Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de novembro de 2018

Culturas presenta 'A tumba de Breogán', unha novela gráfica de aventuras “que pon en valor o patrimonio histórico e cultural da Coruña”

O libro, que conta co apoio do Concello, darase a coñecer esta tarde nun acto no Castelo de San Antón e será o eixe dunha serie de actividades divulgativas que se realizarán no ano 2019

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a novela gráfica de aventuras e intriga A tumba de Breogán. O traballo, ambientado na Coruña decimonónica, mistura elementos e personaxes reais, como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, con outros de ficción, como Antonio Dedo D'Ouro, nunha acción que achega ao público elementos propios do patrimonio histórico e cultural da Coruña.

A obra, dirixida a todos os públicos, é unha creación do guionista Abel Alves e do debuxante Esteban Tolj editada por Demo Editorial coa colaboración do Concello da Coruña. Tal e como sinalou José Manuel Sande, A tumba de Breogán "ten unha importante significación e labor de posta en valor do patrimonio", xa que esta novela gráfica "está relacionada con moitos elementos patrimoniais singulares da cidade, o que tamén afonda na aposta do goberno local por incorporar o legado e a memoria nas reflexións e accións vinculadas á cidade". Neste sentido, e a raíz da publicación do libro, ao longo do ano que vén realizaranse unha serie de iniciativas divulgativas co obxectivo de afondar en aspectos da obra, "na que se recoñece o ambiente literario da Coruña e Galicia de finais do século XIX e principios do século XX, a través de personaxes vinculados ás Irmandades da Fala ou do grupo Nós", explicou Manel Cráneo, editor da novela gráfica. "A tumba de Breogán é máis que un cómic, é un traballo de divulgación que pode ter moitas lecturas. No ámbito educativo, no tempo de lecer e tamén sobre o propio patrimonio local da Coruña, xa que percorre a época da romanización ou castrexa do municipio", apuntou o editor.

A tumba de Breogán nace no 1870 e parte dunha reforma na Torre de Hércules na que se desvela un segrego vinculado ao líder castrexo Breogán. O poeta Eduardo Pondal e o bandoleiro Antón Dedo d'Ouro serán os protagonistas da historia, "que mestura elementos e un contexto histórico reais nunha aventura de fantasía ambientada na Coruña", segundo expuxo Abel Alves durante a presentación, na que destacou que o equipo estivo asesorado en todo o proceso polo arqueólogo Antón Malde. A novela presentarase esta tarde, ás 19.00 horas, nun acto aberto á veciñanza no Castelo de San Antón. Ademais de Sande, Alves e Cráneo, tamén participará Antón Malde.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión