Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de agosto de 2018

O concelleiro de Culturas salienta “a boa resposta da cidadanía a unhas festas de María Pita fortemente feminizadas, que consolidaron a súa expansión nos barrios e que apostaron pola creación artística no espazo público”

José Manuel Sande salientou a “seguridade e sostibilidade dunhas festas que reuniron a miles de persoas e que van ter a súa continuidade durante o mes de setembro, no que a oferta segue nos barrios de Monte Alto, Barrio das Flores ou Falperra”

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, quixo destacar este luns a boa resposta amosada pola cidadanía ante as Festas de María Pita 2018, que remataron esta fin de semana coa tradicional Romaría de Santa Margarita, que este ano contou con actividades na rúa durante toda a semana nas que se convidou á cidadanía a participar en distintos talleres de baile, música ou coñecemento de instrumentos, entre outros. O responsable municipal salientou que a oferta festiva deste mes de agosto estivo marcada "por unha forte feminización, deixando claro que existen artistas, músicas e creadoras de primeiro nivel que, en moitas ocasións son invisibilizadas ao gran público", ademais de pola consolidación da expansión das actividades festivas aos barrios da cidade. "Esta edición afondamos na nosa aposta por transformar á cidade e o espazo público nun actor máis da festa. Por iso tivemos un Noroeste que, a pesar dos contratempos que impuxo a choiva, é xa un referente a nivel estatal, e tamén por iso a cidadanía recoñece xa novos escenarios afastados do centro, que xa son parte da oferta habitual das nosas festas", comentou Sande, quen aludiu á programación que se desenvolveu de forma específica nas prazas de Pablo Iglesias e a Tolerancia, como o festival de Habaneras, o de Arraigo ou o de Folclore Internacional. Ao fío, o edil tamén quixo agradecer de forma especial o papel xogado polas asociacións veciñais que participaron nas convocatorias de axudas postas en marcha polo Concello (como é o caso de Facemos Comunidade) e "ampliaron  as festas de María Pita durante este agosto".

A este respecto, o concelleiro quixo destacar que, se ben na última quincena do mes, e dentro da oferta das Festas de María Pita, tiveron lugar os fastos barriais en Oza-Gaiteira-Os Castros, O Castrillón, Eirís, Novo Mesoiro e Pedralonga, "a actividade festiva non remata aquí". "Aínda que as Festas de María Pita dánse por rematadas, a xoldra continúa nos barrios, con máis festas organizadas co esforzo das entidades veciñais e a colaboración do Concello", dixo o concelleiro Sande, que salientou que a vindeira fin de semana celébranse as festas de Monte Alto. Tamén en setembro terán lugar as do Barrio das Flores, así como as da Falperra, para en outubro, dar paso ás do Ventorrillo e as de San Francisco Javier en decembro.

Artes escénicas

Por outro lado, o concelleiro chamou a atención sobre o empeño do Concello por introducir á innovación ligada á tradicionalidade das festas. "Dende a chegada do actual goberno local intentamos democratizar a oferta escénica, o que se consegue facendo unha aposta por actuacións no espazo público, ao alcance de todos e de todas. Este ano, como os anteriores, a programación de FamiliRúa e de Manicómicos volveu ter especial incidencia, do mesmo xeito que as actuacións de teatro clásico de Noite Bohemia en espazos urbanos significativos, como a Cidade Vella, a praia de San Amaro ou o Castelo de San Antón, acadou un gran éxito", comentou.

Ao fío, o titular de Culturas tamén salientou o éxito de eventos tradicionais como a Feira do Libro, a de Artesanía de Galicia, Mostrart, e, especialmente, Viñetas desde o Atlántico, que este ano  entrou na súa terceira década expoñendo o traballo de autores e autoras xa consagradas que pasaron nas primeiras edicións do festival como noveis, como é o caso de Emma Ríos ou David Rubín.

Festas seguras e sostibles

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Culturas tamén quixo destacar o civismo dunhas festas nas que, a pesar das grandes concentracións de persoas, non se rexistraron incidentes. "As festas se abordan dende unha perspectiva transversal, tratamos de que sexan o máis accesibles posibles, reservando espazos para persoas con mobilidade reducida, e tamén tratamos que sexan o máis sostibles posibles", comentou o edil, que destacou o traballo de concienciación levado a cabo polo departamento de Medio Ambiente, a existencia de Illas de Reciclaxe nos grandes eventos festivos, a fin de fomentar a reutilización, e o traballo en colaboración con Ecovidrio, que derivou no reparto de máis de 6.000 ecovasos no Noroeste, nas localizacións da praia e o Paseo das Pontes. "Unhas festas nas que tamén, coma sempre, activamos dende a Concellería de Igualdade o programa de Festas Libres de Violencias", comentou Sande, quen incidiu na "transversalidade dunhas festas diversas e plurais, como a propia cidadanía da Coruña".

Por último, o concelleiro chamou a atención sobre a asistencia masiva que congregaron numerosos espectáculos. "As cifras son realmente boas. A pasada fin de semana contabilizamos unhas 10.000 persoas no Parque de Santa Margarita", dixo Sande, quen tamén recordou a cifra das máis de 100.000 persoas congregadas pola Batalla Naval, así como as máis de 90.000 persoas que pasaron polas distintas localizacións do Festival Noroeste Estrella Galicia, ou os concertos de María Pita, entre os que destacan o de Raphael, que congregou a 29.000 persoas, ou o de Gloria Gaynor, que superou as 20.000. As actuacións de Cantajuegos, con 5.000 espectadores e espectadoras, e os concertos da Orquesta Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Música ou a Escola Municipal tamén reuniron a persoas de todas as idades. "Estas actuacións non só son positivas dende o punto de vista meramente festivo, senón que tamén se traducen nun incremento da actividade económica e o turismo da cidade", rematou o concelleiro.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión