Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de decembro de 2018

O Ciclo Principal do Teatro Rosalía ofrece unha programación de primavera "con adaptacións de obras de referencia e actrices relevantes"

O concelleiro José Manuel Sande e o director do recinto, Paulo Rodríguez, presentaron as propostas da nova tempada, que comezará o 18 de xaneiro e na que participarán Lola Herrera, Ariadna Gil e Concha Velasco. A renovación dos abonos poderase facer a partir de mañá

O equilibrio entre adaptacións de obras consagradas e de creación contemporánea define a nova programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía, que se desenvolverá entre o 18 de xaneiro e o 1 de xuño de 2019. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e o director do teatro, Paulo Rodríguez, presentaron esta mañá a tempada de inverno-primavera do recinto municipal, que contará con 13 espectáculos e na que se recuperarán dous que foron suspendidos por enfermidade das actrices protagonistas, como son Cinco horas con Mario e El Funeral, e nas que participan Lola Herrera e Concha Velasco, respectivamente. O edil destacou o alto grao "de adaptacións de obras de autores referenciais" que se poderán ver esta tempada, "así como de actores e actrices de recoñecido prestixio", entre as e os que se atopan tamén José Sacristán ou Ariadna Gil.

O Ciclo Principal comezará na fin de semana do 18 e 19 de xaneiro, coa representación de El precio, de Arthur Miller, e baixo a dirección de Silvia Munt, nunha adaptación "que está a resultar un dos grandes éxitos da tempada", segundo apuntou Paulo Rodríguez, e que conta no seu reparto con Tristán Ulloa e Eduardo Blanco. A segunda proposta chegará os días 1 e 2 de febreiro, coa compañía galega Teatro do Atlántico, na que María Barcala e María Ángeles Iglesias porán en escea Dúas donas que bailan, de Josep Mª Benet i Jornet. Á semana seguinte, os días 8 e 9 de febreiro, o Teatro Rosalía acollerá a representación de Jane Eyre: una autobiografía, unha adaptación de Anna María Ricart da obra de Charlotte Brontë protagonizada por Ariadna Gil e que dirixe Carme Portaceli. Ao fío, o director do TRC salientou "o equilibrio de xénero da proposta de programación, que aposta tamén pola presenza de mulleres directoras". Así, tamén no seguinte espectáculo, que terá lugar o 15 de febreiro, a compañía José y sus hermanas, baixo a dirección de Silvia Ferrando, ofrecerá Los bancos regalan sandwicheras y chorizos, "unha comedia que aborda o franquismo e memoria histórica desde o punto de vista da mocidade", apuntou Rodríguez.

O clásico Señora de rojo sobre fondo gris, de Miguel Delibes, con José Sacristán como protagonista, abrirá a programación de marzo, os días 9 e 10. Será o único espectáculo do ciclo que se represente en sábado e domingo, "de xeito que o abono do venres, que correspondería ao 8 de Marzo, pasará ao día 10", apuntou Rodríguez. Na fin de semana do 22 e 23 de marzo chegará unha proposta "que está a acadar moitos éxitos esta tempada", salientou o director do TRC, como é ¿Quién es el Sr. Schmitt?, de Sèbastien Thièry, dirixida por Sergio Peris-Mencheta e que conta no seu reparto con Javier Gutiérrez e Cristina Castaño.

Á semana seguinte, e coincidindo co Día Mundial do Teatro, o mércores 27 de marzo terá lugar a representación de The Island, que se enmarca dentro do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán, unha experiencia piloto "da que a cidade formará parte, por vez primeira, este ano", expuxo Rodríguez. Así, A Coruña será un dos tres municipios do Estado, xunto con Murcia e Móstoles, nos que se poderá gozar deste espectáculo, que estará acompañado, ademais da función teatral da compañía Deux Temps Trois Movements, de Burkina Faso, dunha completa programación con peza de danza, charla e proxección cinematográfica. "Estamos a falar dunha experiencia fermosa e dunha proposta gourmet que se representará en francés con subtítulos en castelán", apuntou o programador.

Na última fin de semana de marzo, os días 29 e 30, será a quenda de Claudia, unha proposta da compañía La Conquesta del Pol Sud que forma parte dunha triloxía documental escénica e na que a propia Claudia Victoria Poblete Hlaczik narra a súa experiencia vital como unha das nenas roubadas durante a ditadura arxentina. Na semana seguinte, xa no mes de abril, os días 5 e 6 terá lugar un espectáculo de gran formato da Compañía Nacional de Teatro Clásico, que interpretará El castigo sin venganza, de Lope de Vega, baixo a dirección de Helena Pimenta. Contra final de mes, o día 28, terá lugar a función de El Funeral, prevista para o pasado 25 de setembro, e cuxa entrada é válida para este pase.

No mes de maio, os días 3 e 4, un percorrido de 150 anos sobre a historia do capitalismo, a través da construción e caída do imperio Lehman Brothers, será o eixo da obra Lehman Trilogy, un espectáculo de longa duración, dirixido tamén por Peris-Mencheta, que conta con máis de 120 personaxes no texto. Dúas semanas despois, e con motivo da programación especial polas Letras Galegas, Sarabela Teatro presentará os días 17 e 18, baixo a dirección de Ana Vallés, a obra O rei more, de Eugène Ionesco. Finalmente, na última fin de semana, os días 31 de maio e 1 de xuño recuperaranse as funcións de Cinco horas con Mario, dirixida por Josefina Molina e con Lola Herrera no papel de Carmen Sotillo.

Venda de abonos

O período de renovación de abonos do Ciclo Principal comezará mañá, 19 de decembro, e manterase aberto até o día 2 de xaneiro, na billeteira da praza de Ourense --de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas agás nos festivos e días 23 e 31 de xaneiro--, ou a través do servizo de televenda 902.044.226 --de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas, e domingos de 16.00 a 22.00 horas--. Cada persoa manterá reservada a localidade que ocupou no ciclo de outono, coa condición que manteña o mesmo tipo de abono --venres ou sábado--. As persoas que desexen cambiar de asento, localidade ou día deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outras persoas con abono.  Para acceder ás localidades que queden libres, deberán acudir ao despacho de billetes da praza de Ourense o día 3 de xaneiro, en horario de de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. Os novos abonos poderanse formalizar entre os días 4 e 7 de xaneiro, e as entradas soltas para espectáculos poderanse adquirir a partir do 9 de xaneiro.

Para máis información sobre o Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, pódese visitar o web municipal www.coruna.gal/cultura.

Documentos:

Programación Ciclo Principal Primavera 2019 TRC (534 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión