Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de maio de 2018

A Coruña acolle o VII Encontro de Artes pola Integración, unha iniciativa multidisciplinar "que axuda a tecer relación entre o ámbito social e cultural"

O concelleiro José Manuel Sande participou na presentación da iniciativa, promovida pola AC Diversos, e que se celebrará en espazos como o Centro Ágora ou o Teatro Rosalía desde o vindeiro martes

A Coruña acollerá, desde o 29 de maio, a sétima edición do Encontro de Artes pola Integración, unha proposta multidisplinar que ten como obxectivo favorecer a inclusión social a través da cultura. Así, as artes escénicas, música, artes visuais, cine, conferencias e formación confluirán nunha "ferramenta que axudará a tecer relación entre o social, cultural e artístico", segundo apuntou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, na presentación da proposta. Tal e como destacou o edil, a iniciativa promovida pola Asociación Cultural Diversos "adquire plena continuidade e presenta enorme interese para a cidadanía pola súa clara aposta pola inclusión social a través das artes". O proxecto parte nesta edición da idea da diversidade e da creación a través de residencias artísticas previas conformadas por colectivos e artistas con e sen diversidades, postas en marcha en distintos equipamentos municipais, como o Teatro Rosalía de Castro e o Centro Ágora, así como no propio espazo público. Entre as propostas que formarán parte deste VII Encontro, coordinado por Carlota Pérez, atópase o espectáculo A ollada nas mans, que se desenvolve no marco da segunda convocatoria do programa Cultura Accesible e Inclusiva, e cuxa estrea, na que participou a Banda Municipal de Música, tivo lugar o 19 de abril no Teatro Rosalía. O espectáculo, que conxuga danza, teatro, música, circo e audiovisuais para percorrer unha parte da obra de Pablo Picasso, conta tamén coa colaboración de entidades como o Centro Ocupacional Pascual Veiga, Renacer A Coruña, ou a Asociación de Axuda a Familias de Drogodependientes ADAFAD.

No marco do Encontro terán lugar distintos obradoiros abertos á cidadanía. Así, do 31 ao 3 de xuño, María Brugarolas ofrecerá un obradoiro inclusivo de danza contemporánea, mentres que na fin de semana do 2 e 3 de xuño, Óscar Cuesta, coñecido como DJ Ramone, desenvolverase un taller de Música electrónica para a diversidade, e Gimena Berenguer ofrecerá outro de fotografía. A propia Berenguer será tamén a responsable da exposición de artes plásticas e visuais Corpo natura, que o Centro Ágora acollerá nos meses de xuño e xullo, un traballo no que a fotógrafa pon en relación os espazos rachados ou en desuso coas persoas con diversidade funcional, vinculando a fraxilidade do espazo que, intervido pola arte, cobra vida potenciando a enerxía das persoas que nel conviven. A programación tamén inclúe iniciativas como o espectáculo de danza Black Apple, de Losdedae --que acollerá o Teatro Rosalía o 29 de maio, ás 20.30 horas--, e a obra de danza-teatro Ciclamen, do Colectivo Yurdance --no centro Ágora, o 2 de xuño, ás 13.00 horas--, así como propostas ao aire libre, na praza da Constitución: a pre-estrea do proxecto Común-arte --1 de xuño, ás 20.00 horas--, ou un concerto de música integrada de Rober Pier --3 de xuño, ás 13.00 horas--.

O VII Encontro artes pola integración tamén dará paso a unha serie de conferencias que terán lugar no Teatro Rosalía de Castro o 30 de maio, no marco dunha xornada na que se abordarán diversos proxectos de inclusión social a través das artes e na que o Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa darán a coñecer iniciativas como os programas Cultura Accesible e Inclusiva e Deporte Solidario, entre outras. Para máis información sobre a programación deste encontro, pódese visitar a páxina web municipal www.coruna.gal/cultura.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión