Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de febreiro de 2018

O centro Ágora acollerá desde o 3 de marzo os novos espectáculos do ciclo Ilusiooóhn!, que terá o humor como vehículo condutor

O concelleiro de Culturas presenta a tempada escénica do Fórum Metropolitano, que incidirá no papel da muller como protagonista

O ciclo Sen Numerar, que comezará o vindeiro 24 de febreiro e inclúe representacións para o alumnado de centros educativos, contará con obras sobre a vida de María Casares, Emilia Pardo Bazán ou Frida Kahlo

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou esta mañá a tempada de primavera do ciclo Sen Numerar, a aposta polo teatro de proximidade dentro da programación municipal de artes escénicas, e que conta, como é habitual, con oferta en horario lectivo para estudantes de secundaria e bacharelato dos centros educativos da cidade. Nesta ocasión, o ciclo que se desenvolve no Fórum Metropolitano contará con diversos espectáculos que terán, tal e como sinalou José Manuel Sande, "a mulleres significativas como protagonistas", dando así cumprimento ao compromiso subscrito polo goberno local o ano pasado co programa Tempadas de Igualdade, polo que o Concello ten en conta, na súa programación escénica, a perspectiva de xénero, ademais de acadar os obxectivos recollidos na Lei Orgánica para a Igualdade. Así, Sen Numerar, que comezará o vindeiro 24 de febreiro, achegará á cidadanía a vida de mulleres como Emilia Pardo Bazán, "autora suficientemente consolidada e recoñecida entre a veciñanza", Frida Kahlo ou María Casares, "unha das figuras máis relevantes da interpretación europea", segundo apuntou Sande, nunha presentación na que tamén se avanzou a programación do ciclo Ilusiooóhn!, a serie de espectáculos nados da fusión de distintas disciplinas artísticas e que acollerá desde o 3 de marzo, como é habitual, o Centro Ágora.

Sen Numerar comezará coa representación de Política Sentimental. Un encontro necesario entre María Casares e Albert Camus, que pon de manifesto a relación mantida a nivel persoal e profesional entre ambos, a raíz da publicación da correspondencia entre a intérprete e o autor, dúas das personalidades máis relevantes do panorama cultural francés nos anos 40. A obra, interpretada por Sabela Hermida e Germán Torres, representarase o vindeiro día 24, ás 21.00 horas --como é habitual na programación deste ciclo-- no Fórum Metropolitano.

Xa no mes de marzo, o día 17 Iris Teatro presentará Frida, unha revisión da vida "dunha muller forte e valente, que sentou as bases dun novo xeito de entender o arte", segundo apuntou Begoña Llamosas, directora da programación escénica e que acompañou a José Manuel Sande na presentación. De cara ao mes de abril, o venres 6,  Emilia, de Teatro del Barrio, amosará a figura da escritora Emilia Pardo Bazán "como unha muller forte, intelixente e divertida", apuntou Llamosas, nunha obra "escrita, dirixida e interpretada por mulleres". O ciclo pecharase o 26 de maio co espectáculo Desconexión, de Santiago Cortegoso, un texto protagonizado por Xurxo Cortázar no que o individuo 299/1973 FK3 vive conectado a un semáforo regulando o paso de peóns, e ten unha dobre personalidade. Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, Cortegoso aborda cuestións "arredor do ser e da identidade", sinalou a directora.  

As entradas para o ciclo Sen Numerar xa están á venda nas canles habituais, e poden adquirirse, por 6 euros até o día anterior á función, no despacho central de billetes da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902.044.226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas). Poderanse mercar tamén no Fórum o propio día da representación --sempre e cando queden entradas dispoñibles-- desde unha hora antes da función --todas as obras comezarán ás 21.00 horas--, pero neste caso o prezo será de 9 euros, agás para as persoas desempregadas, maiores de 65 ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 7 euros por cada espectáculo.

Ciclo Ilusiooóhn!

A programación escénica municipal, que inclúe tamén o Ciclo Principal do Teatro Rosalía, TRC Danza, Bebescena e Todo público, completarase coa posta en marcha, o vindeiro 3 de marzo, da nova tempada de Ilusiooóhn!, cunha serie de espectáculos que contarán co humor como fío condutor e nos que as compañías participantes "buscarán a risa e a complicidade do público", sinalou Begoña Llamosas. "Son espectáculos que se apoian en linguaxes e xeitos de narrar a través das expresións artísticas do novo circo, coa incorporación de novas estéticas  ou o cruzamento de disciplinas coma o teatro, a danza e a música", engadiu. En total serán cinco as obras de carácter cómico, de entre 45 e 60 minutos de duración e dirixidas a todos os públicos, as que formarán parte desta tempada que, como é habitual, ten lugar no Centro Ágora.

Así, o 3 de marzo a compañía Cirk About It presentará El Apartamento, un espectaculo acrobático gañador, no ano 2014, do premio Off Circada. De seguido, o sábado 16 de marzo, será a quenda de Paraíso pintado, un traballo no que a artista Pepa Plana se transforma nunha superheroína. Xa no mes de abril, Cair Circo chegará ao Ágora o día 27 co seu espectáculo Erori, unha obra ateigada de acrobacias, coreografías visuais de danza e malabares. Á semana seguinte, o sábado 5 de maio, o clown Marcel Gros presentará a súa proposta Universario, un espectáculo no que o intérprete adoptará diferentes pais ao longo do encontro. Finalmente, o sábado 2 de xuño, a compañía Cocote presentará Lles rois fainéants, que mestura linguaxe do teatro visual e de obxectos co humor branco inspirado en Jacques Tati e as obras de Jérome Déschamps.

As entradas para o ciclo pódense adquirir no despacho central de billetes da praza de Ourense de luns a venres, agás festivos, de 9.30 a 13.00 horas, e de 16.30 a 19.30 horas), a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902 044 226 (de luns a venres de 9.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas)  ou no propio Centro Ágora no día de representación --no caso de quedar billetes dispoñibles-- por 9 euros cada unha, ágas para as persoas desempregadas, maiores de 65 ou posuidoras do Carné Xove, que aboarán 8 euros por cada espectáculo, e das e dos menores de 3 anos, que aboarán 2 euros. No caso de adquirir un abono de tres entradas para a mesma función, o prezo deste será de 21 euros.

Documentos:

Programación Sen Numerar - Primavera 2018 (584 KB)

Programación Ilusiooóhn! - Primavera 2018 (3 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión