Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos: Natalia Toledo e Celso Fernández Sanmartín

Ben profundo na terra e nas vellas tradicións orais dos seus pobos nacen as palabras deste lalinés e desta poeta mexicana en lingua zapoteca. Será un recital tinguido de oralidade, folclore e sabio legado de tradición.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

27/03/2017

Xa rematou

Horario:

20.30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada libre ata completar a capacidade

Documentos:

Folleto-poetas-marzo-2017-correcto.pdf (6 MB)

Natalia Toledo nace en Juchitán (Oaxaca) en 1967. É unha poeta de expresión maiormente zapoteca, aínda que tamén en español. Graduada pola Escola Xeral de Escritores de México (SOGEM), ademais de poeta é autora de contos e tradutora ao zapoteco. Recibiu bolsas do FONCA (Fondo Nacional para a Cultura e as Artes) para linguas indíxenas nos anos 1994, 2001 e 2004, e a de novos creadores do FOESCA (Fondo Estatal para a Cultura e as Artes) en 1995. Membro do Sistema Nacional de Creadores desde 2008, en 2010 realizou unha residencia artística na Universidade RMIT de Merbourne (Australia).

Ademais de catro libros de contos e un de traducións, publicou os poemarios Paraíso de fisuras (1992), Ca guna gu bidxa, ca guna guiiba' risaca [Mulleres do sol, mulleres de ouro] (2002), Guie' yaase' [Oliveira negra] (2004) -que recibiu o premio Nezahualcóyotl de Literatura, único Premio Nacional de literatura indíxena contemporánea en México-, Xtaga be'ñe' [Flor de pantano] (2005) e Dechebitoope [O dorso do cangrexo] (2015). O seu traballo literario inspirou óperas, ela mesma gravou tamén tres discos da súa poesía. Ademais de libros completos en inglés, francés e grego, poemas e relatos seus foron publicados en antoloxías e revistas en traducións ao mixe, chinanteco, mixteco, maia, inglés, italiano, francés, vietnamita, esloveno, alemán, grego, chinés, punjabi e éuscaro.

A irmá de Eurídice

Plantei un pochote no medio do camiño

e aledeime polas follas que me abrazaron,

dentro dunha nube que pasaba saltou unha culebra e

mordeume, caín polo talo da árbore até chegar ao cuarto

de Eurídice.

Ela sentiu mágoa por min e dixo:

O que aquí cae desgranará a culpa da soedade,

e así viñera Orfeo

xa non volverán os días en que o sol bañaba o teu corpo.

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN

Nacido en 1969, o lalinense Celso Fernández Sanmartín licenciouse en Filosofía pola Universidade de Santiago. Ademais de poeta, é contador de contos e historias de tradición oral, faceta profesional que o leva por diferentes lugares do mundo. Durante moitos anos, en Lalín, traballou como animador sociocultural nunha residencia para persoas maiores.

A súa obra poética foi publicada maiormente en edicións de autor e de moi pequena tirada, o que non impediu que sexa enormemente apreciada polos lectores e a crítica. Esta, adoita encadralo na chamada Xeración dos 90, década na que se deu a coñecer. Fíxoo cos volumenes Divagaciós iu (1991), O tigre das cenorias (1994), Libro de poemas sen título (1995), Propiamente son captivo (1997), aos que máis adiante seguiron Fucsia, talladas, estampados, boca (2001), Arroz en branco con corazós cocidos (2010) e Fam pam (2013). Tamén colaborou co artista Álvaro Negro en Abro a xanela e respiro o aire fresco da fin do mundo (2009) e co fotógrafo Carlos Quintá en Pasaxeiras (2012). Ademais, ten publicada unha recollida de postais co título de Gratas e boas novas (2011), así como os despregables Dúas caras atentas (2013) -poemas que acompañan a dous colares deseñados por Baraka- e Repoboar (2015).

        

Este xabón

Este xabón acabouse

Queda unha lesca, unha escama

que

ou se pega a outro xabón

ou escapa da palma da mau

Ten o tamaño da pastilla da cabeza

e non chega para a cara

O xabón foime remedio dei sacado o anel que apertaba de

traballar engordáronme os dedos

Este xabón non leva azulete, azulete levábao o que faciamos

na casa

Leva outro tinximento Levará leite

Vaise gastando e vai abrancazando coma miolo sen ollos

Se queda pousado na humidade

vólvese visgoso, a lama da pileta lle chamaba

Axudoume a sacar o carmín do entroido

Ó non usalo, sécase

e xa se fala do xabón eterno

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión