Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Cultura Coruña

Cando:

5 de xullo de 2018

O Concello afonda na promoción do legado coruñés de Picasso e colabora na exposición sobre a etapa de formación do artista que se inaugurará en Shanghai

Ferreiro incide en que esta mostra, que estará aberta do 3 de agosto ao 31 de outubro, contribuirá tamén a dar a coñecer a cidade en China, xa que vai acompañada dunha campaña de promoción turística

O Concello da Coruña vén de dar un paso máis na promoción da etapa coruñesa do xenial artista Pablo Picasso, que comezou a súa carreira na cidade. A administración local colabora agora na exposición Pablo Picasso. A formación dun xenio sobre a primeira etapa do pintor que poderá verse en Shanghai, a segunda cidade de China, dende o 3 de agosto e até o 31 de outubro deste ano. A mostra, na que tamén colabora a Escola de Artes e Oficios da Coruña Pablo Picasso, así como o Museo Buitrago de Madrid, as Fundaciós Abelló e Palau, o Centre d´Horta, ademais doutros particulares, foi presentada esta mañá polo alcalde, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, a comisaria da exposición, Hsu Fen Lan, e Francisco Muíños e Carmen Jiménez, da empresa que xestiona a tenda situada no baixo da Casa Museo de Pablo Picasso.

Ferreiro resaltou a importancia de "continuar a tradición de promocionar e divulgar esta etapa de Picasso, que permite incluír A Coruña nesa ruta das cidades picassianas, especialmente nun país como China, onde non só hai un descoñecemento desta etapa do Picasso neno, senón un menor coñecemento do artista en xeral". Por outro lado,  o primeiro edil fixo fincapé na oportunidade de promoción turística. "Con esta exposición, damos a coñecer A Coruña nunha das cidades máis importantes de China, e iso contribuirá a expandir a imaxe da cidade en xeral", dixo, á vez que puxo de relevo que a exposición vai ir acompañada dunha campaña de promoción turística.

Pola súa banda, a comisaria da mostra, Hsu Fen Lan, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona, incidiu en que esta exhibición servirá para poñer en valor a etapa de formación de Picasso descoñecida en China. "Para min, que teño formación en arte, a súa etapa de aprendizaxe comezaba en Barcelona. En China, Picasso é coñecido por catro dos seus cadros", indicou. A comisaria, que agradeceu o apoio do Concello para realización da mostra, considerou que "A Coruña ten unha xoia" nesta etapa da vida e formación de Pablo Picasso e desexou que "algo tan importante" aumente a súa proxección internacional, estudo e coñecemento.  

No marco da rolda de prensa, Francisco Muíños indicou que a exposición ten "un sentir pedagóxico e didáctico, para que se estude, coñeza e entenda a evolución de Picasso". Por iso, a mostra, que contará con 137 pezas distribuídas en cinco salas, contará con cadros dos seus mestres como o seu pai, José Ruiz Blasco, xunto a Isidoro Brocos e Román Navarro, e inspiradores como Gumersindo Pardo Reguera, que conformarán a primeira das salas. A segunda estará dedicada aos cadros no Picasso mozo durante a súa etapa de formación na Coruña, mentres que na terceira o protagonismo será para unha das obras máis coñecidas do autor, o Guernica, que estará montada en tres dimensións para que o público poida interactuar con ela e da que se fará un estudo comparativo co gravado La matanza de los inocentes, de Carl Dupuis, que se atopaba na botica de Pardo Reguera. A cuarta sala exhibirá cadros de Picasso durante os anos 50, 60 e 70, que permitirá ver a evolución do artista. Para finalizar, a mostra conclúe cunha sala pedagóxica con actividades dirixidas aos nenos e as nenas. Muíños salientou a boa acollida e a "enorme expectación" que está a xerar a mostra, para a que xa se venderon 75.000 entradas. As previsións baseadas na afluencia de público ao museo, indicou, estiman que visitarán a exhibición preto dun millón de persoas.

Calendario

Busca de eventos

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?