Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xullo de 2018

Un total de 14 proxectos reciben subvencións municipais dentro do programa ‘Cultura de Barrio’, que apoia as propostas socioculturais de asociacións e colectivos da cidade

O concelleiro José Manuel Sande salienta que esta liña de axudas afonda na aposta do Goberno local por potenciar a programación que xorde do tecido cultural, a súa diversificación e descentralización nos barrios

Un total de 14 proxectos socioculturais presentados por asociacións e colectivos da cidade obtiveron unha subvención, dentro da convocatoria Cultura de Barrio que impulsa a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento e que dedica 100.000 euros para contribuír a descentralizar e aumentar a programación cultural e as accións de ámbito sociocomunitario nos barrios. "Trátase de proxectos derivados da sociedade civil, nos que colectivos culturais ou artísticos e entidades tradicionais, sociais e veciñais ofrecen versatilidade e calidade. Un total de 14 proxectos que a cidade verá nos vindeiros cinco meses", explicou o edil de Culturas, José Manuel Sande. Nesta segunda edición do programa, que neste ano pasou a ter carácter de subvención, presentáronse un total de 23 asociacións, das que nove non puideron obter unha das axudas ao incumprir os requisitos esixidos (en cinco dos casos), non acadar a puntuación mínima (en tres dos casos) ou, a pesar de superar o corte por puntos, por exceder co seu proxecto o máximo de orzamento dedicado por Culturas á iniciativa (nun caso).

"O programa de subvencións Cultura de Barrio vén a dar apoio a distintas manifestacións culturais da cidade que xorden do tecido cívico e que teñen un potencial extraordinario. É unha liña de axudas que concorda coa filosofía desde Goberno local de impulsar un panorama cultural que non estea copado pola Administración pública, senón na que, a través da programación, se potencien as voces e as iniciativas que teñen a súa base cultural e creativa na cidade", salienta o concelleiro. Esta política de actuación complétase con outras liñas de axudas da concellería que contribúen a dar apoio a distintas manifestacións culturais da cidade, como a tradicional, as festas de barrios ou a que xeran os espazos culturais privados e as salas escénicas da cidade.

Unha comisión integrada por profesionais especializados en distintos ámbitos da cultura, na que o concelleiro de Culturas exerceu como presidente, foi a encargada de valorar as 23 propostas dentro dun proceso de concorrencia competitiva baseado en criterios obxectivos e no que os proxectos foron analizados e valorados de forma profesional. Como pon de relevo o concelleiro, todos os proxectos obtiveron o importe íntegro da axuda que solicitaran, o que "asegura o pleno desenvolvemento" das propostas. O concelleiro valorou o nivel e a diversidade dos proxectos presentados, nos que hai cabida para propostas de intervención no espazo público procedentes dos máis diversos ámbitos artísticos --do mundo teatral á danza, da vertente expositiva á musical, dando cabida á interdisciplinariedade da expresión cultural contemporánea-- e coa integración, a recuperación da memoria, a igualdade e a conciencia ambiental "como elementos vitais e enriquecedores".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión