Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de novembro de 2017

O goberno local avanza "no seu compromiso inalterable coa recuperación da memoria" coa posta en marcha da Oficina Municipal de Atención ás Vítimas da Represión a principios de 2018

O alcalde, Xulio Ferreiro, anunciou a apertura do órgano durante a inauguración das xornadas ‘Memoria e Democracia’, nas que tamén deu a coñecer que o Concello impulsará unha Cátedra Universitaria de Memoria Histórica en colaboración coa UDC

A Coruña contará, a partir do ano 2018, cunha oficina municipal de atención ás vítimas da represión franquista. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Xulio Ferreiro, durante a súa intervención na inauguración das xornadas Memoria e Democracia, impulsadas polo goberno local e que se celebran desde hoxe e até este sábado, 18 de novembro. O executivo municipal plasma así o contido da moción impulsada polo propio grupo de goberno no pleno o pasado 6 de febreiro, e aprobada pola corporación, á vez que segue a liña doutras iniciativas postas en marcha polo goberno local "a prol da recuperación e restitución da memoria histórica", nas que se inclúen, entre outras, a adecuación do rueiro á Lei de Memoria Histórica, a rehabilitación do monumento ás vítimas da represión franquista no Campo da Rata ou a apertura á cidadanía "dun espazo tan simbólico como o antigo cárcere provincial". "O noso compromiso coa Memoria é inalterable e non está suxeito a ningunha discusión", sinalou Ferreiro. "Por iso, nas primeiras semanas do ano que vén, e en colaboración coa Universidade da Coruña, poñeremos en marcha esta oficina, logo de incorporar ao Concello á rede de municipios polo acceso á xustiza das vítimas do franquismo", avanzou o rexedor. A apertura desta oficina incluirá tamén á sociedade civil, e contará co apoio da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica. O novo organismo recibirá tamén soporte intelectual a través dunha nova Cátedra Universitaria de Memoria Histórica, segundo anunciou o alcalde. "Esta cátedra, que nace tamén dun acordo coa UDC, achegará á oficina a vía de investigación académica necesaria para ofrecer apoio tanto á entidade como a todas aquelas persoas que soliciten información á mesma", sinalou o primeiro edil coruñés.  Durante a súa intervención, o alcalde tamén lembrou que o goberno local vén de impulsar a creación do Consello da Memoria Democrática, órgano consultivo e de participación en relación coas políticas municipais de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da ditadura. Este consello, segundo destacou o primeiro edil coruñés, "ten a finalidade de promover a reparación moral e a recuperación da memoria persoal e familiar daquelas persoas que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa durante a guerra civil e a ditadura". O novo ente está aberto á participación, "tanto dos grupos municipais como de asociacións, entidades, investigadores e investigadoras que traballen pola recuperación da memoria histórica", aseverou Ferreiro.

As xornadas Memoria e Democracia celebraranse durante hoxe e mañá no Paraninfo da Universidade da Coruña, e inclúen unha ruta na mañá do sábado 18 por espazos vinculados á memoria histórica na contorna da Torre de Hércules, como o memorial Xérmolos da Paz e Liberdade ou o antigo cárcere provincial, entre outros.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión