Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de xaneiro de 2018

O Concello publica as bases dos concursos de comparsas, carrozas e disfraces do Entroido, que comenzan o 4 de febreiro

O barrio de Monte Alto acollerá o vindeiro día 13 a exhibición de disfraces de choqueiros

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de publicar na súa páxina web as bases para inscribirse nos concursos do Entroido na cidade. Celebraranse competicións de comparsas -en dúas modalidades: de música e letra e de vestiario e coreografía-, carrozas, disfraces infantís e de choqueiros, que tamén contará cunha modalidade para os e as menores. O límite para formalizar a inscrición gratuíta nos concursos de comparsas e carrozas, aberto a persoas e tamén entidades, remata ás 14.00 horas do día 26 de xaneiro e pódese facer a través do envío da folla de inscrición ao correo electrónico imce@coruna.es, ou mediante a súa presentación nas oficinas do IMCE (Avenida da Mariña, 18, 15001 A Coruña). Para as modalidades de disfraces e choqueiros é preciso inscribirse tamén, pero farase o mesmo día da celebración, marcada para o 13 de febreiro, martes de Entroido e festivo local na cidade, no barrio de Monte Alto.

As inscritas nos concursos de comparsas e carrozas formarán parte do habitual desfile de Entroido, que percorrerá as rúas da cidade o sábado 10 de febreiro a partir das 17.30 horas. A modalidade de comparsas de música e letra celebrará previamente un concurso, marcado para o domingo 4 de febreiro ás 18.00 horas no Pazo da Ópera, para elexir as actuacións gañadoras. Cada grupo deberá interpretar dúas cancións inéditas de non máis de catro minutos co seu acompañamento musical. As letras e unha gravación dos temas deben acompañar á ficha de inscrición. O xurado estará composto por membros da corporación municipal e cinco persoas de recoñecido prestixio do ámbito artístico e cultural e deberá decidir a que grupos outorga os tres premios -de 1.500 euros o primeiro, 1.200 o segundo e 800 o terceiro- e un máximo de catro accésits de 150 euros, que dependerá do número de participantes. A comparsa que resulte gañadora deberá interpretar as súas cancións no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar o 9 de febreiro no Obelisco. O resto das comparsas participantes tamén deberán estar presentes no acto de entronización, e percorrerán xunto a carrozas e comparsas de vestiario as rúas da cidade no desfile do día 10. Haberá ocasión de escoitar as cancións gañadoras no programa de radio especial Entroido 2018 que se emitirá o martes 13 de febreiro en directo dende o Campo da Leña entre as 12.20 e as 14.00 horas.

O concurso para os grupos de vestiario e coreografía terá lugar durante o desfile de carrozas e comparsas do sábado 10. Un xurado composto por cinco persoas de reconocido prestixio e dúas representantes do Concello decidirá os cinco premios previstos -de entre 1.500 e 300 euros- e os accésits, que serán 15 como máximo. Valorarase a singularidade das creacións, os materiais de elaboración, a confección artesanal, a complexidade da confección, o volume de elementos presentados, os acabados dos disfraces e os seus complementos, así como a graza para a súa porte e as coreografías que as comparsas desenvolvan durante o desfile. Tamén será un requisito que participen en todo o percorrido do desfile e que un ou unha representante da comparsa que resulte vencedora acuda ao programa de radio Entroido 2018.

As carrozas participantes deberán ser estruturas de grandes dimensións sobre rodas, ben sexa autopropulsada ou remolcada, confeccionada ao efecto e convenientemente deseñada e decorada. Non poderán superar as medidas máximas previstas -non máis de 8 metros de longo, 2,5 de ancho e 4 metros de alto- nin tratarse de turismos decorados. Ademais, cada unha delas deberá contar cun extintor homologado. A singularidade das carrozas, os materiais de elaboración, a construción artesanal, a complexidade, os acabados da proposta e a concordancia da carroza coa comparsa á que acompaña serán os factores que deberá puntuar o xurado ao remate do desfile. Repartiranse cinco premios -de entre 1.500 e 300 euros- e un máximo de 5 accésits. A persoa representante da carroza que reciba o primeiro premio participará tamén no programa de radio Entroido 2018.

Concurso de disfraces e choqueiros

As vestimentas máis estrafalarias veranse o martes de Entroido no barrio de Monte Alto. O concurso de choqueiros premiará a imaxinación de quen, de manera individual ou en grupo, se disfrace sen utilizar traxes comercializados. A inscrición realizarase o propio día 13 entre as 19.00 e as 20.00 horas na entrada principal da Escola Municipal de Música (rúa da Torre, 67). As participantes mostrarán as súas galas choqueiras a partir das 20.00 horas nun escenario que se instalará na confluencia entre rúa da Torre e Curros Enríquez e poderán gañar entre 600 e 150 euros segundo a modalidade. Todas aquelas persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 2006 poderán anotarse neste concurso. Para quen o fixera antes desta data está previsto o concurso infantil de choqueiros e de disfraces, que terá lugar o martes de Entroido ás 17.00 horas no Campo da Leña. As tres primeiras clasificadas de cada modalidade -individual e de grupo- recibirán un lote de libros de literatura infantil.

Documentos:

Bases - Concursos Entroido 2018 (358 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión