Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de xuño de 2018

O Teatro Rosalía de Castro acolle esta fin de semana a representación de 'Divinas Palabras Revolution', a primeira adaptación ao galego da traxicomedia de Valle-Inclán

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentou a proposta que dirixe Xron, responsable de Chévere. Mañá, ás 18.00 horas, terá lugar no recinto municipal unha conversa aberta co equipo sobre o proceso creativo da obra

A Coruña acolle esta fin de semana a representación da última produción do Centro Dramático Galego (CDG). Divinas Palabras Revolution, a primeira adaptación ao galego da traxicomedia de Ramón María del Valle-Inclán, dirixida por Xron, chega ao Teatro Rosalía de Castro, escenario no que ofrecerá unha dobre función mañá, venres 8, e o sábado, día 9. O concelleiro José Manuel Sande destacou a posta en escena dunha obra "que dá conta dunha vella aposta e incide nunha necesidade de representación histórica despois de tres décadas de CDG", á vez que salientou a "calidade que supón a presenza neste proxecto de Xesús Ron e de Chévere", compañía gañadora do Premio Nacional de Teatro en 2014. A este respecto, a directora do CDS, Fefa Noia, apuntou que a visión que se ofrece do texto "dista moito de ser unha reconstrución, senón que lle dá vida e actualiza o material de Valle-Inclán".

Así, o espectáculo fai unha revisión "moi libre e ambiciosa", segundo cualificou Xron, desta traxicomedia de aldea de Valle-Inclán "para transformala nunha traxicomedia de aldea global", na que a produción converte os personaxes orixinais en concursantes dun programa de telerrealidade. "É unha proposta moi comprometida, un espectáculo feito sen concesións no que quixemos poñer a proba a vixencia e a perspectiva do  autor sobre a sociedade contemporánea da súa época e a brutalidade dos feitos que conta, e comprobar se seguen a ser válidos para chegar ao espectador de hoxe en día. Por iso trasladamos tanto o contexto como a localización 100 anos, desde unha aldea pechada sobre si mesma, a unha aldea global, como é un plató de televisión, sen identidade propia e pechado sobre si mesmo", explicou o director, quen advertiu de que as espectadoras e espectadores de Divinas Palabras Revolution  "terán que participar e tomar algunhas decisións para artellar a súa propia visión da obra". O elenco da proposta, encabezado por Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, conta con Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victora Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Vieitez.

De cara ás representacións na Coruña, o equipo de Divinas Palabras Revolution participará mañá, ás 18.00 horas, nunha conversa aberta á cidadanía no ambigú do Teatro Rosalía Castro. "Neste encontro queremos abordar co público a nosa visión da obra, realizada desde a honestidade e que traslada a nosa interpretación dun texto de difícil comprensión para o lector ou lectora media", expuxo Xron.

As entradas para as dúas funcións --tanto o venres como o sábado serán ás 20.30 horas-- pódense adquirir, desde 6,50 euros, a través das canles de venda habituais, como son o despacho de billetes da praza de Ourense --de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas--, a plataforma www.ticketea.com ou a través do servizo de televenda  902.044.226 --de luns a venres de 09.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas--. No despacho do propio Teatro Rosalía poderanse adquirir o mesmo día do espectáculo. A Concellería de Culturas lembra que o colectivo de persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos poderán, como é habitual, obter descontos á hora de mercar as entradas. Para máis información sobre este espectáculo así como outras propostas do TRC, pódese consultar o web www.coruna.gal/cultura.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión