Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de abril de 2017

Sande presenta 'Contornas Imaxinarias', do programa 'Cultura de Barrio', que "dará a coñecer á veciñanza e dinamizará os múltiples activos culturais da Cidade Vella"

A iniciativa, aberta á participación da cidadanía e que se porá en marcha o martes 18, desenvolverase durante dous meses.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá un novo proxecto enmarcado no programa de apoio a entidades locais Cultura de Barrio, impulsado pola súa área. A iniciativa, nomeada Contornas Imaxinarias, está promovida pola asociación El Ambigú, e ten como obxectivo "dinamizar e dar a coñecer á veciñanza os múltiples activos culturais da Cidade Vella, ademais de favorecer a descentralización da programación de eventos polo municipio", segundo indicou o edil. A través de diversas accións, que se desenvolverán desde a semana que vén e até o mes de xuño, Contornas imaxinarias mostrará na rúa o traballo de dez artistas que habitan no barrio e cuxo traballo entrará en relación co mesmo. "O proxecto desenvolverase a través de numerosas accións de diversas  disciplinas, como as artes plásticas, o deseño, a música ou a fotografía, co obxectivo de axitar cultural e socialmente unha zona de efervescencia, na que están a acontecer situacións que se deben poñer en valor", explicou o concelleiro.

O responsable municipal estivo acompañado na rolda de prensa polas coordinadoras do proxecto, Beatriz del Monte e Daniela Arias, que afondaron na idea "dunha circunstancia extraordinaria para A Coruña", na que se manifesta que unha alta porcentaxe de creadoras e creadores locais residen ou teñen o seu espazo de traballo na Cidade Vella, "unha área do municipio de numerosa riqueza patrimonial e que mantén a esencia do barrio, que ten vida", sinalaron. Así, un grupo de dez artistas serán emprazadas e emprazados en diversas localizacións, de forma individual e durante unha xornada, co "obxectivo de sacar, durante un día, o seu traballo á rúa e ás prazas, para que interactúe co lugar", afirmou Del Monte.

Na proposta participarán os fotógrafos Simone Maestra e Alfonso Rego, o actor e pedagogo teatral Marchos Suncheese, as pintoras Ánxela Pérez Meilán e Yolanda Dorda, ademais do pintor Ramón Astray, os músicos Javier Pardiñas e Óscar Ramone, o deseñador gráfico Javier de la Rosa e ou artista visual Fernando Pujalte, Sr. Lily.  Todo o proceso documentarase a través do soporte audiovisual e fotográfico, coa finalidade de "difundir entre a veciñanza da Coruña, a través de diversas canles, o que está a acontecer no barrio, desde o cotiá, o pequeno, o día a día", explicou Del Monte, así como de producir unha peza e reportaxe coas que se traballarán nunha segunda fase, que terá lugar no mes de xuño, e dará pé, a través dun momento festivo, a unha devolución do proxecto ao barrio.  

Ademais destas producións audiovisuais e fotografías, que se proxectarán ao aire libre unha vez finalice o período das intervencións, Contornas Imaxinarias contará cun blog, a modo de diario de bitácora, ao que se trasladará esta experiencia na que artistas, veciñanza e organización "conformarán o retrato dun momento vital da Cidade Vella único", co obxectivo de "rexistrar esta actividade e que perdure no tempo", expuxo Daniela Arias. "O noso interese é que todo o mundo poida achegarse, desde calquera punto do planeta, á eclosión artística que está a vivir o barrio", aseverou. A iniciativa tamén contará cunha páxina de Facebook na que a cidadanía poderá seguir ao día as accións que se desenvolvan e participar nas mesmas.

A primeira terá lugar na mañá do martes 18 de abril, a partir das 11 da mañá, na que o pintor Ramón Astray intervirá sobre unha das ventás do xardín de San Carlos, "que, dalgún xeito, abren a Cidade Vella ao exterior", destacou Beatriz del Monte, quen avanzou outras das actuacións que se levarán a cabo entre o grupo, "como descubrir a través da fotografía as texturas que existen na praza da Fariña".  

Citación polo cartel do Entroido

Preguntado polos medios de comunicación, José Manuel Sande afirmou que o Goberno local toma con "absoluta tranquilidade" a citación á que o edil de Culturas acudirá en calidade do investigado o próximo 17 de abril, ás 12.30 horas, no Xulgado de Instrución número 3 da Coruña. "A situación vén avalada esta mesma semana co reforzo da moción plenaria, que foi apoiada pola maioría da Corporación, e na que se defendeu a liberdade de expresión e artística, así como o carácter de irreverencia do Entroido coruñés e, sen dúbida, a falta de vontade e ofensa que hai neste cartel, que forma parte dunha serie, e que se debe contextualizar dentro do que é o Carnaval, como é o humor, o sentido lúdico e crítico", explicou Sande.

"Nos últimos tempos, vivíronse mitos episodios de represión de liberdades. É curioso como neste caso a consideración de ofensa ao sentimento relixioso precisamente recae sobre un Goberno que sempre foi respectuoso, en todas as súas accións, coas crenzas de todas e de todos, e que sempre levou dunha maneira pausada a separación legal e oficial que debe existir entre a Administración e a Igrexa", expuxo o responsable municipal, quen lembrou que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, "marcou a liña que se ía seguir en relación coa relixión desde o Concello na súa primeira aparición pública despois de ser nomeado rexedor",  o 14 de xuño de 2015, "ao asistir a unha homenaxe á científica María Wonenburger, no lugar de facelo ao do Corpus, feito propio, por certo, dunha Administración que separa as dúas cuestións". "Nunca houbo sentimento anticlerical por parte deste Goberno e esa vai ser sempre a súa liña, respectar todas as crenzas", aseverou Sande.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión