Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de agosto de 2018

O goberno local dá luz verde ao proxecto do Deportivo para a instalación de novo alumeado nas bancadas e no campo de Riazor, que complementa a renovación e mellora das cubertas que acomete o Concello

A Xunta de goberno local aprobará este xoves o proxecto elaborado pola entidade deportiva, que deriva da addenda ao convenio entre administración local e club asinada o pasado ano

A Xunta de goberno local de carácter extraordinario que se celebrará este xoves aprobará o proxecto do Deportivo da Coruña polo que a entidade deportiva abordará a instalación dun novo alumeado no campo e nas bancadas do estadio municipal de Riazor, espazo que o equipo usa de xeito gratuíto en base a un convenio coa administración local que se reforzou o ano pasado. Esta obra vén a complementar a intervención que neste momento está a desenvolver o Concello no estadio e que consiste na renovación e mellora das cubertas do recinto. "Coa aprobación deste proxecto, que chega aos 1,6 millóns de euros (IVE incluído), a cidadanía poderá gozar nuns meses dun estadio de Riazor moi renovado e no que se abordaron moitas das necesidades estruturais do recinto, que cada dúas semanas acolle a miles de veciños e veciñas desta cidade", comentou o concelleiro de Culturas e Deporte, José Manuel Sande.

O acordo acadado en xuño do pasado ano entre Concello e Deportivo da Coruña, e que se plasmou nunha addenda no convenio existente (que databa do ano 2000), establecía unha serie de obrigas que reforzaría a colaboración entre ambas entidades en temas como o fomento do deporte base, a promoción da imaxe da cidade e a renovación de infraestruturas en Riazor. A administración local comprometeuse a, con cargo ao orzamento municipal, acometer as obras de renovación da cuberta do estadio, a fin de dotar a infraestrutura da calidade e a seguridade requiridas. Pola súa banda, o club acordou realizar no estadio obras complementarias ás abordadas polo goberno local para a mellora da imaxe do recinto. "Así, e logo de que o proxecto do Deportivo recibise o informe favorable do servizo de edificación, a Xunta de goberno local deste xoves autorizará ao club a execución das obras, que contarán coa supervisión municipal", indicou Sande. "O proxecto autorizado será executado polo Deportivo, e o Concello non asumirá, neste caso, ningunha responsabilidade subsidiaria ante terceiros. Non obstante, a sociedade deportiva terá que acatar, en todo momento, as instrucións que deriven do traballo de inspección municipal que se levará a cabo", indicou o titular de Deportes.

"É unha moi boa noticia para a cidadanía o feito de que, ademais das importantes obras de renovación das cubertas, vaiamos a ampliar e complementar a actuación cun proxecto de entidade, que contribuirá á mellora da promoción da cidade", resumiu o responsable municipal.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión