Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xaneiro de 2018

O Concello afonda no seu compromiso "coa recuperación da memoria e a reparación das vítimas do franquismo" no II Encontro da Rede de Cidades Contra a Impunidade Franquista

O edil de Culturas, José Manuel Sande, participou nesta xornada, celebrando no cárcere Modelo de Barcelona, onde deu a coñecer algunhas das medidas impulsadas desde o goberno local “para facer da Coruña unha cidade de memoria”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá no II Encontro da Rede de Cidades contra a Impunidade Franquista, unha iniciativa municipalista constituída en Pamplona no ano 2016, co obxectivo de favorecer o acceso á xustiza das vítimas de crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista, e da que o Concello da Coruña forma parte desde o seu inicio. O edil interveu na xornada, organizada polo Concello de Barcelona, e que está a ter lugar na antiga prisión Modelo, "que vén de abrir as súas portas á cidadanía", tal e como salienta Sande. O responsable municipal deu conta das principais liñas de actuación levadas a cabo por parte do goberno local nos últimos dous anos co obxectivo de artellar un plan integral de recuperación da memoria e restitución das vítimas do franquismo, "para rematar con décadas de impunidade, devolver a dignidade e facer da Coruña unha cidade da memoria".

Entre as iniciativas postas en marcha, Sande salientou, entre outras medidas, a aplicación efectiva da Lei de Memoria Histórica para a retirada do rueiro da cidade de todo referente da represión franquista, así como a recente creación do Consello da Memoria Democrática, órgano consultivo e de participación en relación coas políticas municipais de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da ditadura, e que terá como primeira encomenda estudar a situación da Casa Cornide, en mans da familia Franco, así como a pertinencia da súa devolución a mans públicas. O edil tamén descatou iniciativas postas en marcha estes dous últimos anos, como a rehabilitación do monumento ás vítimas situado no Campo da Rata, a adhesión á querela arxentina, a retirada da galería de retratos aos alcaldes golpistas do Pazo de María Pita, a organización o pasado mes de novembro das Xornadas Memoria e Democracia, ou o apoio ás actuacións encamiñadas a recuperar a titularidade e o uso público do Pazo de Meirás.

Ademais, o edil subliñou --desde unha fila cero na que tamén participaron membros dos gobernos municipais de Cádiz, Durango, Rivas Vaciamadrid ou Elgeta-- o labor do goberno local para a creación da oficina de atención ás vítimas da represión franquista, que se porá en marcha este ano en colaboración da Universidade da Coruña e co apoio de membros da sociedade civil, e que contará co soporte intelectual da nova Cátedra Universitaria de Memoria Histórica.

O encontro, no que tamén participaron o alcalde de Zaragoza, Pedro Santiesteve, ou a rexedora de Barcelona, Ada Colau, contará, na súa clausura, coa participación de Carme, Imma, Merçona e Montse Puig Antich, irmás do activista anarquista Salvador Puig Antich, executado na mesma prisión Modelo por orde de Francisco Franco.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión