen unha perspectiva lúdica e participativa dos contidos. Trátase de elementos orixinais desenvolvidos polo equipo de produción dos Museos Científicos Coruñeses. Entre eles destacan unha pista de baile que reacciona con luz e son ao impacto de raios cósmicos, un fotomatón no que é posible facerse fotografías en luz infravermella ou un dispositivo que debuxa paisaxes a medida que imos modelando un terreo coas mans. Na presentación da exposición, Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias, destacou e agradeceu a colaboración con outras entidades para facer posible este evento, así como aos e ás traballadoras de todos os Museos Científicos e os e as colaboradas externas. "Esta exposición é o elemento diferencial da Casa das Ciencias dentro dunha oferta lúdica moi asequible, é un espazo de reflexión crítica sobre o contexto social, económico e comunicativo, e o que fai é aplicar o discurso dos Museos Científicos coruñeses, buscando a interdisciplinariedade, na que a ciencia aparece non como unha cousa extraordinaria e allea á sociedade e a cultura, e igualmente a interactividade", manifestou.

Para o desenvolvemento da exposición -que conta con financiamento a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación 2015, promovidas pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)-Ministerio de Economía y Competitividad-, solicitáronse pezas singulares a diversas institucións científicas. Entre elas a placa dun satélite deseñado e lanzado ao espazo pola Universidade de Vigo, as tripas dun sensor de contaminacion lumínica cedido pola Universidade de Santiago, un fósil de hadrosaurio procedente do Museu della Conca Dellá (Lleida) datado en 65 millóns de anos, unha condrita carbonácea, meteorito coa mesma composición que o asteroide contribuíu á extinción dos dinosauros, un fragmento dos paneis solares que se retiraron do telescopio espacial Hubble cedido pola Axencia Espacial Europea ou unha peza da sonda Lúa 8, lanzada en 1965 polos soviéticos, que acabou caendo no sur de España e está depositado no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión