Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de febreiro de 2019

O alcalde anuncia a ampliación da Biblioteca da Sagrada Familia para dar cabida ao proxecto participativo 'A eira', "que facilitará a aprendizaxe colaborativa e o intercambio de experiencias entre a veciñanza"

O alcalde e a concelleira de Participación presentaron esta mañá o BiblioLab ‘A eira’, un novo espazo dentro do equipamento municipal “que pretende achegar solucións ás necesidades da cidadanía e favorecer a dinamización social no barrio”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá na Biblioteca da Sagrada Familia o proxecto de innovación bibliotecaria e de participación cidadá A eira, unha proposta que, como indicou o rexedor, nace "co obxectivo de facilitar a aprendizaxe colaborativa e interxeracional no barrio coa vista posta na mellora da calidade de vida da veciñanza". "Esta biblioteca, a primeira que naceu da rede municipal, incidiu e facilitou o cambio nas dinámicas sociais no barrio grazas a súa actividade e ao papel do seu persoal. Hoxe en día este centro conta con máis de 17.000 socias e socios, o que supón o 65% da poboación residente do barrio. Por iso poñemos en marcha, nesta xornada, un novo proxecto de innovación social, A eira, no que as usuarias e usuarios, a través dun proceso participativo, abrirán aínda máis esteo equipamento ao barrio, favorecendo o incremento de actividade e a interrelación entre a veciñanza", aseverou Ferreiro. O alcalde tamén estivo acompañado na presentación pola concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso; as decanas das facultades de Socioloxía e Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, Raquel Martínez Buján e Adriana Ávila; e o presidente da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Luis González.

A eira supón a creación dun espazo de aprendizaxe colaborativa, a través do intercambio de ideas, "que facilite atopar solucións e respostas ás necesidades das persoas que viven e transitan polo barrio", explicou Delso, quen lembrou que o proxecto "incide na aposta do goberno local por contar coa veciñanza na decisión e no desenvolvemento das políticas públicas a través de procesos innovadores", como son Orzamentos Participativos ou o Co-Lab.  "No caso deste BiblioLab, empregarase unha metodoloxía baseada en procesos nos que grupos de persoas comparten experiencias e coñecementos co fin de lograr uns obxectivos comúns, o que permite un maior protagonismo das persoas e dos grupos, e aporta moito máis valor ao proceso de desenvolvemento individual e comunitario", indicou a concelleira.

O novo proxecto municipal diríxese, especificamente, á poboación migrante, mocidade --entre 14 e 22 anos--, persoas maiores de 70 anos e tamén maiores de 50 cunha cualificación que lles permita compartir o seu coñecemento con outras persoas. A través dunha investigación participativa e mediante grupos de discusión, coñeceranse os intereses e necesidades da veciñanza. Posteriormente, farase unha adaptación das instalacións do equipamento municipal para a creación dun espazo específico para o BiblioLab.  Así, tal e como avanzou o alcalde, o Concello anexionará, mediante o aluguer, tres locais adxacentes á Biblioteca, pertencentes á Entidade Benéfico Construtora Sagrada Familia, "un axente clave no desenvolvemento urbanístico do barrio". Aos 740,55 metros cadrados actuais da instalación, sumaranse outros 105 pertencentes a estes tres establecementos, os máis próximos á zona infantil, que darán abeiro ao novo proxecto municipal, "que vai na liña das novas tendencias que se están a implantar nas bibliotecas de toda Europa, e na que levamos tempo traballando na rede, como é que estes centros, tradicionalmente de intercambio de libros e material, sexan auténticos dinamizadores sociais", aseverou Ferreiro.

"A eira é ese espazo que medra cando o sementamos, cando o aboamos con traballo e participación. Un lugar que nos define e nos fai medrar, no que colleitamos aquelo que construímos de forma conxunta. É, ao cabo, o mesmo que unha biblioteca, un equipamento que nos fai crecer, que nos alimenta con cultura e con información, que sementa mentes e que xera sustento", explicou o alcalde, quen sinalou que o BiblioLab "representa as políticas deste goberno: o valor da proximidade, a participación cidadá, a innovación social e a posta en valor das bibliotecas como centros de produción de coñecemento, aprendizaxe e desenvolvemento persoal e colectivo, centros neurálxicos dunha cidade de barrios".

De cara á posta en marcha deste proxecto de BiblioLab --que hoxe iniciou os grupos de traballo de discusión--, o Concello da Coruña contará coa colaboración, ademais da veciñanza, da Universidade da Coruña, "o centro de coñecemento por excelencia na cidade e na área metropolitana", segundo apuntou Xulio Ferreiro, e da Fundación Germán Sánchez Ruipérez "que achegará a súa experiencia a prol do valor social da lectura". Para máis información sobre A eira, pódese visitar www.coruna.gal/bibliotecas.

Remunicipalización

Por outra banda, e ante preguntas dos medios de comunicación, o alcalde Xulio Ferreiro sinalou que o goberno local segue a avanzar no compromiso de levar a cabo o cambio de modelo de xestión da rede municipal de Bibliotecas, que pasa pola asunción, por parte da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), da súa xestión, "garantindo en todo momento o mantemento dos postos de traballo actuais".  "O expediente da remunicipalización das bibliotecas está bastante avanzado. A nosa intención é que, a semana que vén, poidamos formalizar a sucesión da xestión por parte de EMVSA", afirmou o rexedor coruñés.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión