Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de maio de 2018

As actividades, así como toda a información sobre a celebración, pódese consultar na web www.sanxoancoruna.es

O Concello presenta a programación municipal do San Xoán 2018, que comezará o 16 de xuño e que incide “na aposta do goberno local pola promoción do tecido cultural e artístico coruñés”

Os edís José Manuel Sande e Alberto Lema presentaron as actividades lúdicas da festa, cuxo cartel é obra do debuxante David Rubín, “referente que dá continuidade á liña de visibilizar as e os artistas que forman parte da Coruña Gráfica”

A Coruña prepárase para a celebración da festa de interés turístico internacional do San Xoán. O goberno local presentou esta mañá o cartel e a programación desta edición, que ofrecerá actividades para todos os públicos entre o 16 e o 24 de xuño, e fará especial fincapé no acompañamento musical da propia noite meiga a través do Festival Sons de San Xoán, que terá lugar en Riazor. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, foi o responsable de dar a coñecer a proposta municipal -á que se sumará o dispositivo de seguridade e o ambiental que se presentará nas vindeiras semanas-, "que incide, un ano máis, na aposta deste goberno pola promoción do tecido cultural local". Así, San Xoán contará "cunha potente programación escénica e musical para todos os públicos -explicou Sande- a través da segunda edición da Ruada das Xoubas", unha iniciativa que comprenderá 26 espectáculos que se desenvolverán en distintos espazos do termo municipal e que culminará cunha gala final na praza de María Pita na xornada do domingo 24. "Por segundo ano consecutivo, promovemos unha programación realizada de xeito coordinado coas compañías de teatro locais, que son as que definen a programación escénica da cidade, e cuxo talento circula pola mesma durante todo o ano", especificou o concelleiro.

Deste xeito, entre o día 16 e 23, a programación infantil de San Xoán achegará os espectáculos escénicos a Santa Margarita, Oza, Palavea, O Castrillón, A Silva, Paseo das Pontes, Cidade Vella, Agra do Orzán, Peixería, Novo Mesoiro, Os Rosales ou Monte Alto, "favorecendo  a extensión da Ruada das Xoubas polo termo municipal, o que referenda a descentralización da programación cultural municipal así como o carácter popular e espontáneo da propia festa", aseverou Sande.  Xa no propio día de San Xoán, o 24 de xuño, terá lugar a Gala Final na praza de María Pita, na que se sucederán obradoiros, contacontos e concertos en horario de mañá --entre as 11.00 e as 13.30 horas-- e de tarde --de 17.00 a 20.30 horas-- Durante a celebración, ademais, haberá un espazo habilitado de xogos para bebés. Toda a información sobre esta iniciativa poderase consultar na web propia da festa, á que se pode acceder á través da dirección www.sanxoancoruna.es

Na propia noite do 23 de xuño, a explanada de Riazor acollerá unha nova edición do Festival Sons de San Xoán con catro concertos "que ofrecerán unha animación complementaria á actividade das propias praias", tal e como destacou o concelleiro de Culturas. Así, a banda Ezetaerre iniciará a sesión cun concerto que se desenvolverá entre as 20.30 e as 21.30 horas. De seguido, Bolboreta será protagonista, entre as 21.45 e as 22.45 horas, en Riazor. O proxecto liderado por Lydia Botana dará paso, contra as 23.00 horas, a Banda Xangai, que tocará ata media noite. Unha vez comece a queima da falla en Riazor, prevista ás 00.00 horas, Os Resentidos subirán ao escenario e ofrecerán un concerto que se prolongará até as 01.30 horas.

A presentación desta mañá, na que tamén estivo presente o concelleiro de Emprego e Economía Social, e responsable da área de Turismo, Alberto Lema, tamén serviu para dar a coñecer o cartel da festa, que dá continuidade á aposta do goberno municipal polo cartel de autor vinculada á Coruña Gráfica --o ámbito do da ilustración, do cómic, da animación e da banda deseñada local--, coa participación do debuxante David Rubín, "que vén de ser nomeado finalista de catro premios Eisner, e que dá conta da excelencia do sector na Coruña e Galicia", tal e como lembrou Sande.

Tanto o cartel, que xa se pode ver nas rúas da cidade, como a programación, que estará dispoñible tanto no web www.coruna.gal como nas oficinas de Turismo e outros equipamentos municipais, difundirase tamén a través de campañas de promoción, tal e como avanzou o concelleiro Alberto Lema, quen lembrou que o Consorcio de Turismo "xa deu a coñecer esta festa, dun importante polo de atracción, en Fitur e noutras feiras e accións que tiveron lugar tanto no territorio estatal como fóra das súas fronteiras". Ademais da promoción a través de canles dixitais e da compañía aérea Vueling, editaranse folletos traducidos ao castelán e inglés. "A Festa de San Xoán, cun fondo compoñente de tradición e de autoorganización, marca o inicio da tempada de verán na Coruña, que este ano prolongaremos coa posta en marcha do Festival SAL Sabores Atlánticos", sinalou o edil.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión