Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xullo de 2017

A Concellería de Culturas amplía cunha nova convocatoria de axudas a festivais audiovisuais o seu plan de apoio á creación local, “para favorecer a programación compartida e a igualdade de oportunidades”

José Manuel Sande salienta a aposta do Concello por dar respaldo aos proxectos que se desenvolven na cidade e avanzar nos procesos de concorrencia competitiva, como fai a través de Activa o Deporte, Cultura de Barrio, Facemos Comunidade ou o Plan de Apoio a Entidades de Arraigo, e outros de próxima convocatoria

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este martes a convocatoria municipal de subvencións para a organización de festivais audiovisuais, un novo plan de axudas dotado con 40.000 euros que, como sinalou, servirá para fomentar e dar apoio a este tipo de eventos audiovisuais  -xa realizados ou por realizar antes do 30 de novembro deste ano- "tendo en conta a pegada que ten o sector na cidade e a súa ampla variedade". Como expuxo, a convocatoria súmase á liña de apoio aos axentes culturais da cidade impulsada desde o Concello "co propósito de favorecer a programación compartida  e os procesos de concorrencia competitiva e, polo tanto, igualdade de oportunidades, e desmitificando tamén esa idea de que a cultura da cidade está feita polas administracións". "Existen moitas iniciativas privadas, de entidades sen lucro, de asociacións... que están desenvolvendo proxectos interesantísimos e a obriga do Concello como administración é favorecer a súa celebración e apoiar na medida do posible, sen tratar de influír no seu contido, tendo en conta a alta calidade dos eventos que se fan na cidade", destacou o responsable municipal. Neste sentido, vinculou este novo plan coas múltiples convocatorias impulsadas desde a concellería para favorecer a concorrencia e a igualdade de oportunidades, como son, no ámbito deportivo, o plan Activa o deporte, e, no cultural, o Plan de Apoio a Entidades de Arraigo -destinadas a agrupacións musicais e culturais tradicionais-, Facemos Comunidade -vinculada á organización das festas dos barrios por parte das entidades veciñais- e Cultura de Barrio -dirixida ás actividades culturais e socio-comunitarias nos barrios-, ás que se sumarán dúas novas esta mesma semana. Como tamén indicou Sande na presentación, esta nova convocatoria de apoio aos festivais audiovisuais forma parte dun plan "máis ambicioso", relacionado con este sector, que se formalizará a través dun convenio coa Academia Galega do Audiovisual, e se suma ao ciclo de apoio ás pre-estreas e actividades iniciada polo Concello o ano pasado.

A convocatoria, segundo informou esta mañá o concelleiro, vai destinada ao fomento e apoio aos festivais audiovisuais de carácter contrastado, xa realizados neste ano ou por realizar antes do 30 de novembro deste ano. Entre os requisitos para concorrer está a ubicación do mesmo, que deberá celebrar no termo municipal da Coruña, e que deberá ter unha duración mínima de tres xornadas e un mínimo de doce proxeccións; para optar a estas subvencións é requisito tamén que o evento teña realizado dúas edicións consecutivas inmediatamente anteriores á deste 2017, "para propiciar aqueles proxectos consistentes e asentados", e que a súa proposta de programación contemple un mínimo do 10% de títulos ou sesións de produción cinematográfica galega, ou ben con dirección galega, "de cara a favorecer a produción local".

As propostas poderán presentarse nun prazo de 15 días a contar desde o día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da provincia (BOP), que terá lugar esta mesma semana. As solicitudes serán avaliadas por unha mesa de formada por persoal funcionario e técnico do Concello. Tal e como detallou o responsable municipal de Culturas, na valoración das propostas teranse en conta criterios como a traxectoria do festival e o grao de especialización da programación respecto á doutros eventos e a calidade e innovación da proposta, así como a súa viabilidade financeira, a dimensión internacional e, igualmente, o emprego da lingua galega na presentación, realización e difusión das súas actividades. Ademais, en atención á transversalidade de xénero e aplicación do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, as bases da convocatoria sinalan que se atenderá, na valoración xeral de actividades e proxectos, á inclusión do principio de transversalidade nas propostas, que deberá incluírse na memoria descritiva.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión