Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de xullo de 2018

O Concello convoca a primeira edición do Concurso de Composición de Bandas de Música

O edil de Culturas, José Manuel Sande, lembra que a proposta se desenvolve no marco do 70º aniversario da banda municipal. A agrupación coruñesa estreará nun concerto as tres pezas gañadoras, cuxa temática deberá estar vinculada a Galicia

O Concello da Coruña abrirá esta semana o prazo de presentación de obras que poden participar na primeira edición do Concurso de Composición de Bandas de Música, unha iniciativa que a área de Culturas, Deporte e Coñecemento pon en marcha no marco do 70° aniversario da creación da Banda Municipal de Música, co obxectivo de ampliar o repertorio da agrupación á vez que permite visibilizar a obra de diferentes creadoras e creadores. "Este concurso é unha nova mostra do apoio ao tecido creativo, á vez que recoñece a excelencia dunha agrupación musical como é a banda municipal nunha tempada na que celebramos o bo facer ao longo da súa traxectoria", apunta o concelleiro. A proposta únese a outras accións recentes "que avalan a calidade da Banda, desde o establecemento de alianzas estables con outras entidades e institucións a concertos con ricos repertorios que certifican o seu excelente estado de forma, un ritmo de actividade moi superior a etapas anteriores", expón.

Ao concurso, no que se premiarán tres traballos, poderán concorrer todas as compositoras e compositores, coas obras orixinais e inéditas que desexen, sempre e cando estas estean vinculadas, na súa temática, á Galicia, ou que no propio título do traballo -elixido pola autora ou autor-- faga alusión á cultura galega. A duración da composición, que poderán interpretar até un máximo de 50 artistas de vento-madeira, vento-metal, percusión e corda, poderá variar entre os 15 e os 30 minutos, e non se admitirán obras para solistas.

De cara á presentación dos traballos, as partituras --que non poderán estar asinadas-- e todos as indicacións que conteñan -fraseo, dinámicas, articulacións-- deberán ser lexibles e entregaranse en papel. Estas poderanse facer e maquetar a través de programas informáticos especializados, como Sibelius ou Finale. Xunto á partitura, deberase incluír un arquivo en galego no que se dea conta do currículo da autora ou do autor, notas sobre a obra, instrumentos e outros aspectos que se consideren que poidan ser de interese. Un xurado, nomeado polo concelleiro de Culturas e presidido polo director da Banda Municipal da Coruña, Juan José Ocón, será o responsable de fallar os premios. O tribunal deberá ter presentes cuestións como a orixinalidade e a tonalidade, a harmonía e o contraste, o ritmo e a forma comunicativa ou a mensaxe, ademais da presentación e acabado das partituras entregadas.

A partires da publicación do anuncio na sede electrónica, que terá lugar mañá, luns 16 de xullo, as persoas interesadas en participar disporán de cinco meses para presentar as súas composicións En total, concederanse tres premios ás mellores obras, dotados con 2.000, 1.500 e 500 euros, respectivamente. Ademais, as pezas gañadoras incluiranse no repertorio da banda municipal coruñesa, que as interpretará nun concerto e, tras a súa estrea, estarán dispoñibles na páxina web do Concello.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión