Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de novembro de 2017

“O goberno local ten unha fonda aposta por abrir espazos municipais que propoñan novas modalidades de xestión e que empoderen á veciñanza”, salienta a edil de Participación

O Concello impulsa 'Hiperespazos', unhas xornadas formativas "para avanzar cara a novos modelos de xestión e uso de espazos culturais e sociocomunitarios na Coruña"

José Manuel Sande e Claudia Delso presentaron a proposta, aberta á cidadanía e ao persoal que traballa en equipamentos institucionais, e que se celebrará no centro Ágora do 21 ao 23 de novembro

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a edil de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentaron esta mañá a iniciativa Hiperespazos. A casa fóra da casa, unhas xornadas formativas e abertas á cidadanía para afondar, desde a reflexión colectiva, na xestión innovadora e en novos modelos de residencias artísticas, así como de espazos culturais e sociocomunitarios. Tal e como destacou José Manuel Sande, este proxecto municipal, que se celebrará entre os días 21 e 23 de novembro no Centro Ágora, "é unha reflexión máis que pertinente para o momento actual". "Imbuídos en tantos procesos socio-políticos e culturais, e de como xestionar os espazos públicos dos que dispón a cidadanía, cómpre promover o diálogo sobre as diferentes opcións que existen, e cales son as vías posibles para a súa posta en marcha", expuxo o edil, quen lembrou que na cidade "existen poucos precedentes neste eido que tiveran impulso ou acompañamento institucional". "A última reflexión colectiva neste aspecto, promovida polo Concello, tivo lugar no ano 2010, nunhas xornadas sobre modelos culturais que deron lugar, por certo, á configuración do estudo das diferentes opcións de uso sociocomunitario do antigo cárcere provincial", afirmou Sande.  

O proxecto Hiperespazos. A casa fóra da casa nace do traballo conxunto, segundo indicou o edil de Culturas, entre a súa área e a de Participación. "Este goberno ten ideas comúns de indagación sobre os diversos usos dos espazos e de modelos culturais, tal e como se está a demostrar desde hai dous anos, pero ademais pareceunos interesante vincular estas liñas coa propia investigación da Concellería de Participación en relación cos espazos públicos existentes no termo municipal, así como o sentido que poden ter", explicou o titular da área de Culturas.

Así, a proposta Hiperespazos, que fai referencia de xeito simbólico á proxección e imaxinación do espazo que está por construír, permitirá achegar á cidadanía exemplos de todo o Estado que funcionan de xeito innovador arredor do concepto de residencia artística, da planificación e uso integral de espazos culturais e socio-comunitarios, así como da aposta de cada territorio polo seu talento artístico e polo desenvolvemento da súa creatividade. Será a través da participación de persoal técnico de bibliotecas, centros cívicos e sociais, espazos culturais e autoxestionados ou promotor de residencias artísticas de diferentes municipios, co obxectivo de facilitar a aprendizaxe colectiva "dos distintos universos que conforman o hiperespazo", sinalou Claudia Delso: as persoas --tanto equipo como usuarias--, as estruturas administrativas e xurídicas, os recursos económicos, técnicos e materiais, o diálogo co contexto ou a identidade propia, entre outros.

"O obxectivo destas xornadas é promover esta reflexión é que, máis pronto que tarde, poidamos ter exemplos de modelos de xestión e uso diferentes aos habituais e establecidos, e que posibiliten o empoderamento e xestión cívica, así como a corresponsabilidade por parte dos colectivos da cidade, e da veciñanza dos distintos barrios, como xa acontece, noutras cidades do Estado", afirmou a responsable municipal. A este respecto, a edil lembrou que o goberno local "ten unha aposta forte por abrir espazos que propoñan novas modalidades de xestión e uso", e puxo como exemplo a convocatoria pública para a dinamización socio-comunitaria do antigo cárcere provincial, "ou o proceso posto en marcha noutro dos espazos singulares da cidade, como é o Faro de Oza, co obxectivo de abrilo á veciñanza con outro modelo de xestión máis simple e accesible". Nesta liña o executivo coruñés tamén está a traballar no centro de José Toubes, "un proxecto que posibilitará a creación de espazos polivalentes", destacou a concelleira.

A proposta tamén afonda, segundo salientou José Manul Sande, "na liña de colaboración que o Concello mantén co tecido creativo local", posto que conta co comisariado e coordinación do Coletivo RPM --cuxos membros Caterina Varela, Félix Fernández e Sabela Mendoza acompañaron a Sande e Delso na rolda de prensa--, e coa produción a Asociación Cultural eSe8.

Programa

Hiperespazos comezará o martes 21 de novembro, cun parladoiro inaugural no que se presentarán os obxectivos da proposta. De seguido Diego Garulo, técnico da Sociedade Municipal Zaragoza Cultural, trasladará a súa experiencia como coordinador, desde o concello zaragozano, de Harinera ZGZ, unha antiga fábrica recuperada como espazo de cultura comunitaria dedicado á participación activa e a transformación urbana a través da creatividade; e realizarase unha entrevista aberta a Santiago Eraso, que foi director do Centro de Arte y Cultura Contemporánea Arteleku, e responsable de contidos de Madrid Destino --responsable da xestión de Matadero Madrid, Conde Duque, Medialab-Prado--. A tarde finalizará cun coloquio denominado Universo persoas, no que se analizarán os perfís de quen habita ou habitarán un hiperespazo, desde o equipo responsable até persoas usuarias, convidadas ou beneficiarias, e porase sobre a mesa cuestións sobre como acadar un espazo inclusivo e integrador, por exemplo.

Na xornada do 22 de novembro abordaranse cuestións como as administrativas xurídicas, os afectos e os recursos. Así, durante a mañá. Natalia Oliete e María Bascompte trasladarán a súa  experiencia como membros da entidade responsable da xestión cívica da Casa Orlandai, equipamento de titularidade municipal do Concello de Barcelona e que actualmente acolle a 29 entidades, ofrece diversos servizos así como un programa de talleres e actividades culturais co obxectivo de dinamizar cultural e socialmente o barrio de Sarriá. A continuación, Cristina Alonso, coordinadora artística de El Graner --dependente do Mercat de les Flors-- , e que forma parte do proxecto integral Fábricas de Creación do Concello de Barcelona, abordará o traballo desta entidade. Tras unha pausa, celebrarase unha mesa na que analizarán os diversos modelos de xestión e usos que se poden empregar nos espazos, as estruturas administrativas e xurídicas das que poden formar parte, as cláusulas que se poden engadir aos contratos ou as ferramentas xurídicas que existen para acoller a unha compañía en residencia. A mañá pecharase cunha entrevista a Laia Forné, socióloga e asesora da área de participación e territorio do Concello de Barcelona.

Na sesión da tarde, Montse López e Santiago López achegarán á cidadanía a experiencia do espazo veciñal autoxestionado EVA Arganzuela, un proxecto que reúne desde 2014 a diferentes sectores do distrito madrileño, e que son responsables, conxuntamente, do proceso de xestión, por parte do Concello de Madrid, dun espazo de autoxestión cidadá para usos socioculturais. A continuación, o co-fundador de Chévere, Xesús Ron, falará do proxecto de residencia teatral que desenvolve a compañía --Premio Nacional de Teatro no ano 2014-- no Concello de Teo, un modelo experimental de relación público-privado que ten, como principal obxectivo, fixar o funcionamento dunha compañía a un espazo estable implicándose na contorna local. Pecharán a xornada un parladoiro sobre o Proxecto Cárcere, no que participarán os membros do colectivo Alberto Fortes e Alfonso Rodríguez, e dúas mesas redondas. A primeira delas, Universo Afectos, analizará as relacións entre as redes colaborativas para que estas se consoliden grazas a unha mellora dos coidados. Na segunda, Universo Recursos, porase sobre a mesa as condicións mínimas, así como de excelencia, de traballo, así como os graos de adecuación dos espazos para as distintas tipoloxías de usos.

Na última xornada de Hiperespazos, o xoves 23 de novembro, a tenente alcalde do Concello de Cerdanyola del Vallès, Elvira Vila, trasladará a experiencia do proceso de participación cidadá para a definición de uso e xestión de Ca N'Altamira, a antiga biblioteca da localidade, e o alcalde do Concello de Oleiros, Ángel García Seoane, da xestión de equipamentos municipais. A mañá tamén inclúe unha formación de Tere Badía sobre Hangar, o centro de creación e investigación en artes visuais de Barcelona, e unha mesa redonda titulada Universo Diálogo co contexto, que abordará os mecanismos de relación entre os distintos axentes involucrados ou afectados pola deriva dun espazo ou programa, así como a interrelación entre as distintas capas. Pecharán a tarde do día 23 as experiencias do colectivo coruñés RPM en relación ao seu proxecto Residencias Paraíso, un programa piloto de residencias artísticas para as artes de movemento en Galicia, e dúas novas mesas redondas. A primeira delas, o Universo Diñeiro, afondará en cuestións orzamentarias e financeiras, así como de dignidade profesional e sustentabilidade do sector. Finalmente, Criterios e Identidade, porá en relación a construción da identidade dun hiperespazo cos criterios que definen o seu ADN e as necesidades da comunidade, e do contexto, que forman parte do mesmo.  

O acceso ás xornadas Hiperespazos. A casa fóra da casa é libre e gratuíto ata completar a capacidade, previa inscrición no enderezo hiperespazos@coruna.es. Para máis información sobre o proxecto pódese consultar a páxina web http://hiperespazos.tumblr.com

Documentos:

Programa Hiperespazos (309 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión