Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos: Bernardo Atxaga e Antón Reixa

Este é ciclo "Poetas di(n)versos", citas mensuais co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo, que no 2014 recibiu o Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.

A quen vai dirixido:

Persoas adultas

Cando:

17/12/2018

Xa rematou

Inscricións:

Entrada libre ata completar a capacidade

Horario:

20.30h

Duración:

1h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Documentos:

PoetasDinversos_decembro18.pdf (850 KB)

Este encontro terá lugar o vindeiro luns 17 de decembro, e seguirano encontros mensuais ininterrompidos ata xuño do 2019.

Nesta ocasión, Yolanda Castaño faille coincidir a estes dous poetas: Bernardo Atxaga e Antón Reixa.

Bernardo Atxaga, nado en Asteasu en 1951, é un dos escritores vascos máis sobranceiros de todos os tempos. O seu nome real é Jose Irazu Garmendia. Entre os seus libros publicados en galego e castelán (que podes consultar en Cascarilleiro, o catálogo da Rede de bibliotecas) cabe salientar Obabakoak (1989, Premio Euskadi, Premio Nacional de Narrativa), O fillo do acordeonista (2004, Premio Grinzane Cavour, Premio Mondello, Premio Times Literary Supplement Translation Prize), Sete casas en Francia (2009, finalista no Independent Foreign Fiction Prize e seleccionado pola revista Publishers Weekly coma un dos quince mellores libros de ficción publicados nos Estados Unidos no 2012) e Días de Nevada (2013).

No ámbito da literatura infanto-xuvenil, destacan Memorias dunha vaca (1991, incluído no catálogo de Julia Eccleshare 1001 Children´s Books You Must Read Before You Grow Up) e os libros do personaxe Shola (The Adventures of Shola foi elixido por The Independent coma un dos mellores libros infantís de 2013, e no 2015 obtivo o Premio Marsh).

En canto á poesía, publicou o seu primeiro libro, Etiopía, en 1978, e foi Premio Cesare Pavese do ano 2003 pola tradución italiana de Poemas & Híbridos.

A súa obra está traducida a máis de trinta linguas, e foi levada ao cinema por Montxo Armendariz, Aizpea Goenaga, Imanol Rayo e Fernando Bernués. É membro de Euskaltzaindia, a Academia da Lingua Vasca, e en 2014 foi nomeado pola AELG Escritor Galego Universal.

Vigués do 57, Antón Reixa, é autor de narrativa, teatro, prensa e poesía. Comezou o seu traballo literario a finais dos 70 como fundador do grupo de comunicación poética Rompente, e baixo o seu selo se estreou co Silabario da Turbina. Nas seguintes décadas seguiríanlle, entre outros, A Dama que fala nos 80, o vídeo-libro Ringo Rango nos 90, Látego de algas nos 2000 ou as súas cancións compiladas baixo o título Viva Galicia Beibe en 2016. Dun cariz máis narrativo, a súa última obra publicada é a recentísima MICHIGAN/ Acaso Michigan.

Como músico foi cantante e letrista, fundamentalmente con Os Resentidos. Por outra banda, exerceu como profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario, mais acabou por orientar moito a súa faceta profesional cara o audiovisual; dirixindo, producindo e escribindo guións para tv e para o cinema (produciu máis de vinte filmes, incluídos O lapis do carpinteiro ou Gordos), ademais de ser autor de videocreacións, director e produtor dunha chea de videoclips, documentais, espazos de reportaxes, teleseries e programas de radio. Reixa presidiu a produtora Filmanova e as súas filiais entre 1999 e 2017. Tamén foi  residente do Clúster Audiovisual de Galicia e mais da SGAE, e na actualidade traballa no CGAI, a filmoteca de Galicia. Mentras, continúa co seu traballo literario e de letrista, amais de colaborar en medios escritos (entre eles Luzes.gal), radiofónicos (é tertuliano con Julia Otero) e audiovisuais.

Moitos materiais de Antón Reixa están dispoñibles no catálogo da Rede.

Coma sempre, unha libraría de proximidade poñerá á venda os títulos das convidadas, quen se ofrecerán a asinar exemplares.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión