Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de xuño de 2019

Hoxe comeza a programación do Orgullo 2019, que nesta edición conmemora o 50° aniversario de Stonewall

A programación desenvolverase entre os días 26 e 29 de xuño e contará con música, obradoiros de danza e coñecemento corporal, representacións e música

Con motivo da festividade do Orgullo LGTBQI, a programación do Orgullo A Coruña 2019 centrarase na memoria e o activismo do colectivo LGTBQI e no 50° aniversario da revolta de Stonewall, en Nova York, cunha programación de actividades. 

A programación arrincará hoxe cun obradoiro Cabaré Queer no Centro Cívico da Cidade Vella e seguirá mañá, día 27 de xuño, ás 18.00 horas, cun faladoiro na Casa Museo Casares Quiroga no que, da man de Lola Ferreiro, e coa presentación de activistas de Les Coruña, abrirase un espazo de diálogo sobre o recoñecemento dos movementos sociais pola liberdade afectivo-sexual na consecución de dereitos para as persoas LGTBQI. Ao remate do faladoiro, presentarase a performance A+A, de Ricardo Barreiro, un espectáculo cheo de humor que se centra na vida cotiá e nas relacións dentro do colectivo.

O venres 28 de xuño, Día do Orgullo LGTBQI, dende as 21.30 horas, terá lugar o xa tradicional evento festivo reivindicativo no Campo da Leña, que contará coa música do colectivo Venga Venga, de Tetas´ Van e MoreAmore DJ´s. A seguinte xornada, a do sábado 29 de xuño, terá o seu epicentro na praza de Azcárraga onde, ás 11.00 horas, terá lugar a presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, e Fóra do normal, de María Reimóndez. Ambos os dous libros serán presentados por integrantes de Queeruña, o Club de Lectura LGTQI da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña. Estas presentacións darán paso, ás 13.00 horas, a unha sesión de contacontos Drag dirixida ás máis pequenas para, a continuación, pechar cunha Sesión Vermú Orgullo. 

Na seguinte ligazón atoparedes a información completa sobre horarios e actividades: 

http://www.coruna.gal/igualdade/es/programas-y-actividades/orgullo-2019

Atlantic Pride

O Atlantic Pride ofrecerá máis dunha ducia de actuacións en directo nas prazas José Sellier e Cormelana os días 9, 10 e 11 de xullo. A Semana do Orgullo do Norte comezará coa festa ABBA o domingo 7 de xullo na Fundación Luis Seone e finalizará coa actuación da Casa Azul no escenario Estrella Galicia nos Xardíns de Méndez Núñez. 

Os concertos comezarán o martes con Carolina Rubirosa, unha das compositoras e cantantes máis prometedoras de Galicia. Compartiu escenario e traballos discográficos con artistas como Coque Malla, Miguel Ríos ou Andrés Calamaro, ademais de gravar coa Real Filarmónica de Galicia. O seu talento foi recoñecido en diferentes concursos como o Revolution Unplugged de Europa FM ou o Concurso de bandas Estudos Mans. Actuou en Moscova, Helsinqui, Támpere ou Liverpool como vocalista do grupo feminino The Funkles. Ese mesmo día actuará Ortiga. O artista -ata hai tan só unhas semanas a metade de Esteban&Manuel- é capaz de crear melodías que serven para bailar sen parar ou para gozar dun pogo violento neste novo proxecto en solitario divertido e sorprendente. Unha mestura de música de verbena, a cumbiatune, metalcore, autotune diabólico, salsa ou son MIDI, entre outros moitos.

Astrogirl chegará o mércores para presentar o seu último traballo TORO, un LP autoeditado este mesmo ano. A artista continúa fiel ao seu estilo, con sons e estruturas pop, unha coidada composición, a voz chea de matices e as letras cargadas de significado. Non lle chames "perreo", chámalle "cadeleo" é o himno a este tipo de baile de Los Jinetes del Trópico que estarán o mércores no Atlantic Pride. A formación leva máis de tres anos tocando e publicou outros tantos EPs nos que exploraron ritmos como o reggae, o ska ou a cumbia, antes de destacar no reggaetón galego. 

O cartel do xoves contará con Lau e Aamigafea. A novísima cantautora Lau caracterízase pola súa versatilidade e multiculturalidade: de ascendencia brasileira, educación galega e conviviu coa cultura estadounidense. Unha mestura que deu como resultado unha cantautora cun acento de identidade propia, dona dunha voz doce, carismática e enérxica que ten como referencia a Ed Sheeran. Cos seus temas aparentemente mundanos, Aamigafea revela o universal, co que calquera podería identificarse. Toman como base o pop electrónico para desenvolver os seus performance sobre o escenario, mentres reflexionan sobre as vicisitudes da vida posmoderna desde a perspectiva do outsider. 

Antes destas actuacións, a Semana do Orgullo do Norte empezará a quentar motores o domingo 7 de xullo cunha festa ABBA na fundación Luis Seoane e finalizará coas actuacións das Chillers e A Casa Azul, no escenario Estrella Galicia dos Xardíns de Méndez Núñez, o venres e o sábado respectivamente. 

Unha semana de festexos, cultura, gastronomía -na que non faltarán as foodtrucks- e integración, que nace coa intención de converterse nunha das grandes citas estivais da cidade. O Atlantic Pride conta co apoio das catro entidades LGTBIQ+ da Coruña: Orgullo Coruña, A.L.A.S. Coruña, CASCO e Les Coruña. Así como coa colaboración do Consorcio de Turismo, a Concellería de Cultura e o patrocinio de Neograf, Schweppes, Corunet e Estrella Galicia.  

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión