Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de marzo de 2017

O Concello abre un novo proceso participativo para definir novos servizos culturais “flexibles e polivalentes” que dean resposta ás necesidades da veciñanza de Mesoiro, Novo Mesoiro, Feáns e Someso

Os concelleiros de Participación, Claudia Delso, e Culturas, José Manuel Sande, presentaron esta nova iniciativa, que abre o día 23 a fase de encontros coa cidadanía, e que conta cun orzamento de 50.000 este ano para desenvolver as accións que deriven do proceso

Os concelleiros de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e de Culturas Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron este xoves o novo proceso participativo coa veciñanza dirixido a recoller ideas, necesidades e propostas concretas que servan como base para articular un "servizo municipal cultural polivalente e flexible, que poida dar resposta no curto prazo ás necesidades dos barrios de Novo Mesoiro, Mesoiro Vello, Feáns e Someso, así como os núcleos de Vío e a Urbanización Breogán. Trátase, como sinalou Delso, dun novo proceso que se abre de forma conxunta entre as dúas concellerías no marco do programa 'A Porta Aberta', co obxectivo de recabar información sobre as necesidades destes barrios, xeograficamente afastados do centro, para que o Concello poida axustar ás necesidades e demandas veciñais "unha oferta cultural actualizada, e adecuada aos cambios socio-demográficos e urbanos experimentados nesta parte da cidade nos últimos anos". Tal e como explica Delso, a situación xeográfica destas zonas fai que, pese a contar cun centro cívico municipal, un polideportivo e un centro de saúde, Novo Mesoiro careza doutros equipamentos, como unha biblioteca. "A vontade do Concello pasa, a curto prazo, pola articulación dunha oferta ampla de servizos culturais", recorda a concelleira de Participación. A este respecto, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento ten xa unha partida de 50.000 euros, dentro dos orzamentos deste ano, consignada para realizar as accións que se deriven do resultado do proceso, "desde un punto de lectura ata as actividades varias que saian do resultado", apunta o responsable desta área que, neste sentido, avanza a necesidade de servizos de biblioteca detectada nestas zonas, "pola carencia destes usos e pola anterior desatención". Como remarca, procesos como o que se abre constitúen "un reto de como afrontar a necesaria descentralización e atención a todos os lugares da cidade desde o Goberno, que son outras das claves desta iniciativa".

Este novo proceso participativo  abre o vindeiro xoves, día 23, unha  fase de encontros presenciais e obradoiros, abertos a todas as persoas que queiran participar, que dá continuidade ao traballo previo desenvolvido nas últimas semanas, segundo indica a concelleira de Participación, en alusión a unha primeira fase de diálogo coa veciñanza e ao traballo previo de recollida de información a través de entrevistas coas asociacións veciñais e comerciais da zona, as entidades culturais e deportivas, os centros de ensino e os colectivo e axentes clave dos barrios e núcleos obxecto deste proceso. O primeiro destes encontros terá lugar ese xoves, día 23, ás 20.00 horas, no centro cívico de Novo Mesoiro, un encontro informativo aberto que non precisará de inscrición previa, dirixido a expoñer como será o desenvolvemento do proceso participativo. A seguinte semana, os días 28 e 30, celebraranse no mesmo espazo dous obradoiros de traballo, o primeiro dos cales -ás 11.00 horas- vai dirixido a persoas maiores e xubiladas, e o seguinte  -20.00 horas-, a familias e mocidade. Ambos diispoñerán de servizo de interpretación de signos e de conciliación para a atención de menores que acompañen ás persoas participantes.

Tal e como informou a concelleira de Participación durante a comparecencia, unha vez remate esta fase abrirase un espazo final de reflexión colectiva que pechará o proceso, e no que se debaterán as achegas formuladas polas persoas participantes, entidades e colectivos. Ademais, quen o desexe pode presentar ideas, demandas ou propostas a través do enderezo electrónico participacionovomesoiro@gmail.com.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión