Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2019

O concelleiro de Culturas presenta a exposición 'Máis Nunca Máis', que recolle a creación artística e popular xurdida tras a catástrofe do 'Prestige' para “rehabilitar parte da nosa historia máis recente”

A mostra, que se pode visitar dende o 17 de febreiro ata o 3 de marzo na sala de exposicións do Palexco, conta tamén cunha programación complementaria de charlas e mesas redondas, que se inicia mañá cunha conferencia do filósofo e investigador Amador Fernández-Savater

A programación da iniciativa Máis Nunca Máis recolle a creación artística e popular xurdida tras a catástrofe do petroleiro Prestige nunha exposición que acollerá o espazo municipal de exposicións no Palexco dende o día 17 de xaneiro. Esta mostra, que conta coa colaboración do Concello e está impulsada polo colectivo Unha gran burla negra, estará acompañada tamén por unha serie de charlas e mesas redondas que comezan mañá venres coa conferencia do filósofo e investigador Amador Fernández-Savater no Paraninfo da Universidade. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que estivo acompañado do coordinador do proxecto, Jorge Linheira, e dun dos comisarios da exposición, Pepe Galán, salientou na presentación da programación o carácter "ambicioso dunha exposición que amosa o sentir dun acontecemento relevante da nosa historia recente e das súas actividades complementarias. "Iniciativas destas características que permiten promover e rehabilitar parte da nosa memoria recente e tamén informar sobre sucesos que foron deliberadamente esquecidos por moitos, ademais de estar acompañadas por toda unha vertente artística e cultural indiscutible que lle dá maior solidez á proposta", manifestou.

O proxecto naceu coma unha acción colectiva para investigar e poñer en valor toda a creatividade popular e artística que se deu nos meses posteriores á catástrofe do Prestige, tal e como explicou Linheira. "Un dos aspectos que nos interesa é estudar a acción creativa nos procesos de mobilización social e cidadá, xunto ás revolucións culturais, que será un dos temas principais na conversa de mañá de Amador Fernández-Savater", avanzou. A charla, titulada Unha mutación antropolóxica: imaxes e prácticas da revolución cultural, terá lugar o venres 11 ás 19.30 horas no Paraninfo da Universidade da Coruña. Antes, proxectarase a curtametraxe documental Unha gran burla negra, unha sorte de "arquivo vivo" que recolle moitos dos materiais que se produciron nos anos posteriores ao afundimento do petroleiro.

A exposición abrirase á cidadanía o día 17 ás 19.30 horas en Palexco, onde permanecerá ata o 3 de marzo. A mostra, que está deseñada polo colectivo Radio Buguina, está centrada "nun maremagnum de imaxes, preto de 1.500" que están montadas en movemento, grazas a 20 proxectores, como explicou Pepe Galán, un dos comisarios da mostra xunto con Pepe Barro e Anxo Varela. Entre elas, haberá lembranzas para os e as voluntarias non só de profesionais, as e os representantes políticos da época "coas frases máis esperpénticas que puidemos escoitar" e tamén para as manifestacións que se realizaron dende a catástrofe. A apertura da mostra terá como acto inicial unha palestra na que intervirán algunhas das persoas protagonistas do movemento Nunca Máis como foron Manuel Rivas, Uxía Senlle, Felipe Lourán e Suso de Toro. Será ás 20 horas o día 17 na propia sala de exposicións do Palexco.

As actividades complementarias á mostra péchanse o día 24 de xaneiro cunha mesa redonda titulada O Nunca Máis como fin do réxime fraguián. Dezaseis anos dun vergoñento consello de ministros, que se celebrará no salón de plenos do Concello ás 19.30 horas. "A data e lugar escollido coincide co aniversario do consello de ministros extraordinario de Aznar e os seus ministros, varios deles a día de hoxe no cárcere, e con Paco Vázquez facendo de anfitrión", explicou Linheira. Na mesa participarán os xornalistas Xosé Hermida, José Precedo e Comba Campoy, que abordarán temas como o papel dos medios de comunicación ou as consecuencias políticas da xestión da catástrofe.  

Documentos:

Programa de actividades (342 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión