Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xullo de 2018

A Concellería de Culturas presenta a nova tempada do Ciclo Principal do Teatro Rosalía, "que destaca pola súa calidade e versatilidade"

O prazo para a renovación de abonos abrirase a vindeira semana, mentres que as entradas soltas poderanse adquirir a partires do 10 de setembro

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación para outono do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, que inclúe 12 espectáculos que se representarán entre o 23 de setembro e o 22 de decembro no equipamento cultural municipal. O edil salientou "a versatilidade e calidade da programación teatral da cidade e deste teatro", e destacou que a programación "propón unha selección da escena máis relevante que está a ter lugar nestes momentos". A este respecto, o responsable de programación e director do Teatro, Paulo Rodríguez, tamén apuntou á "calidade e solvencia artísticas das propostas".

A tempada abrirase coa obra El funeral, con guión e dirección de Manuel M. Velasco e cun elenco que conta Concha Velasco e Antonio Resines, entre outros. Na seguinte fin de semana, os días 28 e 29, representarase La zanja, con guión e dirección de Diego Lorca e Pako Merino. Xa no mes de outubro, Ron Lalá levará ao escenario do Teatro Rosalía o espectáculo Crimen y telón, unha homenaxe ao teatro universal con forma de thriller de xénero negro, e o día 21 representarase Ahora es todo noche (liquidación de existencias), de Eusebio Calonge, unha coprodución na que participa La Zaranda Teatro Inestable, e que propón unha reflexión, segundo apuntou Paulo Rodríguez, arredor "das persoas invisibles no espazo público, as e os sen teito". Xa na última fin de semana do mes, presentarase unha versión de José Martret do texto Placeres íntimos, de Lars Norén, un traballo protagonizado por Toni Acosta e Cristina Alcázar que ten como punto de partida o conflito familiar que xorde tras un funeral.

De cara ao mes de novembro, o Ciclo Principal contará con espectáculos todas as semanas. Así, os días 2 e 3 terán lugar dúas funcións de Tal vez soñar, de Antonio Tabarés, producida pola canaria Factoría Unahoramenos, e na fin de semana do 10 e 11 de novembro a galega Ibuprofeno Teatro presentará Casa O'Rei, con guión e dirección Santiago Cortegoso. A seguinte cita será o 16 e 17 de novembro, con Rojo, unha adaptación da obra de John Logan centrada na figura do expresionista Mark Rothko, e que contará con Juan Echanove e Ricardo Gómez de protagonistas.

Xa na fin de semana do 23 e 24 chegará ao Rosalía "unha obra mestra dentro da creación contemporánea galega", segundo cualificou o director do teatro, como é Commedia, de Cándido Pazó. A peza, que se estreou no ano 1993, é un dos fitos do teatro galego e 25 anos despois volve aos escenarios, con practicamente o mesmo elenco. Finalmente, o día 30,  Cáscaras vacías, de Magda Labarga e Laia Ripoll, abordará unha serie de historias tecidas arredor da Operación T4 nazi.

Os días 13, 14, 15 e 16 de decembro, con catro funcións, chegará unha das propostas más innovadoras da programación, como é Cosas que se olvidan facilmente, de Xavier Bobés. O espectáculo, que Paulo Rodríguez definiu como "singular", terá un aforo reducido e representarase nun espazo diferente á sala principal do teatro. A tempada pecharase co traballo Hablar por hablar, de Juan Cavestany, Yolanda Garía Serrano, Anna R. Costa, Juan Carlos Rubio e Alfredo Sanzol, que situará ao público fronte ao mítico programa nocturno de radio.

Renovación de abonos

O abono, que representa un desconto do 25% sobre o prezo da entrada --que van desde os 6,50 até os 26 euros--, inclúe oito das funcións programadas --todas as dobres programadas en venres en sábado-- e ten un prezo que vai desde os 46,25 euros, até os 101,25 euros, en relación á situación da butaca. A maiores, catro espectáculos que non forman parte do abono --El funeral, Ahora todo es noche, Cáscaras vacías e Cosas que se olvidan fácilmente-- contarán con tarifa especial, pero as entradas poderanse adquirir co mesmo e contarán cun 25% de desconto sobre o prezo establecido para esa función de localidade.

A partires do 20 de xullo, e até o 3 de setembro, todas as persoas que dispoñan de abono poderán renovalo, coa condición de que manteñan o mesmo tipo de abono, no despacho de billetes da praza de Ourense -de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00  horas e de 16.30 a 19.30 horas, agás os días 25 de xullo e 15 de agosto-, a través do servizo de televenda 902 044 226 -de luns a venres de 09.00 a 22.00 h, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas-. As persoas interesadas en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outros abonados. Para acceder ás localidades que deixen libres as persoas abonadas que non renoven, as interesadas deberán acudir ao despacho da praza de Ourense o día 4 de setembro, no horario de apertura do mesmo.

Aquelas persoas interesadas en adquirir novos abonos poderán facelo os días 5 e 6 de setembro, mentres que a venda de entradas soltas comezará o día 10 de setembro. Como é habitual, haberá bonificación para o colectivo de persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do Carné Xove. Para máis información sobre a programación, pódese consultar o web municipal www.coruna.gal/cultura.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión