Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2017

A programación do Entroido coruñés incidirá "no carácter irreverente e espontáneo" da festa, que incluirá un pequeno circo en María Pita "con espectáculos para todas as idades"

O edil José Manuel Sande destacou “a activa participación cidadá” na celebración, cuxo desfile terá lugar o sábado 25 de febreiro nos Cantóns e a avenida da Mariña

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación do Entroido coruñés, que se desenvolverá entre os días 17 de febreiro e o 1 de marzo. O edil salientou o carácter "irreverente e espontáneo" dunha celebración "de barrio, cun gran potencial cidadá", protagonizada "polo espallamento de crítica e autocrítica necesarias",  e que está "ateigada de humor".  "O labor do Concello nesta iniciativa, unha das grandes festas tradicionais da cidade, debe ser o de acompañar e apoiar uns festexos nos que destaca, fundamentalmente, a activa participación e autoxestión cidadá", afirmou o responsable municipal. Neste sentido, Sande informou que o Goberno local promoverá este ano "novos elementos", como a recuperación dos apropósitos, a proxección dun documental sobre o Carnaval de Cádiz ou a posta en marcha dun pequeno circo na praza de María Pita, que desenvolverá obradoiros e  pasacalles "propagando a actividade do Entroido alén da praza e con espectáculos para todos os públicos". Como vén sendo habitual, a programación tamén ofrecerá  elementos tradicionais como concursos gastronómicos e de disfraces, desfiles, ofrendas, ou o Enterro da sardiña. Nesta ocasión, ademais, o executivo municipal apostou polo debuxante coruñés Alberto Guitián como o autor da serie de carteis do Entroido, "que inciden no espírito choqueiro", especificou o concelleiro, dando así continuidade á liña posta en marcha pola súa área para visualizar o traballo das e dos profesionais da ilustración locais .

O Entroido comezará o 17 de febreiro co tradicional concurso da orella, "aínda que a proposta estará focalizada do día 24 ao 1", sinalou o edil de Culturas. Esa mesma fin de semana, o domingo 19, terá lugar o concurso de comparsas, na modalidade de música e letra, que será ás 18.00 horas no Pazo de Ópera. Xa o venres 24, a xornada comezará co concurso da filloa para dar paso, ás 21.00 horas, á entronización do Deus Momo no Obelisco. Esta noite, desde as 23.30 horas, iniciarase o velorio da sardiña, que terá continuidade até a madrugada do martes 28 de febreiro.

Entre o sábado 25 e do luns 27, a praza de María Pita acollerá o Pequeno Circo de Entroido, que se iniciará coa apertura da carpa ás 11.00 horas do 25 de febreiro. Obradoiros, xogos dinamizados, cabarés e desfiles sucederanse ao longo dos tres días, con espectáculos específicos tanto para o público infantil como para persoas adultas --nas noites do domingo e luns--. O sábado 25, ademais, terá lugar o Desfile de Entroido, así como os concursos de carrozas e de comparsas na modalidade de vestiario e coreografía. A comitiva partirá ás 17.30 horas do Cantón Pequeno, e percorrerá o Cantón Grande, a avenida da Mariña, a avenida de Montoto e María Barbeito até chegar á praza de María Pita, na que se entregarán os premios correspondentes e se celebrará o Musical dos Apropósitos 2017. A este respecto, o edil sinalou que este ano o Goberno local impulsará a recuperación destes, coa presentación o luns 27 ás 20.00 horas, do libro O apropósito coruñés. Unha ollada desde dentro, de Antón de Santiago, "autor de boa parte destas pezas teatrais, parodias da actualidade, escritas na democracia". Sande aseverou tamén que o próximo ano  realizarase unha "convocatoria específica de apropósitos", coa finalidade que estes "teñan continuidade na vida coruñesa".

O martes 28 chegará "o día por excelencia do entroido coruñés", segundo especificou o concelleiro, e ofrecerá unha programación "bastante completa", con ofrendas florais, a festa choqueira na contorna da rúa da Torre e Campo da Leña e do concerto dos Mecánicos. Esta celebración precederá ao peche, o mércores 1 de marzo, coa proxección da película 'La fiesta de los locos", de Manuel Iborra, no GGAI, e o Enterro da sardiña. A comitiva fúnebre sairá ás 20.45 horas da rúa Areal, e percorreá a avenida de Hércules, rúa Torre e o Campo da Leña. Ás 21.00 horas será a desentronización do Deus Momo, e o grupo dirixirase cara á praia de San Amaro, onde se producirá o enterro da Sardiña e o fin de festa.

Concursos de comparsas e carrozas

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento ten publicada na súa web, www.coruna.gal/culturas, as bases de participación dos concursos de comparsas --nas modalidades de música e letras, e de vestiario e coreografía--, carrozas e disfraces.

No caso da modalidade de música e letras, poderán formar parte do concurso persoas ou entidades, con agrupacións dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, que previamente efectúen a súa inscrición mediante o envío dun correo electrónico a imce@coruna ou se presenten nas oficinas do IMCE antes das 14.00 horas do mércores 8 de febreiro. A participación de cada grupo no festival, que terá lugar o 19 de febreiro, consistirá en interpretar dúas cancións co oportuno acompañamento musical durante un tempo máximo de intervención de 4 minutos por canción. A comparsa gañadora terá que interpretar as dúas pezas en directo o venres 24 de febreiro ás 21.00 horas no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar no Obelisco.

Tanto no caso do concurso de carrozas como no de comparsas --na modalidade de vestiario e coreografía--, as persoas ou entidades interesadas en participar deberán efectuar a súa inscrición antes das 14.00 horas do venres 10 de febreiro, e asistir ao desfile que discorrerá entre o Cantón Pequeno e a Praza de María Pita o sábado 25 de febreiro. Todos os detalles e requirimentos poden atoparse na web municipal.  Finalmente, os concursos de disfraces, tanto o infantil como o de persoas adultas, terán lugar na tarde do martes 28 de febreiro. As persoas interesadas en participar --na categoría infantil haberá dúas modalidades de disfrace, entre as que se inclúe a choqueira-- poderán inscribirse desde unha hora antes do inicio do concurso.  Mentres que no infantil as persoas participantes deberán ser nenos e nenas nacidos despois do 31 de decembro de 2004, no xeral de choqueiros --no que se poderá participar de forma individual ou en grupo-- poderán facelo todas as persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 2005.

Documentos:

Bases dos concursos de Entroido 2017 (294 KB)

Programa Entroido 2017 (609 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión