Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de outubro de 2018

O goberno local subliña o seu compromiso co sector creativo coa instalación no centro Ágora da Oficina de Cooperación Audiovisual, “que dinamiza e fortalece o tecido creativo galego”

O concelleiro José Manuel Sande participou esta mañá na presentación da sede física da ACO. O acto tamén serviu para dar a coñecer un plan de formación dirixido ao sector, que arrincará mañá, así como a programación da III Semana das Músicas do Audiovisual, que comezará este domingo no Teatro Colón cun concerto no que participará a Banda Municipal de Música

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no centro Ágora a nova sede da Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO), iniciativa posta en marcha o pasado mes de xuño polo goberno local coa colaboración coa Academia Galega do Audiovisual (AGA) de cara a favorecer a realización de rodaxes no termo municipal así como ofrecer asesoría sobre o desenvolvemento de proxectos e gravacións. Coa apertura da sede física da ACO, unha rede de asesoramento conformada por profesionais do sector, e até agora presente a través da plataforma web www.aco.gal, o goberno municipal "reforza -como sinalou Sande- o seu apoio ao sector cultural así como ás actividades que desenvolve AGA na cidade e que xa contan coa colaboración do Concello", como son os Premios Mestre Mateo, o proxecto Papeis da Academia ou a Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), que este domingo iniciará no Teatro Colón a súa terceira edición.

Entre as funcións asumidas pola Oficina de Cooperación Audiovisual, que desde xuño ten asesorado a máis de 20 proxectos, sitúanse a organización, xestión e centralización de permisos de rodaxe e gravación no termo municipal. "A apertura desta sede física ten como obxectivo final favorecer e dinamizar o traballo do tecido audiovisual galego, un colectivo diverso que precisa dunha atención específica para poder fortalecer o sector en Galicia", indicou Sande.

O responsable municipal lembrou que, á vez que se puxo en marcha a ACO no mes de xuño, habilitouse tamén a primeira edición do Manual de Rodaxe do Concello da Coruña, "un extenso e completo documento" que recolle os distintos procedementos e protocolos a seguir para formalizar a solicitude de permisos de rodaxe, así como as normas e obrigas que se deben cumprir no momento de levala a cabo. "Por vez primeira a administración local achega unha ferramenta útil para as creadoras e creadores, coa idea de facilitar o seu labor, que redunda tamén na propia imaxe da cidade", apuntou Sande. Ao fío, o edil recordou que o goberno municipal liberou no ano 2015 as taxas de gravacións e rodaxes non publicitarias para facilitar o desenvolvemento de elementos de promoción cultural así como de filmación de material na cidade.

Xunto a ACO, deuse a coñecer tamén a nova sede da AGA, que se traslada desde esta semana ao centro Ágora, "o que favorecerá, en todos os sentidos, toda a actividade audiovisual na cidade",  sinalou José Manuel Sande, quen se referiu ás posibilidades que ofrece o equipamento, que conta cun auditorio, aulas para impartir formación e espazos para organizar distintas accións, ademais dos propios despachos vinculados ás oficinas da ACO e da AGA. "O Ágora conta con moita actividade, pero ábrese unha nova etapa cunha firme vinculación ao carácter cultural e artístico, lanzada cara á cidade e Galicia", apuntou o edil, que estivo acompañado na presentación por Nani García, vicepresidente da AGA e Director Artístico da SEMUA, así como de Susana Veira e Ana Míguez, membros da xunta directiva da entidade.

"Hoxe presentamos moito máis que dúas novas oficinas: damos a coñecer a robustez dunha iniciativa beneficiosa para o tecido audiovisual,  que conta con asesoría de proxectos, xestión de permisos de rodaxes e un plan específico de formación dirixido a profesionais", sentenciou o titular da área de Culturas, Deporte e Coñecemento. Plan de formación

Entre as actividades nas que o Concello da Coruña colaborará coa AGA este ano, ademais da posta en marcha da nova oficina, está o desenvolvemento dun completo plan de formación dirixido principalmente a profesionais do sector coa colaboración das asociacións máis representativas de Galicia, entre as que se inclúen a Asociación de Productoras Independentes (AGAPI), a Asociación de profesionais da dirección e da realización de Galicia (CREA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación de Empresas de Videoxogos e contidos interactivos (Videoxogo.gal) e a Asociación de Compositores de Música para Audiovisual (Musimagen).

O plan ofrecerá tres actividades específicas. A primeira delas celebrarase mañá, 19 de outubro, nunha xornada denominada Lugares comúns (para a educación e o audiovisual), dirixida á docencia, e parte do compromiso de situar ao sector audiovisual como aliado á hora de xerar contidos educativos e procesos metodolóxicos innovadores. De cara a semana do 22 ao 26 de outubro, no marco da III Semana das Músicas do Audiovisual, terán lugar unha serie de obradoiros que teñen como eixe común a parte sonora e musical das obras audiovisuais. Finalmente, os días 9 e 10 de novembro, as e os profesionais do sector terán a oportunidade de asistir ao taller Contidos en 360/vr para narrativas de ficción e documental.

Semana da Música Audiovisual

O vindeiro domingo, 21 de outubro, iniciarase no Teatro Colón a terceira edición da Semana das Músicas do Audiovisual, unha proposta da AGA que conta co apoio do Concello da Coruña e a participación activa da orquestra Sinfónica de Galicia así como da Banda Municipal de Música. A iniciativa pretende visibilizar, a través de concertos, obradoiros e clases maxistrais, as músicas de cine, televisión e outros medios audiovisuais, así como ampliar a formación de profesionais ou persoas interesadas na composición, produción e interpretación.

Na proposta do día 21, a Banda Municipal ofrecerá un Concerto en familia, no que interpretará bandas sonoras de curtametraxes galegas e obras universais acompañadas de imaxes. A proposta comezará ás 12.15 horas e o acceso será libre até completar a capacidade do recinto. Xa nas mañás dos días 22 e 23, a agrupación tamén ofrecerá concertos didácticos no Teatro Colón, dirixidos a público escolar. Polas tardes destas xornadas, o equipamento xestionado pola Concellería de Culturas acollerá o obradoiro A lei de propiedade intelectual na contorna dixital actual, impartido por Darío Palomo --día 22, de 17.00 a 20.00 horas--, e unha clase maxistral de  Vicent Tobar titulada Composición musical para videoxogos --día 23, de 17.00 a 20.00 horas--. Ambas propostas contarán con entrada gratuíta, previa inscrición a través do correo electrónico  producion@academiagalegadoaudiovisual.gal.

O mércores 24 ofreceranse dúas clases maxistrais. A primeira, impartida por Vanessa Garde, versará sobre Plantillas na composición para audiovisual, que terá lugar no Teatro Colón --as entradas pódense adquirir a través do web www.fundacionsgae.com--. Pola tarde, entre as 17.00 e as 20.00 horas, Lucas Suárez abordará A guitarra no film scoring no Conservatorio Superior de Música da Coruña.  O xoves 25 terá lugar o ciclo A ilusión é perfecta, dedicado ao compositor José Nieto, que manterá unha conversa aberta co público o venres 26, ás 11.00 horas tamén no Conservatorio Superior. Finalmente, a orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Andrés Valero-Castells --quen foi director da Banda Municipal--, interpretará, baixo o nome As nosas músicas, compositores galegos, un programa de bandas sonoras con partituras escritas para cine e TV. A cita será ás 20.30 horas no Teatro Colón e as entradas xa están dispoñibles a través da páxina web www.ticketea.com

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión