Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xuño de 2019

Inés Rey asiste á exposición conmemorativa do X Aniversario da inscrición da Torre de Hércules en Patrimonio da Humanidade

A alcaldesa comprometeuse a revisar o cumprimento de todos os parámetros da UNESCO e anunciou o impulso do Centro de Interpretación e Atención ao Visitante

Coincidindo coa data do décimo aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, Inés Rey, alcaldesa da Coruña, asistiu á inauguración da mostra de postais da Torre ao longo do século XX, cedidas polo Arquivo Municipal ao Centro de Interpretación e Atención ao Visitante. 

Acompañada de Jesús Javier Celemín, concelleiro de Cultura e Educación, Henrique Tello, ex-concelleiro de Turismo, Lanzada Calatayud, xerenta do Consorcio de Turismo e de Alejandro de Arce, director da Torre de Hércules, Rey insistiu na importancia de "protexer un dos emblemas da cidade que conta cun recoñecemento como monumento ao máis alto nivel internacional". Comprometeuse así a "revisar o cumprimento de todos os parámetros da UNESCO na súa conservación e xestión", co impulso do Centro de Interpretación e Atención ao Visitante -CIAV-, coa mellora da contorna da Torre de Hércules, un ecosistema de gran diversidade natural, así como coa revisión do uso do aparcadoiro.

Inés Rey fixo unha mención especial aos impulsores da candidatura da Torre a monumento Patrimonio da Humanidade da Unesco: Segundo Pardo-Ciórraga, Javier Losada e o doutor José Luis Vázquez Iglesias, alcumado "Manito", que guía co seu nome o camiño até a Torre.

A exposición fotográfica denominada "O patrimonio natural da contorna da Torre de Hércules" componse dun total de 20 paneis, ilustrados con imaxes da flora e fauna presentes neste espazo, así como de paisaxes e accións levadas a cabo na súa contorna máis próxima. Cada panel acompáñase de sinxelos textos explicativos que procuran informar brevemente as persoas lectoras sobre as características das especies representadas, ou as particularidades e contexto das escenas representadas, á vez que resaltan a súa vinculación con este enclave natural. 

A Torre de Hércules é, sen dúbida, patrimonio con maiúsculas. Historia, arquitectura, paisaxe e natureza conflúen en perfecta harmonía, permitíndolles ás/aos visitantes gozar dunha experiencia única que se ve completada cando o percorrido comprende desde as entrañas ata a contorna do emblemático faro. A través desta breve mostra fotográfica preténdese resaltar a rica diversidade biolóxica que envolve de cor e vida o espazo natural da Torre. O seu coñecemento é a base para lograr o seu adecuado estado de conservación. Aves, mamíferos, anfibios, réptiles, invertebrados e plantas destacan aquí como auténticas protagonistas, fiel reflexo da súa presenza na contorna e gratas compañeiras nas visitas ao redor do faro.

Luz e Son de Hércules

O sábado 29 de xuño o monumento converterase nun xigantesco escenario para a proxección de 36 metros de alto con máis de 24.000 vatios de potencia de son e unha banda sonora específica.

Baixo o nome `Luz e Son de Hércules´ as paredes do monumento servirán de gran pantalla de 36 metros de alto para o espectáculo audiovisual exclusivo que se celebrará como remate do programa do X Aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade, nunha iniciativa organizada polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.

A proxección, que comezará ás 23.00 horas, constitúe o punto central dun amplo programa de actividades, será levada a cabo pola empresa Acciona Producciones y Deseño (APD), que ofrecerá nun espectáculo tridimensional o diálogo entre a Torre de Hércules e un vello mariñeiro que actúa como narrador, e traza un fío argumental cronolóxico que pon en valor a historia e a mitoloxía que rodea o monumento. A historia recolle episodios como a batalla entre Hércules e o xigante Xerión, as grandes rutas atlánticas dos navegantes, e a Torre como testemuña e emblema da cidade e rematará no presente para poñer o foco nunha cidade cosmopolita e moderna que se proxecta cara ao futuro.                                                     

Achégate a min

O espectáculo `Luz e Son de Hércules´ enlazarase co concerto exclusivo `Achégate a min´ de Mercedes Peón, que comezará ás 21.30 horas. Deseñado pola artista en exclusiva para esta contorna e esta data, o concerto está pensado como unha expansión artística electrónica e conceptual nese espazo a través da Torre.

Peón sinalou que esta proposta é unha "chamada sonora, vocal e electrónica de vangarda desde os catro puntos cardinais da rosa dos ventos". No concerto, que tamén será de entrada libre, participarán Mónica de Nut e Ana García, as voces líricas de Laura González, Laura Garrido e Yolanda Alleges, e coa proposta escénica de Laura Iturralde.

Durante toda a xornada do sábado na contorna da Torre sucederanse distintas actividades para todos os públicos como exposicións, visitas guiadas e talleres infantís gratuítos pero con inscrición en talleresinfantilescoruna@gmail.com así como campamentos romanos e teatro.

Entre os días 24 e 28 de xuño realizarase tamén unha edición especial de Visitas Nocturnas, coordinadas polos informadores turísticos da Torre, tamén con reservas en torredehercules.reservas@coruna.es 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión