Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de agosto de 2018

A Concellería de Culturas outorga subvencións a 27 propostas de creadores e creadoras da cidade dentro do programa Grupo Xerminal

O edil José Manuel Sande salienta que esta liña de axudas, de concorrencia competitiva, “reforza, impulsa e dá visibilidade ao traballo que se realiza no municipio”

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento resolveu a concesión das subvencións do Plan de Apoio á Creatividade Grupo Xerminal, unha das liñas de apoio ao tecido cultural local da cidade postas en marcha polo goberno local e que, neste caso, busca dar soporte ás iniciativas do eido das artes escénicas, a música, o libro, o audiovisual, así como calquera outro tipo de manifestación artística. Un total de 27 propostas obtiveron unha subvención, que pode acadar un máximo de 3.600 euros para financiar o 100% do proxecto, que pode presentar diversas modalidades, como exposicións ou instalacións temporais, exhibicións, recitais, performance ou intervencións sobre o territorio. Tal e como indica o edil de Culturas, José Manuel Sande, esta liña, que suma 87.804,82 euros en subvencións que se conceden por concorrencia competitiva, "reforza, impulsa e dá visibilidade ao traballo das distintas creadoras e creadores que existen na cidade, de maneira que teñen unha nova ferramenta para manter a súa produción e continuar a alimentar o pulso creativo da cidade".

Nesta primeira edición da iniciativa, á que se destinaron 120.000 euros de orzamento, presentáronse un total de 41 proxectos, dos que 11 non foron admitidos por non cumprir coas bases da convocatoria e outros tres porque non acadaron a puntuación mínima para optar á subvención, cuxa convocatoria foi avaliada por unha comisión de persoas representantes do tecido asociativo e de institucións culturais da cidade. Os criterios de valoración, tal e como se indicaba nas bases, tiveron en conta o interese cultural e a calidade do proxecto, a súa calidade artística e técnica, a investigación e innovación, a cooperación ou sinerxias con axentes culturais, sociais ou educativos da Coruña; a intervención sociocultural do proxecto e á súa viabilidade e precisión, así como a traxectoria e coñecementos da persoa solicitante dentro do ámbito da iniciativa que propoña. "Cómpre destacar a variedade de propostas, vencelladas a todas as áreas e ámbitos artísticos indicados nas bases, con especial énfase na intervención no espazo urbano, o que conforma proxectos creativos enraizados na cidade", apunta Sande.  

Esta nova liña de axudas é unha das cinco convocatorias de concorrencia competitiva que a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento impulsa este ano para facilitar a promoción e visibilidade do tecido cultural e creativo coruñés e as que dedica un total de 620.000 euros. O concelleiro salienta que, entre as iniciativas seleccionadas nos programas Grupo Xerminal e Cultura de Barrio, a cidade contará con 41 novos proxectos culturais, "que nacen polo apoio á creación local e do entendemento da versatilidade do feito artístico", e que se levarán a cabo nos vindeiros catro meses.  

O Plan de Apoio á Creatividade Grupo Xerminal, que recolle o seu nome do centro de estudos coruñés Germinal que desenvolveu a súa actividade no primeiro terzo do século XX e que estivo vinculado á cultura obreira, ao movemento libertario e á historia política e cultural da cidade, está pensado para dar apoio dende a administración local ás iniciativas dos creadores e das creadoras que residen no municipio. Así, só poden ser beneficiarias as persoas físicas que teñan a súa residencia na cidade da Coruña cunha antigüidade mínima desde o 1 de xaneiro de 2018 ou persoas con outra residencia que formen parte de colectivos nos que a metade dos participantes si habiten no termo municipal coruñés.

Documentos:

Resolucion-Grupo-Xerminal.pdf (88 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión