Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de setembro de 2019

Normalización Lingüística dálle a benvida ao outono coa celebración do Día do Apego

As familias con crianzas de 0 a 6 anos poderán desfrutar dunha morea de actividades o vindeiro 21 de setembro no Centro Ágora.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o Día do Apego, que se desenvolverá o vindeiro sábado 21 de setembro, de 10.30 a 13.30 h e de 16.00 a 19.30 h, no Centro Ágora.  

Con el, o Concello da Coruña quérelles agradecer a todas as familias a súa pertenza ao programa Apego, unha iniciativa de 30 concellos galegos que xa conta co Premio Rosalía de Castro ou o Premio da Cultura Galega, entre outros, e convidar outras novas a se sumaren a este proxecto colectivo que procura fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial, de construír o futuro desde as raíces e a lingua propia.  

Todas as actividades neste Día do Apego son gratuítas e van desde os espazos de entrada libre até os eventos que requiren a inscrición previa. Para estas últimas, terán preferencia as familias que forman parte do programa no noso concello; para elas, abrirase o prazo o xoves 12 de setembro, ás 10.00 h, e o martes 17 abrirase ao público en xeral, se quedaren prazas.  

Programa de actividades

Pola mañá, ás 10.30 h, abriranse os diferentes espazos de entrada libre que, durante a xornada, estarán ao dispor das familias: o espazo de xogo libre Terra (de 10.30 a 13.30 h), o espazo de xogos de mesa Brazolinda (de 10.30 a 13.30 h e de 16.00 a 18.00 h) e a mostra comentada de recursos en galego Ali.gal (de 10.30 a 13.30 h e de 16.00 a 18.30 h).  

Asemade, iranse ofrecendo as diferentes actividades (que requiren inscrición previa) ao longo da mañá e da tarde:

• Dous pases de "Na casa", de Caramuxo Teatro, ás 11.15 e ás 12.30 h, unha actividade dirixida a crianzas de 1 a 3 anos e que terá unha duración aproximada de 45 minutos.

• Dous pases de "Quen canta Alí?", de Fabaloba e Luís Prego, ás 11.15 e ás 12.30 h, unha actividade dirixida a crianzas de 1 a 3 anos e que terá unha duración aproximada de 45 minutos.

• Tres obradoiros de chapas, con Fabaloba, dirixidos a crianzas de máis de 4 anos, dous pola mañá: ás 11.15, ás 12.30, e pola tarde, un ás 16.30 h, cunha duración aproximada de 50 minutos.

• Na tarde, ás 16.30 h contaremos cunha sesión de "Fíos do querer", de Cê Orquestra Pantasma, o seu espectáculo para crianzas de 0 a 3 anos, cunha duración aproximada de 45 minutos.

• Por último, para lle poñermos o ramo a este Día do Apego, A Gramola Gominola traeranos as súas "Bravas. O rexurdimento da luz" ás 18.30 h, cun concerto dirixido a crianzas de máis de 3 anos dunha hora de duración aproximada.  

Na axenda de Normalización Lingüística, pódense consultar as condicións de cada unha das actividades, así como o xeito de inscrición nas que así o requiran.   

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión