Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de setembro de 2018

A recuperación da música tradicional en Monte Alto, a reflexión sobre o bordo litoral en Oza e un festival sostible no Parque de Santa Margarita protagonizan as actividades de 'Cultura de Barrio' desta fin de semana

As propostas, promovidas por Cántigas da Terra, a Asociación Veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros e o Colectivo Loairas, forman parte da convocatoria municipal que ten como obxectivo a descentralización da programación sociocultural na cidade

As rúas da Coruña énchense de actividade esta fin de semana co desenvolvemento de iniciativas de asociacións culturais e colectivos no marco da convocatoria Cultura de Barrio, a liña de axudas posta en marcha pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento no 2017 co obxectivo de favorecer a descentralización da actividade sociocultural nos barrios da Coruña. Tres das propostas que resultaron gañadoras nesta segunda convocatoria, e que terán lugar esta fin de semana, promoverán iniciativas vinculadas á memoria, á reflexión e á concienciación ambiental durante o sábado 22 e o domingo 23. Todas as actividades, como é habitual en Cultura de Barrio, son gratuítas e abertas á veciñanza.

Homenaxe a Brisas da Cruña

Así, ao longo da xornada deste sábado 22, o coro Cántigas da Terra renderá unha homenaxe a Brisas da Cruña, o histórico cuarteto de gaiteiros fundando no ano 1969, por Miguel López Paradela, Xosé Casal Vázquez, e os irmáns Manuel e Antón Ambite Seijido. Desde a súa creación, a agrupación coruñesa, con máis de 30 anos de traxectoria, foi unha das que tivo máis pegada no país, chegando a gravar dous LP referenciais na música patrimonial galega.

O obxectivo de Cántigas é divulgar o legado de Brisas da Cruña así como a relevancia que tivo a banda para a música tradicional galega, ademais de visibilizar o papel do folclore na historia da Coruña, en particular no barrio de Monte Alto. Para iso, organizarán un parladoiro cos membros da banda ás 17.00 horas no local de Cántigas --Ramón del Cueto, 31--, ademais dun concerto-foliada aberto á veciñanza que terá lugar no Campo de Marte a partires das 20.30 horas e  no que intervirán Os Enxebres de Cacheiras, Os Melidaos, Os Gaiteiriños e Cántigas da Terra, ademais da homenaxeada Brisas da Cruña. Para completar o carácter didáctico e formativo da xornada, pola mañá realizarase un obradoiro gratuíto de toque pechado para gaita --técnica dos antigos gaiteiros-- co músico e membro da Banda Sementeira, Luís Bolón. As prazas para este taller, que tamén terá lugar na sede de Cántigas, son limitadas, e a inscrición pódese realizar contactando co propio coro, no teléfono 654.413.497 ou info@cantigasdaterra.com

Mar de Oza

Esta fin de semana tamén dará comezo o proxecto Mar de Oza, promovido pola Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, e que busca xerar debate arredor do futuro do bordo litoral. Para iso a entidade realizará dúas actividades abertas á cidadanía, unha charla e un roteiro, que se gravarán en vídeo para formar parte dun documental que recollerá as impresións das e dos participantes sobre a evolución da situación terreos portuarios que se atopaban no antigo Concello de Oza e as posibilidades que se abren no escenario actual. O traballo de non ficción estrease o 12 de decembro ás 19.30 no Centro Cívico de San Diego.

O acto deste sábado terá lugar ás 11.00 horas na sede Gaiteira Sociedade Recreativa e Instructiva, situada na rúa gaiteira, 53. Será un debate no que participarán voces como o dinamizador cultural Xurxo Souto, o arquitecto Xan Casabella, a bióloga Leticia Beker ou o historiador Felipe Senén, entre outras. Xa de cara a ao 6 de outubro, tamén contra ás 11.00 horas, terá lugar un roteiro que sairá do mirador dos Castros e percorrerá o parque de San Diego, o faro de Oza e as Xubias. A asociación veciñal pretende realizar unha sorte de visita de campo para coñecer, de primeira man, a situación actual dos terreos dos peiraos interiores da Coruña. No caso de choiva, este roteiro celebrarase, finalmente, o 20 de outubro, ás 11.00 horas.

AMARgarida verde

Por segundo ano consecutivo, no marco da convocatoria Cultura de Barrio, o colectivo Loairas organizará no Parque de Santa Margarida o Festival de Cultura Sostible AMARgarida Verde, unha iniciativa  que ten, entre os seus obxectivos, dar vida á contorna deste grande espazo verde coa celebración de propostas artísticas e cultuais, para poñer en valor o carácter recreativo e formativo que pode ter o parque. O festival, que se desenvolverá ao longo das dúas últimas fins de semana de setembro, comezará este mesmo sábado, con diversas actividades, como Oasis verdes nas casas, dirixida á aprendizaxe e creación de espazos verdes nos fogares e para a que non é preciso ter coñecementos previos; Estampando bosques, un obradoiro de estampación manual no que se empregaran materiais da natureza; Arte mural, un obradoiro no que se creará de xeito colaborativo un mural no que participarán artistas e colectivos da cidade; ou Acroiga, unha iniciativa que propón a fusión de acrobacias e ioga, independentemente ca condición física. Xa durante a xornada do domingo, terán lugar outros obradoiros, como a técnica xaponesa das Kokedamas, plantas cultivadas que teñen como sustrato elementos naturais, como o musgo ou a arxila --as e os menores de 8 anos deberán asistir cunha persoa adulta--;  Bolsiñas recicletas, un obradoiro para crear, a través de toallas, camisetas, paraugas ou anacos de tea novas bolsas que poden ter varios usos; ou Enmascararte de natureza, que permitirán crear máscaras a partires de elementos naturais que se atopen no parque de Santa Margarida. De cara á seguinte fin de semana, o sábado 29 terán lugar novos obradoiros creativos, como Cadernos ecocreativos, Prantas silvestres comestibles ou Bombas de Semente e, finalmente, o domingo 30 realizarase o peche do festival cunha xornada de contraconsumo, no que haberá un mercadillo de artistas, artesáns así como produtoras e produtores locais, zona de troco e de actuacións musicais, contacontos ou faladoiros, entre outras actividades. O colectivo convida á veciñanza a participar nesta xornada de ocio alternativo e gozar do parque "en forma de romaría verde". Para máis información ou solicitar a  inscrición nas actividades, que son gratuítas, pódese contactar coa entidade a través do correo electrónico asloairas@gmail.com, ou consultar a páxina web www.loairas.com.

Documentos:

Cartel Cántigas da Terra (795 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión