Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de abril de 2018

O goberno local destinará neste exercicio un total de 620.000 euros ás cinco convocatorias, dos cales 120.000 euros corresponden á nova liña de subvencións, na que se financiarán ao 100% de cada proposta

O Concello presenta 'Grupo Xerminal', a quinta liña de axudas municipais destinada ao tecido cultural local, "unha convocatoria que alimentará a efervescencia creativa da cidade"

O edil José Manuel Sande salienta que a iniciativa, “que rende homenaxe ao mítico grupo de estudos coruñés do primeiro terzo do século XX”, está dirixida “a sublimar as diferentes manifestacións artísticas da cidade”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a nova liña de subvencións en réxime de concorrencia competitiva que ten, como finalidade, apoiar ao tecido local vinculado no eido das artes escénicas, da música, do libro, do audiovisual ou outro tipo de manifestacións artísticas. O Plan de Apoio á Creatividade Grupo Xerminal, que así se denomina a proposta, "apela ao xerme, ao nacemento dun movemento ou dunha obra artística, así como á obra de Zola, pero rende especialmente homenaxe ao centro de estudos coruñés Germinal, que desenvolveu a súa actividade no primero terzo do século XX e que estivo vinculado á cultura obreira, ao movemento libertario e á historia política e cultural da cidade", apuntou o responsable municipal.

Grupo Xerminal, cuxo prazo de presentación de propostas estará aberto desde o 20 de abril e até o 14 de maio, pretende "sublimar as distintas manifestacións artísticas e culturais existentes na cidade, así como seguir as pisadas do que foi, desde o principio, a liña de traballo da Concellería, como o apoio á creación local e o entendemento da versatilidade do feito artístico", dixo Sande. "A nova convocatoria avanza nesta idea, a de ofrecer unha ferramenta, en clave de autoxestión, que permita alimentar a constante pulsión creativa da Coruña", expresou o edil.

Así, a nova liña de axudas, á que se destinarán un total de 120.000 euros, admite unha posibilidade moi ampla de proxectos de intervención artística, "que se pretenden vinculados á vangarda e á creación contemporánea, para expandir os límites da creación", aseverou o concelleiro. Os entornos creativos nos que se poderá desenvolver a proposta serán a palabra --literatura, libro e lectura--, son --música, ruidismo, instalacións sonoras ou subxéneros musicais, entre outras--, plástica --pintura, escultura, gravado, cerámica, cómic, ilustración--, escena --artes vivas, teatro, danza, circo, cabaré--, imaxe --cinema documental, de ficción ou animación, ademais de videocreación-- e outras manifestacións artísticas. Grupo Xerminal tamén permite que as propostas, que o Concello financiará ao 100% cunha contía máxima de 3.600 euros por iniciativa, se presenten en diversas modalidades, como exposición ou instalacións temporais, exhibicións, recitais ou performance; ou intervencións sobre o territorio. Ademais, os proxectos artísticos que opten á convocatoria poderán incluír unha programación expandida ou complementaria de obradoiros, seminarios, mesas redondas, conferencias ou similares, sempre que estas non superen o 25% do total da programación e do orzamento. Os gastos subvencionables serán os vinculados aos gatos de persoal así cmo de subministracións e servizos efectuados por provedores, entre outros.

"Entendemos que Grupo Xerminal responde ás demandas da efervescencia creativa que existe na Coruña, e que non sempre ten a posibilidade de expresarse ou, incluso, a posibilidade material de recibir o apoio da administración", sinalou o concelleiro, quen destacou que esta subvención non é compatible con outras axudas de entidades públicas ou privadas, como Cultura de Barrio. A este respecto, só poderán acceder á condicion de beneficiarias persoas físicas que teñan a súa residencia na cidade da Coruña cunha antigüidade mínima desde o 1 de xaneiro de 2018, e perdurable durante todo o período subvencionable. Tamén poderán concorrer persoas físicas de calquera nacionalidade e residencia radicada no resto do Estado ou no estranxeiro, sempre que se incorporen a colectivos nos que, polo menos, o 50% das persoas participantes así como do solicitante que actúe como representante sexan residentes no termo municipal coruñés.

Ao igual que nas outras liñas promovidas pola área de Culturas para o presente exercicio, unha comisión valorará os diferentes proxectos. Os criterios de valoración apelarán ao interese cultural e a calidade do proxecto, nos que se valorarán a calidade artística e técnica, a investigación e innovación, cooperación ou sinerxias con axentes culturais, sociais ou educativos da Coruña; a intervención sociocultural do proxecto; a viabilidade e precisión na exposición do proxecto, que atende á proporcionalidade entre o orzamento e o obxecto do proxecto; así como a traxectoria e coñecementos da persoa solicitante no ámbito da actividade exposta.

Para poder optar á subvención, será necesario obter un mínimo de 57 puntos sobre os 95 puntos posibles, e a axuda concederase aos proxectos que obteñan unha maior puntuación, até o importe máximo total da subvención, que ten un límite de 120.000 euros. O prazo máximo de resolución será de dous meses contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, que será o 14 de maio.

Liñas de axudas 2018

Tal e como lembrou José Manuel Sande, Grupo Xerminal é a quinta liña de axudas presentada pola súa área ao longo deste ano, co obxectivo de facilitar a promoción e visibilidade do tecido cultural e creativo coruñés. En total, a Concellería de Culturas destinará neste exercicio 620.000 euros ás diferentes convocatorias de concorrencia competitiva, "unha medida que permite non só organizar e regular as relacións entre a administración e os colectivos, senón tamén referendar o apoio do goberno local á creación e ao enriquecemento cultural da nosa cidade", sinalou Sande.

As primeiras convocatorias presentadas neste exercicio, a segunda edición tanto de Plan de Arraigo como de Facemos Comunidade, son, como apuntou o edil, "as máis sinxelas en canto a súa solicitude", que remata o vindeiro martes, 24 de abril, "e teñen que ver cunha cidadanía que organiza moitísima actividade e que non sempre teñen o recoñecemento, neste sentido, da administración". Así, Plan de Arraigo, con 100.000 euros, está dirixida aos colectivos vinculados á música tradicional e a outras expresións artísticas e culturais, mentres que Facemos Comunidade, á que o executivo municipal destina 250.000 euros, "ten como o obxectivo regular a organización, desde as entidades veciñais, das festas de barrios que se expanden ao longo do termo municipal".

De seguido, presentouse a segunda convocatoria de Cultura de Barrio, unha proposta de carácter cultura dotada de até 100.000 euros el dirixida ao tecido creativo e aos colectivos informais "na que o aspecto social e a intervención en comunidades teñen unha forte pegada". Con anterioridade á presentación do Grupo Xerminal, josé Manuel Sande deu a coñecer a liña de axudas Cultura de Proximidade, "unha proposta para apoiar ás salas de artes escénicas e musicais que desenvolven un importante labor na programación cultural da cidade", na que o Concello inviste 50.000 euros.

Toda a información sobre estas cinco convocatorias pódese consultar a través da páxina web municipal www.coruna.gal/cultura.

Documentos:

Dossier - Grupo Xerminal (5 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión