Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de marzo de 2017

Un total de 17 proxectos veñen de ser seleccionados para formar parte da primeira convocatoria de 'Cultura de Barrio', que apoia as propostas socioculturais de asociacións e colectivos de toda a cidade

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, salienta a variedade temática dos traballos seleccionados, así como a descentralización da actividade que suporá esta iniciativa, e indica que os proxectos incluídos no plan obterán a axuda íntegra que solicitaran, ”o que permitirá o seu pleno desenvolvemento”

Un total de 17 proxectos, das 58 propostas recibidas, veñen de  ser seleccionados na primeira convocatoria Cultura de Barrio, que impulsa a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento para apoiar proxectos socioculturais de asociacións e colectivos da cidade e contribuír a deseñar a programación cultural nos distintos barrios. Como salienta o concelleiro responsable desta área, José Manuel Sande, o resultado desta primeira edición, que se inscribe dentro do plan estratéxico dirixido a contribuír á dinamización dos diversos axentes locais no ámbito cultural, cumpre cos obxectivos principais da iniciativa, como é a descentralización da programación cultural e o respaldo a iniciativas xurdidas do tecido sociocultural a través dun proceso de concorrencia competitiva baseado en criterios obxectivos, que permita regularizar este tipo de axudas e no que os proxectos poidan ser analizados e valorados de forma profesional.

Foi unha comisión integrada por profesionais especializados en distintos ámbitos culturais e na que o concelleiro de Culturas exerceu como presidente, con voz pero sen voto, a encargada de valorar as 58 propostas, das que 17 obtiveron a puntuación requirida para formar parte de Cultura de Barrio. En concreto, os proxectos seleccionados son: Acampa, da asociación sociocultural Acampa; O cárcere na rúa, de proxecto Cárcere; O cárcere da Coruña: A memoria do cárcere, investigación e divulgación, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica; AMARgarita verde, de Irene González Veiga e o colectivo Loairas; Radiobarrio de CUAC FM, do Colectivo de Universitarios Activos CUAC; Obxectivo 15010. Mestura cultural no noso barrio, de Josehanna Ledesma Ramírez e o Colectivo Migrantes; Agra d'Arte, da Asociación para a Integración Diversos; A nosa estrela, da Agrupación Astronómica ÍO; Coruña xeitosa, de Marta Galán Rodríguez e a Asociación cultural Vibra; A Coruña black, da ONG Viraventos; Pantasmas de Oza. Construíndo a memoria do barrio, da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros; Cultura es ti, de Laura Sánchez Fernández e o Colectivo Manchea; 1+1 Artistas en microrresidencia, da asociación cultural Sen Ánimo de Nome; Retrata o teu barrio, da Asociación Fotográfica Colectivo CAOS; Meridiano Berbiriana, de Davinia Rico Bravo e o colectivo Toxo; Contornas Imaxinarias, da Asociación Cultural El Ambigú, e, por último, Proxecto Eidos, de María Álvarez Hortas e o Colectivo Miñoco. Ademais, a comisión seleccionou como suplentes seis propostas máis, que acadaban a puntuación mínima requirida, para o caso de que se produzan renuncias. Como pon de relevo o concelleiro, foron elixidos por estrita orde de valoración e, en todos os casos, obtiveron o importe íntegro da axuda que solicitaran -o Plan, que conta cunha contía total de 100.000 euros, establece un máximo de 8.000 euros por proposta-, de xeito que a convocatoria "permitirá o seu pleno desenvolvemento". Neste sentido, Sande valora o nivel de responsabilidade das entidades que se presentaron no ámbito económico e, de igual xeito, a adecuación dos proxectos ás bases propostas.

O concelleiro valorou, á vista do resultado deste primeiro ano, o nivel e a diversidade dos proxectos presentados, nos que hai cabida para propostas relacionadas coa multiculturalidade, traballos dirixidos á recuperación da memoria da cidade desde diversas perspectivas, apostas pola divulgación científica e o coñecemento, polo ámbito ambiental ou pola acción social, entre outras, así como a descentralización acadada a través da diversidade xeográfica de onde proceden. "Iniciativas como este Cultura de Barrio, que se complementa co resto de convocatorias impulsadas pola concellería para dar apoio ás distintas manifestacións culturais da cidade -onde se inclúen iniciativas para o respaldo da actividade da cultura tradicional, das festas de barrios ou da programación deportiva local - veñen reforzar a aposta do Goberno local coas iniciativas e a actividade que parte do tecido cívico, para respaldar o extraordinario potencial que existe na nosa cidade, en concordancia cun concepto da cultura baseado na co-responsabilidade e na co-programación, na que administración debe contar necesariamente coa propia base cultural e creativa da cidade", subliña o concelleiro de Culturas, quen salienta ademais a oportunidade destas iniciativas para acadar "unha interlocución máis intensa e proveitosa co tecido cultural da cidade".

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión