Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de febreiro de 2019

O Concello publica as bases dos concursos de comparsas, carrozas e disfraces do Entroido, cuxo prazo de inscrición abre mañá

Os certames de choqueiros e das categorías infantís terán lugar o martes 5 de marzo no barrio de Monte Alto, mentres que o concurso de comparsas na modalidade de música e letra será o 24 de febreiro no Pazo da Ópera

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de publicar nesta xornada, na súa páxina web as bases dos concursos do Entroido na cidade, cuxo prazo de inscrición se abrirá mañá. Como é habitual, durante o carnaval coruñés celebraranse certames abertos á veciñanza de comparsas, carrozas, disfraces infantís e de choqueiros, que tamén contará cunha modalidade para os e as menores.

O límite para formalizar a inscrición gratuíta nos concursos de comparsas e carrozas, aberto a persoas e tamén entidades, remata o venres da semana que vén, 22 de febreiro, o e pódese facer a través do envío da folla de inscrición dispoñible no web municipal de Culturas ao correo electrónico entroido.imce@coruna.es, ou mediante a súa presentación nas propias oficinas do IMCE (avenida da Mariña, 18). Para as modalidades de disfraces e choqueiros, tamén é preciso realizar a inscrición, pero esta terá lugar no mesmo día da celebración, o martes de Entroido --5 de marzo-- que, como é habitual, é festivo na cidade. As inscritas nos concursos de comparsas e carrozas formarán parte do habitual desfile de Entroido, que percorrerá as rúas da cidade o sábado 2 de marzo, a partir das 17.30 horas.

No caso da modalidade de comparsas de música e letra, celebrarase previamente un concurso, que terá lugar o domingo 24 de febreiro ás 18.00 horas no Pazo da Ópera, no que se escollerán as actuacións gañadoras. Cada grupo deberá interpretar dúas cancións inéditas de non máis de catro minutos co seu acompañamento musical. Estes temas, tanto as letras como a gravación, deberán acompañar á ficha de inscrición. Un xurado elixido para a ocasión deberá decidir a que grupos outorga os tres premios --de 1.500 euros o primeiro, 1.200 o segundo e 800 o terceiro-- e un máximo de catro accésit de 150 euros cada un, que dependerá do número de participantes. A comparsa que resulte gañadora mesta modalidade deberá interpretar as súas cancións no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar o venres 1 de marzo. O resto das comparsas participantes tamén deberán estar presentes no acto de entronización, e percorrerán xunto a carrozas e comparsas de vestiario as rúas da cidade no desfile do día 2. A veciñanza tamén terá a ocasión de escoitar as cancións gañadoras nun programa de radio especial Entroido 2019 que se emitirá o 5 de marzo en directo dende o Campo da Leña.

O certame dos grupos de vestiario e coreografía terá lugar durante o propio desfile de carrozas e comparsas do sábado 2. Un tribunal decidirá os cinco premios previstos --de entre 1.500 e 300 euros-- e os accésits, que serán 15 como máximo. O xurado, á hora de emitir o seu ditame, deberá valorar a singularidade das creacións, os materiais de elaboración, a confección artesanal e a súa complexidade, o volume de elementos presentados, os acabados dos disfraces así como a graza para a súa porte e as coreografías que as comparsas desenvolvan durante o desfile.

As carrozas deberán ser estruturas de grandes dimensións sobre rodas, ben sexa autopropulsada ou remolcada, confeccionada ao efecto e convenientemente deseñada e decorada. As medidas permitirán propostas dun máximo de 8 metros de longo, 2,5 de ancho e 4 metros de alto. Ademais, non poderán levar elementos cortantes, o decorado será de material ignífugo, cada unha delas contará cun extintor homologado e non estará permitida a reposición de combustible durante a celebración. Ao remate do desfile, o xurado puntuará cada carroza en función da súa singularidade, e terá presente os materiais de elaboración, a construción artesanal, a complexidade, os acabados da proposta e a concordancia da carroza coa comparsa á que acompaña. Repartiranse cinco premios -de entre 1.500 e 300 euros- e un máximo de 5 accésits.

Concurso de disfraces e choqueiros

O 5 de marzo, Martes de Entroido, a festa trasladarase ao barrio de Monte Alto. O concurso de choqueiros premiará a imaxinación de quen, de maneira individual ou en grupo, se disfrace sen utilizar traxes comerciais. A inscrición realizarase o propio día 5 entre as 19.00 e as 20.00 horas na entrada principal da Escola Municipal de Música (rúa Torre, 67). As persoas participantes mostrarán as súas galas choqueiras a partir das 20.00 horas nun escenario que se instalará na confluencia entre rúa da Torre e Curros Enríquez e poderán gañar entre 600 e 150 euros segundo a modalidade, que será individual ou de grupo. Todas aquelas persoas nadas antes do 31 de decembro de 2006 poderán participar neste concurso. Para as persoas nadas despois do 1 de xaneiro de 2007, está previsto o concurso infantil de choqueiros e de disfraces, que tamén terá lugar o martes de Entroido, pero ás 17.00 horas no Campo da Leña. As tres primeiras clasificadas de cada modalidade -individual e de grupo- recibirán vales que se poderán cambiar por lotes de libros de literatura infantil.

Documentos:

Folla de inscrición Entroido 2019 (35 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión