Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de febreiro de 2019

O goberno local recupera a celebración do ‘Xoves de Comadres’, que reivindica o papel da muller nestas festas e que renderá homenaxe a Emilia Pardo Bazán

O Concello presenta a programación municipal do Entroido, "a festa espontánea e irreverente, ateigada de compoñentes transgresores, na que a cidadanía ocupa o primeiro plano"

José Manuel Sande destaca o protagonismo das comparsas e do barrio de Monte Alto na celebración do Martes de Carnaval, ao que tamén se refire no cartel deste ano a súa autora, a ilustradora Bea Lema

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou nesta xornada a programación municipal do Entroido 2019, celebración que se estenderá desde mañá, venres 22 de febreiro, até o mércores 6 de marzo. O edil salientou o carácter "irreverente, espontáneo e popular dunha festa na que a auto-organización da cidadanía ocupa o primeiro plano". "Fronte a outras políticas culturais que se practican desde a tutela e os paternalismos, na Coruña abordamos a celebración  do Entroido desde o protagonismo cidadá. A conxunción de elementos colaborativos e de transformación, transgresores e cheos de humor falan da súa condición de festa cidadá intocable", sentenciou Sande.

O responsable municipal destacou as principais trazos da programación deste ano, "que inclúe unha nómina importante de propostas", así como das anteriores edicións promovidas polo goberno local, "que se abordaron desde a necesaria mistura da tradición e modernidade, acompañadas de publicacións específicas e toda unha actividade que complementa perfectamente a esencia popular destas destas". "O cartel de autor, a descentralización das accións, a sublimación das artes escénicas e do humorístico con especial incidencia no público infantil ou o protagonismo da participación popular e das comparsas definen ao Entroido coruñés", apuntou o edil. Entre as novidades deste ano, sitúase, á petición das comparsas, a recuperación do Xoves de Comadres, proposta "que honraba ás mulleres históricas da cidade e que reivindica o papel feminino no Carnaval". A festa, que se celebrará o xoves 28 de febreiro, renderá homenaxe a Emilia Pardo Bazán e acompañarase dun Encontro de Mulleres no Obelisco, ademais dun percorrido polas rúas da cidade.

Cartel de autor

O goberno local incide, un ano máis, na súa aposta pola visibilización da creación local a través do cartel de autor, "que acadou moito éxito e incluso, no 2017, pasou por un momento absurdamente controvertido", sinalou José Manuel Sande en relación ao traballo do debuxante Alberto Guitián. Este 2019 a autora é a ilustradora Bea Lema, a primeira muller gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada, e no que rende homenaxe ao martes de Entroido do barrio de Monte Alto. "A obra de Lema cumpre con todas as expectativas e reflicte perfectamente o espírito e trazos fundamentais do carnaval coruñés", apuntou o concelleiro.

Pola súa banda, a autora explicou esta mañá o seu traballo "é unha interpretación libre da rúa da Torre, do ir e vir da xente, disfrazada, durante o martes do Entroido". "O cartel pretende representar o espírito destas festas e o seu ambiente permisivo", sinalou Lema, quen destacou a utilización da cor "como elemento característico e asociado ao carnaval".

Programación

A programación do Entroido 2019 comezará o venres 22 co XX Concurso de Orella e, o domingo 24, co Concurso de Comparsas, na modalidade de música e letra, no Pazo da Ópera. Despois do Xoves de Comadres, o venres 1 de marzo terá lugar o XXXIII Concurso da Filloa e a actividade centralizarase na zona centro da cidade, con pasacalles de Viravolta Títeres e Charanga Fanfarria Taquikardia. Como novidade, ás 19.30 horas, terá lugar a ofrenda floral a Nito na avenida Pedro Barrié de la Maza e, ás 21.00 horas, será a Entronización do Deus Momo no Cantón Grande, acto no que participarán as comparsas gañadoras do concurso deste domingo 24. A continuación, ás 23.45 horas, iniciarase o Velorio da Sardiña, que terá continuidade todos os días até o mércores 6.

Na xornada do sábado 2, a praza de Lugo acollerá, a partir das 12.30 horas, o espectáculo Futurismo galáctico da compañía colombiana Tchyminigagua. Pola tarde, contra ás 17,30 horas, comezará o tradicional Desfile de Entroido, que percorrerá o Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Mariña e a praza de María Pita. Durante a súa celebración terá lugar o concurso de carrozas e comparsas, na modalidade de vestiario e fotografía, cuxos premios se entregarán na mesma praza, na que tamén haberá unha verbena a cargo da orquestra Foliada.

Martes de Carnaval

O día grande das festas será, como é tradicional, o martes de Entroido, xornada na que o barrio de Monte Alto "acaparará todo o protagonismo", apuntou Sande. A xornada contará, desde pola mañá, con actividades infantís, torneos de petanca, a homenaxe ao choqueiro do ano --Gabriel Gómez Carballo--, e as tradicionais ofrendas florais a Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato 'Palau' --tal e como lembrou o concelleiro, este ano ofrenda a Nito trasladarase ao venres 1 de marzo, ás 19.30 horas, antes da Entronización do Momo--.  Durante a tarde sucederanse pasacalles na rúa Torre e os tradicionais concursos de disfraces, tanto o infantil --17.00 horas-- como a festa choqueira --20.00 horas--. O grupo local Rockers go to hell amenizará a celebración con concertos tamén na rúa Torre ás 19.15 e ás 21.00 horas.

Ao día seguinte, na tarde do 6 de marzo, comezará o peche da celebración. Ás 20.30 horas será o responso final previo ao enterro da sardiña, na rúa Real, e ás 20.45 horas terá lugar a saída da comitiva fúnebre que, acompañada pola Charanga Ruada e Revival Stompers, se dirixirá cara á praia de San Amaro. Contra ás 21.30 horas unha sesión de fogos artificiais porá o broche á programación festiva do Entroido.

Publicación 'Choqueiros'

O edil de Culturas tamén indicou que este ano o Concello editará unha nova publicación vinculada arredor da orixe e do percorrido histórico destas festas na cidade. Así, o luns 18 de marzo, terá lugar a presentación de Choqueiros e Mascaritas. Entroido Coruñés (1883-1936), do historiador e investigador Xosé Alfeirán, un traballo que dá continuidade ao volume do ano pasado --Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés ata 1882, tamén de Alfeirán-- e que recolle a tradición local até o ano 1936,  punto no que dá comezo a publicación de O apropósito coruñés. Unha ollada desde dentro, de Antón de Santiago, editada tamén polo Concello no ano 2017. A presentación do novo libro terá lugar no local dos Maracos.

Precisamente o voceiro e membro fundador desta comparsa, Romualdo Irijoa, convidou á veciñanza a participar nas festas, á vez que rendeu homenaxe ao veciño de Monte Alto Wenceslao Beceiro, Wences, falecido recentemente, "unha persoa moi querida por todas as comparsas e que até o último día dos seus 93 anos estivo troulando con todas e todos nós". 

Documentos relacionados

  • PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2019 A CORUÑA (1 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión