Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de abril de 2019

O Aquarium Finisterrae celebra o seu viséximo aniversario cunha mostra conmemorativa dos carteis das exposicións que acolleu ao longo das últimas dúas décadas

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, pon en valor o labor formativo e a prol da divulgación científica do museo, que considera “unha parte fundamental do patrimonio cultural e ambiental da Coruña, de Galicia e de todo o Estado”

O Aquarium Finisterrae cumprirá, o vindeiro 5 de xuño, vinte anos desde a súa inauguración e apertura ao público. Co gallo desta efeméride, que coincide co Día do Medio Ambiente, os Museos Científicos Coruñeses ofrecen desde hoxe unha mostra conmemorativa sobre as exposicións e actividades que se celebraron ao longo destas dúas décadas na Casa dos Peixes, espazo que recibiu máis de cinco millóns e medio de visitantes nestes anos.   

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o director da Casa dos Peixes, Paco Franco, presentaron esta mañá a exposición Aquarium Finisterrae: 1999-2019, unha iniciativa que, a través de 53 carteis correspondentes a outras tantas mostras temporais, dan conta da actividade producida no espazo municipal desde a súa inauguración. A meirande parte delas, tal e como apuntou José Manuel Sande, están vinculadas a coleccións de fotografía sobre natureza e temas relacionados co mar, "O Aquarium puxo todos estes anos sobre a mesa cuestións cruciais para entender a nosa época, e que supoñen retos que, tanto a sociedade en global como as institucións debemos asumir", sinalou o edil, quen salientou "o rigor e a responsabilidade" do museo na configuración do patrimonio moderno coruñés". "Estes 20 anos son a demostración de que o Aquarium é unha parte esencial do patrimonio cultural, ambiental e científico da cidade, de Galicia e de todo o Estado", aseverou o concelleiro.

Na sala Isabel Castelo tamén estarán presentes os carteis das grandes producións interactivas que a sala Humboldt acolleu estes anos e que abranguen temáticas diversas, como o Mar Caribe, os cabaliños de mar, os cefalópodos, a acuicultura, a farmacoloxía vinculada ás especies mariñas ou a reprodución dos seres vivos acuáticos, Sexo azul, que se pode visitar na actualidade. "Esta escolma de carteis sintentizan moi ben o traballo que se desenvolveu ao longo destes 20 anos. Falamos da conservación dos océanos, da divulgación científica pero ,sobre todo, dun proxecto de cidade", expresou Sande.

Desde a súa inauguración --que coincidiu co 200ª aniversario da saída do porto da Coruña da expedición americana de Alexander von Humboldt--, o Aquarium Finisterrae produciu un total de 67 exposicións e recibiu máis de 5.550.000 visitas. O responsable de Culturas puxo en valor "a divulgación científica e didáctica" do espazo, "unha calidade inherente aos Museos Científicos".  Un 30% do público deste espazo interactivo, segundo explicou o edil, está vinculado ao alumnado dos centros escolares e ciclos formativos que, durante estes anos, puideron coñecer a máis de 200 especies de animais e plantas que conforman a súa colección biolóxica.

20 anos de actividade

Os vinte anos de vida do Aquarium abranguen numerosos acontecementos singulares. A meirande parte dos mesmos teñen que ver coa incorporación, á súa colección biolóxica, de animais que, co paso do tempo, se converteron nun reclamo para o público. Así, o 13 de abril de 2000 chegaron as focas Petra e Hansi. Tres anos máis tarde, a comezos do período estival, naceron Deben e Altair, as primeiras focas coruñesas e, o 10 de febreiro de 2006, chegou o tiburón Gastón, que actualmente se pode visitar no Nautilus.

En novembro de 2001 púxose en marcha o programa educativo Merendas no Aquarium e, ano ano seguinte, comezou a actividade máis popular do Aquarium, Durmindo con tiburóns. As nenas e nenos durmiron na sala Nautilus, por vez primeira, a noite do 26 de xuño de 2002. Ese mesmo ano inaugurouse tamén O gabinete do capitán Nemo, un dos principais atractivos da Casa dos Peixes.

Ademais, desde o inicio de actividade do espazo municipal, realizáronse programas de formación e investigación. Durante o verán de 1999, Tulia Figueroa, Roberto Gónez e Daniella de Filippo, estudantes da Universidade de Salamanca, realizaron as primeiras prácticas no equipamento. Nestes anos o Aquarium Finisterrae tamén participou en iniciativas de investigación da man do CSIC de Vigo, como no proxecto Hippocampus, no que se estudou, entre os anos 2005 e 2009, as poboacións naturais e a reprodución en catividade de especies protexidas de cabalo de mar.

Durante a presentación, ademais, o director da Casa dos Peixes salientou que, no ámbito expositivo, o espazo sempre procurou que as temáticas das mostras "estivesen vinculadas a cuestións próximas á actualidade ou á sensibilidade pública". "Por exemplo, nos últimos anos, abordamos cuestións como a sobrepresca ou a contaminación do plástico nos océanos", apuntou Franco. Entre as exposicións destes 20 anos, atópase Chapapote --inaugurada en xaneiro de 2003--, conformada por imaxes da marea negra producida polo desastre do Prestige e que captaron profesionais da fotografía de medios de comunicación de todo o mundo. "Precisamente esta marea negra puxo en valor o Aquarium como altofalante da educación ambiental e da preservación do mundo mariño", sinalou.  

A mostra Aquarium Finisterrae: 1999-2019 poderase visitar até o 30 de xuño, no seu horario habitual de apertura nestas datas, como é de 10.00 a 19.00 horas todos os días --o último acceso é unha hora antes do peche, as 18.00 horas--. Para máis información sobre as actividades vinculadas tanto ao Aquarium Finisterrae, coma á Casa das Ciencias ou Domus, pódese visitar o web www.coruna.gal/mc2.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión