Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de decembro de 2018

A Concellería de Culturas reivindica a Chané cun concerto e a publicación dun libro sobre a súa figura, "que nos une ás raíces musicais da propia cidade"

José Manuel Sande presentou ‘A noite de Chané’, que terá lugar mañá, ás 20.30 horas, no Teatro Colón. O espectáculo de homenaxe ao compositor, cuxa entrada é de balde, contará coa participación de Rosa Cedrón, Alejandro Vargas e a Coral Polifónica El Eco

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita A noite de Chané, unha iniciativa que propón reivindicar a figura de Xosé Castro González, Chané, un dos autores máis destacados e prolíficos da música do país. O acto, que terá lugar mañá mércores 12, a partir das 20.30 horas no Teatro Colón, servirá para dar a coñecer a biografía do autor, publicación na que colabora o Concello da Coruña, á vez que ofrece un concerto no que participarán Rosa Cedrón e Alejandro Vargas, que interpretarán temas do disco Chané na Habana, e a Coral Polifónica El Eco, fundada polo compositor galego.

O edil sinalou que esta iniciativa continúa a liña de traballo de colaboración posta en marcha o ano pasado polo Concello de colaboración tanto con aCentral Folque e outras institucións "de cara a reivindicar a figura do compositor", que se fixo efectiva a través do disco Chané na Habana e a súa presentación durante as festas de María Pita en 2017. "A proposta de mañá é un espectáculo máis que recomendable, que nos une ás raíces musicais da propia cidade", apuntou Sande. Así, presentarase a publicación Chané. O nacemento da música popular galega, de Alberto Cancela e Sixto Gómez, unha sorte de biografía que fai un percorrido detallado pola traxectoria do compositor, veciño da Coruña, e inclúe tamén partituras dalgunhas das súas obras. Tal e como explicou Ramón Piñeiro, de aCentral Folque --editora do texto--,  "é un inventario fantástico que recupera partituras e pon en valor o traballo dun dos grandes nomes da música galega, infelizmente esquecido durante moitos anos".

En canto á parte musical do acto, a cantante Rosa Cedrón, acompañada polo pianista Alejandro Vargas, interpretará temas do disco Chané na Habana. "Esta será unha ocasión especial. Aínda que o público coñeza o traballo, poderá gozar da obra de Chané cun espectáculo moi íntimo e emocional, unicamente a través da voz e o piano", apuntou na rolda de prensa Cedrón, quen salientou o traballo de Vargas á hora de poñer en marcha o proxecto, "quen soubo reflectir moi ben a unión da cultura galega e cubana e manter o espírito da obra". "De estar vivo, Chané estaría moi contento e sorprendido deste traballo", aseverou. Pola súa banda, o pianista responsable da "actualización, desde o son cubano, pero respectando as harmonías e melodías", como el mesmo sinalou, avanzou que o concerto de mañá "será moi próximo ao que podería ter feito Chané, pero un século despois".

Os convites para o espectáculo A noite de Chané, que é gratuíto, pódense recoller no despacho de billetes da praza de Ourense, en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, e mañá, desde unha hora antes do inicio da iniciativa, no propio teatro da avenida da Mariña. Facilitaranse até un máximo de catro entradas por persoa.

Documentos:

Cartel 'A noite de Chané' (102 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión