Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de marzo de 2019

O Concello renderá homenaxe ás vítimas coruñesas do Holocausto nun acto institucional no que participarán familiares das veciñas deportadas

O alcalde e o concelleiro de Culturas presidirán o acto, que se celebrará o mércores 3 de abril e que se realiza a petición da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica

O Concello da Coruña renderá homenaxe o vindeiro mércores, 3 de abril, ás vítimas coruñesas do Holocausto. Será nun acto institucional, que comezará ás 19.30 horas no salón de Plenos, e que contará coa presenza tanto de expertos e expertas investigadoras como de familiares das veciñas deportadas. O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presidirán un acto que partiu do impulso da Asociación Pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e que serve para render homenaxe "a todos os homes e mulleres que sufriron a máis cruel represión nos campos de exterminio nazis, aos e ás que foron asasinadas alí e a todas as persoas que sobreviviron para contalo".

"A vitoria franquista levou a moitos e moitas republicanas a exiliarse a Francia, refuxiados que foron confinados en campos de acollemento e cuxo destino queda ligado para sempre ao auxe do fascismo en Europa e á Segunda Guerra Mundial. Esas persoas só tiñan dúas opcións, ou regresar a unha España onde eran perseguidas ou meterse na guerra", recorda o concelleiro Sande. "Non obstante, o seu periplo non rematou alí. Unha das decisións da reunión de Franco e Hitler en Hendaya é a de declarar apátridas a todos republicanos españoles que foron feitos prisioneros polos alemáns, así como o seu traslado aos campos de exterminio", di. Segundo os datos que manexa a ARMH, a gran maioría destas persoas foron enviadas a Mauthausen. "Estímase que do total de persoas deportadas aos campos, 9.328 eran de España. O número pode ser maior, pero destes homes e mulleres existe constancia documental. O 59% nunca regresou daqueles lugares de exterminio. Aínda que raras veces se recoñece, tamén houbo galegos e galegas. Os datos din que 179 persoas foron deportadas, das que 106 foron asasinadas", explica.

Os datos indican que 21 deportados eran orixinarios da cidade da Coruña. Dese número, 12 veciños e veciñas faleceron nos campos de concentración, mentres que 3 ficaron en paradeiro descoñecido. O número de persoas deportadas aumentan na provincia até os 78. "Do mesmo xeito que o goberno local da Coruña deu cumprimento a Lei de Memoria Histórica, borrando do noso rueiro o nome das persoas que sementaron o terror e restituíndo a memoria das vítimas e as persoas silenciadas, este era un acto de xustiza que debiamos levar a cabo", opina o concelleiro de Culturas.

Luis Bournasell Sampedro, Adolfo Bregua Mouriño, Victor Manuel Conde Núñez, Enrique Manuel Fernández Oubiña, Eduardo Sánchez García e Francisco Tallón foron os veciños que lograron sobrevivir aos campos de concentración do nazismo, mentres que José Albedro Villaverde, Fernando Batalla Caule, Adriano Castrillo Soutelo, Martín Ferreiro Álvarez, Juan Clemente García de la Cruz, Antonio García Lagares, Juan González del Valle, Leopoldo López Criado, Julio Martínez Arias, José Martínez Cacheira, Luis Rafales Lamarca, Víctor San Miguel Prada e Enrique Tallón Charlón perderon a vida. "Este mércores, e grazas tamén a unha iniciativa civil, liderada pola investigadora Carmen García Rodeja, recordaremos e renderemos homenaxe a todas estas persoas. É de recibo xa que, en 2005, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, reafirmou que o Holocausto será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos", dixo.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión