Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de marzo de 2018

Yolanda Castaño, Xosé Iglesias, Siro López e María Solar participarán na edición desta primavera dos 'Paseos pola Coruña literaria'

As xeiras, de inscrición gratuíta e de 55 prazas cada unha, terán lugar entre os meses de marzo e xuño

Volven os Paseos pola Coruña literaria para dar a coñecer unha perspectiva diferente da cidade da man de diversas autoras e autores. Os tradicionais paseos, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello xunto á Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega prolongaranse durante os meses de marzo a xuño e terán como protagonistas nesta primeira quenda do 2018 a Yolanda Castaño, Xosé Iglesias, Siro López e María Solar, que repetirá experiencia tras a elevada demanda de solicitudes recibidas para o seu paseo na pasada edición, na que abordou a pegada da expedición Balmis no municipio.

O primeiro dos paseos terá unha contará coa participación da directora do ciclo Poetas Di(n)versos, Yolanda Castaño, e levará como título A saúde dos poetas. Será o vindeiro 24 de marzo, ás 12.00 horas, no que a poeta coruñesa fará un percorrido pola súa Coruña, "porque as xeracións non só se len, tamén se viven, porque as poetas son animaliños que poden saír tanto nos libros de texto coma nos bares da noite, alguén que se sente acompañada polo luxo canalla de toda unha cuadrilla tan humana coma divina fainos un percorrido polas súas autoras contemporáneas, e antes que nada compañeiras".

A segunda das xeiras terá lugar o 14 de abril, tamén a partir das 12.00 horas, e terá como guía ao poeta Xosé Iglesias. Neste paseo partirase dun lugar próximo ao mar, que é para o autor habitual no desenvolvemento do seu traballo. O grupo achegarase até o fronte das Illas de San Pedro, con paradas intermedias no percorrido onde intercalarán a lectura de poemas que son o día a día da vida dun mariñeiro de Galicia.

O terceiro paseo, que terá lugar o 12 de maio a partires das 12.00 horas, abordará a obra e figura de Álvaro Cebreiro da man de Siro López. O grupo percorrerá a cidade para coñecer os lugares relacionados cun profesional que fixo numerosas achegas á ilustración galega e que acadou un estilo moi persoal como humorista gráfico e caricaturista. A Praza do Humor terá, nesta xornada, un espazo propio, para poñer de manifesto o papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

Finalmente, o 9 de xuño, a partires das 17.30 horas --única actividade que terá lugar en horario vespertino--, repetirase o paseo pola Coruña con María Solar, autora de Os nenos da variola, no que a xornalista recuperará a memoria da cidade que foi o escenario da Expedición Balsmis, que partiu en 1803 do peirao coruñés na corveta María Pita para levar a vacina da varíola a América, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos.

A actividade é gratuíta, pero cada paseo está limitado a 55 prazas e é necesaria, polo tanto, a inscrición previa en cada unha das xeiras, que se pode facer tanto de forma presencial no Centro Ágora, coma no teléfono 981.189.888 ou a través dun correo electrónico a lingua@coruna.es --no que deberá constar o nome e apelido das persoas inscritas, así como un teléfono de contacto-- a partires das 09.00 horas dos respectivos días de inscrición. No caso de Yolanda Castaño, abrirase o 12 marzo. Para os vindeiros, as datas de apertura dos prazos para formalizar a solicitude serán os días 2 de abril (Xosé Iglesias), 30 de abril (Siro López) e 28 de maio (María Solar).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión