Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de decembro de 2018

A Praza de María Pita acolle dende mañá atraccións infantís, actuacións de teatro, maxia e contacontos e unha tenda solidaria, dentro da programación municipal para o Nadal

O alcalde acompañará a parte do reparto da serie ‘Fariña’ no acendido do alumeado que se celebra hoxe ás 20.00 horas. A Casa dos xoguetes recibiu xa máis de 1.500 doazóns destes produtos co obxectivo fomentar a súa reutilización e a economía circular.

O espazo de Nadal na Praza de María comeza mañá as súas actividades lúdicas, dirixidas especialmente cara aos nenos e as nenas e organizadas pola Concellería de Emprego e Economía Sostible. Dende mañá, 5 de decembro, os e as máis pequenas poderán gozar das atraccións, actuacións de maxia, teatro, circo e conta contos e dúas casetas nas que estarán Papa Noel e na que se situará a Casa dos xoguetes, unha iniciativa que fomenta a reutilización dos xoguetes e a economía circular. O alcalde, Xulio Ferreiro, dará hoxe inicio ás actividades do Nadal no acto de acendido da iluminación para estas festas, que correrá a cargo de parte do reparto da serie Fariña. A cita é esta tarde ás 20.00 xunto a bola de luces situada na avenida da Mariña.

Tanto na carpa instalada na praza como no exterior, estarán en funcionamento dende o día 5 e ata o día 2 de xaneiro as atraccións infantís, entre as que se contan un carrusel clásico, un tren sobre vías, unha noria, dous atraccións de saltos, inchables e photocalls. Os horarios de funcionamento ata o día 21 de decembro son de luns a venres pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas, e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A partires do día 21, os horarios amplíanse tamén ás mañás. Así, abrirán de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, coas excepcións dos días 24 e 31 de decembro, cando as atraccións pecharán unha hora antes, ás 19.00 horas.

A caseta de Papa Noel, que pechará o 24 de decembro, tamén terá tres quendas de horarios. Na primeira, ata o día 21, abrirá só en horario de tarde (de 17.00 a 21.00 horas) e nas fins de semana (de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas). Os días 22 e 23, os nenos e as nenas poderán visitar a Papa Noel de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, mentres que o día 24 pechará ás 19.00 horas. A partir do día 26, nesta caseta haberá obradoiros infantís tanto polas mañás como polas tardes. A tenda solidaria a Casa dos Xoguetes, volverá un ano máis á Praza de María Pita, onde estará operativa ata o día 2 de xaneiro. Esta caseta, que serve como punto de intercambio de obxectos, está impulsada pola Oficina Municipal de Información ás Persoas Consumidoras (OMIC) e ten por lema Un agasallo, un sorriso. O proxecto, de carácter solidario e que trata de favorecer a segunda vida dos obxectos e o consumo responsable para o que é posible realizar doazóns desinteresadas de produtos deseñados ou previstos para seren utilizados con fins de xogo por nenas e nenos de até 14 anos. Dende que se abriu o prazo para a doazón, xa foron depositados máis de 1.500 destes produtos nas oficinas do OMIC. Dende o luns, a súa entrega pode realizarse na propia caseta de María Pita.

Programación de teatro, circo e contos

Ademais, o Nadal na praza de María Pita contará con actividades lúdicas relacionadas coa maxia, o circo, o teatro e os contos que se celebrarán no iglú situado no espazo. A programación realízase en horario de tarde, ás 18.00 horas entre os días 5 e 21 de decembro e comeza o día 5 co espectáculo Enigma de Chrystyan Magic. O 6 será a quenda de Momentos máxicos de Mago Rafa, o día 7 Fani Triana levará a escena Fantasía dos sentidos. O 8 de decembro toca teatro con Prepara la Navidad con Gemola, desta compañía, mentres que o domingo 9 haberá un Conto para un inverno baixo as mantas de Caxoto Contacontos. Un Paxe Real en apuros, tamén de Caxoto Contacontos, chegará o 14 de decembro, nos dous días seguintes, o 15 e o 16, a compañía Asacocirco representará os espectáculos BB Circus (Open Air) e Asacocirco Show. O venres 21 continuarán as actuacións relacionadas co circo, desta volta da man de Sue Moreno con 4.0. Dende día 22 de decembro, o iglú acollerá sesións pola mañá (ás 13.00 horas) e polas tardes (ás 18.00 horas). Ese sábado haberá teatro con Linocho e a lúa e O espírito do bosque, ambas de Títeres Falcatrúa. O Domingo Gemola fai sesión doble de Navidad para toda la familia con Gemola e o luns 24 o mago Rafa representa InfantilMagia pola mañá e Historias de un ilusionista pola tarde. O día 25 Martín Camiña pon a maxia con Abraios Sonoros, xunto a Álvaro Muras, e con Intres de maxia durante a tarde. O mércores 26 haberá improvisación de teatro da man de Noemí Miranda e Marta Iglesias en Impro Eureka e pola tarde en Pizpireta e Rigolina. O xoves 26 volve Chrystyan Magic con Alén da maxia na mañá e Kimera na tarde, mentres que o día 28 é a quenda dos contos de Raquel Quiezás con Ven a conto ás 13.00 horas e O eco das pedras ás 18.00 horas. O penúltimo día de actividades no iglú haberá circo, cos espectáculos de Asacocirco e, para rematar, o día 30, Baobab Teatro representará Contos para un caldiño na mañá e Bailando cos contos pola tarde.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión