Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2017

O Concello presenta 'Jastas Pista', unha iniciativa de 'Cultura de Barrio' que "achegará a danza á veciñanza no propio espazo público" dun xeito lúdico e participativo en outubro

O edil José Manuel Sande sinala que as actividades, que inclúen un maratón de baile por parellas, desenvolveranse tanto no Campo da Leña como no Centro Cívico de Monte Alto

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a iniciativa Jastas pista, unha proposta do Colectivo RPM enmarcada na convocatoria municipal de apoio a asociacións e entidades culturais Cultura de Barrio, e que ten como finalidade achegar a danza contemporánea e o corpo en movemento dun xeito lúdico, educativo e participativo á cidadanía. Tal e como salientou o edil, a proposta, que se desenvolverá no mes de outubro no barrio de Monte Alto, trátase da única iniciativa do plan municipal "que afonda no achegamento á veciñanza e normalización das artes do movemento, e faino a través da recuperación do espazo público por parte das coruñesas e coruñeses".

Así, durante o próximo mes, desenvolveranse tanto no Campo da Leña como no centro cívico do barrio un conxunto de actividades dirixidas á involucrar á cidadanía, como encontros, talleres ou un concurso de baile por parellas, todas elas abertas de balde e abertas á veciñanza, seguindo así as bases da convocatoria pública promovida pola Concellería. "De novo, Cultura de Barrio contribúe a desenvolver experiencias sociocomunitarias e artísticas por toda a cidade e, neste caso, promove e incide ademais esa idea de mover o propio corpo para mover e transformar a contorna", expuxo o concelleiro, que estivo acompañado na rolda de presentación por Caterina Varela, Ruth Balbís, Félix Fernández e Alexis Fernández. Baixo o concepto de Jastas pista, segundo sinalou Varela, "promoverase un conxunto de accións participativas dirixidas a persoas non profesionais da cidade co obxectivo de achegar a creación contemporánea dun xeito amable, transmitir as súas lóxicas á veciñanza e, a través de prácticas experienciais, posibilitar que as veciñas e os veciños da Coruña rematen bailando".

A proposta dividirase en tres bloques de contidos. Así, nas mañás de domingo de outubro no Campo da Leña, desenvolverase Let's dance, catro sesións de dúas horas de danza --de 11.30 a 13.30 horas--  dirixidas por un artista do Colectivo RPM e un creador ou unha creadora convidada, e que serán Armando Martén, Cristina Montero, Ánxela Blanco e Iván Marcos. A participación é libre, pero é recomendable avisar con antelación no correo rpmcolectivo@gmail.com na mesma semana da actividade.

O segundo bloque será Remezcla Popular, un proceso de creación no que un coreógrafo --Leodán Rodríguez -- traballará cunha comunidade non profesional da cidade, cuxo resultado mostrarase o último domingo do Jastas Pista. O grupo terá como referencia unha obra existente --Cara Pintada, de Janet Novás-- e, a partires deste punto, misturará o traballo dun xeito creativo. "A convocatoria está aberta para calquera persoa, de calquera idade, que lle apeteza vivir un proceso de creación a través do corpo", salientou Rut Balbís.Finalmente, o domingo 29 de outubro celebrarase o Maratón Jastas Pista no Campo da Leña, un concurso de baile por parellas para a veciñanza que contará coa música do DJ Jas Processor, Areta Bolado como mestra de cerimonias e un xurado popular "que premiará ás parellas máis dinámicas con premios relacionados coa danza e co corpo", segundo explicou Félix Fernández. Para participar neste maratón de baile, só é necesario inscribirse no correo rpmcolectivo@gmail.com

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión