Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de novembro de 2019

Celemín destaca o Fanzine Fest como un referente da música electrónica de vangarda

O edil presentou esta mañá a quinta edición, que terá lugar do 5 ao 7 de decembro, e que se completará cun amplo programa de actividades didácticas para a cativada, demostracións en directo e unha feira do disco

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá a quinta edición do Fanzine Fest, que traerá música electrónica de vangarda do 5 ao 7 de decembro a distintos escenarios da cidade como os Museos Científicos, o Teatro Colón, a Fundación Luís Seoane e a sala O Túnel. Artistas recoñecidas/os como The Horrorist, Levon Vincent, Lena Andersson, Galaxian ou Dorian Concept daranse cita nesta entrega que se completará cunha ampla programación didáctica para as crianzas. O edil destacou que o evento xa é un referente a nivel nacional e internacional e agarda que non só atrape a xente afeccionada á electrónica da cidade e de fóra dela, senón que sirva para que a veciñanza allea a este xénero teña unha primeira toma de contacto con el a través de sesións ou obradoiros.

Fanzine Fest é unha iniciativa promovida por Fanzine Project que aposta por ofrecer unha visión heteroxénea e actual da vangarda audiovisual, en que converxerán estilos variados. Nesta quinta edición, o festival destaca tanto pola calidade do seu cartel como pola multiplicidade dos escenarios en que se desenvolve, e pola consolidación do seu formato expandido a través de actividades formativas e workshops que terán lugar os días 6 e 7 de decembro en dúas localizacións vinculadas á creación contemporánea, a Fundación Luís Seoane e o espazo Maker do museo científico Domus.

Os directores do 5.º Fanzine Fest, Roi Grobas e Pablo Cubeiro, deron a coñecer este martes todos os detalles da programación expandida do festival, que conta coa participación do Concello da Coruña, Estrella Galicia, Gadis e WE The Sustainability Project. Así, o programa inclúe o día 6 de decembro unha xornada de portas abertas e viaxes sonoras na Fundación Luís Seoane - onde SON Estrella Galicia instalará un escenario con sesións musicais e formativas, ademais dunha feira de discos para amantes do vinilo.

O centro acollerá tres espazos diferenciados en función do tipo de actividades e públicos, coa idea de lle poder ofrecer a cada colectivo unha experiencia sensorial única. Así, o espazo SONS, que estará aberto das 12.00 ás 3.00 horas, alternará DJ e ao vivo sets dun cartel encabezado polo británico Galaxian, e onde tamén estarán presentes Amulador, Bosidilong, Kushan Khan Nomind, Lefrenk, Viktor Flores, Pervert, The Panic Room e o dúo RAM, gañador da I Convocatoria de Música Electrónica promovido este ano por Fanzine Project.

Entre as actividades paralelas destacan "A feira do disco", un lugar de encontro e intercambio de música; un obradoiro de reciclaxe con caixas de cartón e unha serie de acción de concienciación baixo a denominación The Wall. O espazo Obradoiros, dirixido a persoas adultas, abrirá de 12.00 a 20.00 horas con obradoiros temáticos, charlas coloquio e demostracións en directo de artistas recoñecidas/os da escena contemporánea audiovisual, como Sergi Palau ou Oswld. Este punto tamén será o espazo en que WE The Sustainability Project e o colectivo Retoque Retro presenten as súas propias liñas de traballo e actuación, vinculadas ao activismo ambiental e á sustentabilidade.

Por último, o espazo Nenas/os ofrecerá actividades musicais e culturais para público infantil e xuvenil entre as 12.00 e as 20.00 horas. Coa colaboración de WE e Gadis, este apartado contará con talleres que lles demostrarán ás e aos máis pequenos a aplicación das novas tecnoloxías á música; un obradoiro específico para afondar na

figura do DJ con elementos básicos dos ritmos, frecuencias e sons; unha sesión de customización de pezas; unha práctica de movemento e percusión corporal, ademais de construción de instrumentos; ou un taller de creatividade e arte con lixo mariño.

Todas as propostas infantís son gratuítas pero contan con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas poderán reservar praza en www.fanzinefest.com. Así mesmo, durante a xornada, utilizaranse vasos compostables para reducir o impacto ambiental do evento.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión