Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xaneiro de 2019

Poetas Di(n)versos retoma o luns a súa programación no centro Ágora cun ciclo de inverno dedicado á lusofonía, con Valter Hugo Mae, Vera Duarte e Andrew McMillan

Os recitais, que se celebran o 14 de xaneiro, o 25 de febreiro e o 18 de marzo, contarán tamén con voces galegas como son as de Miguel-Anxo Murado, Gonzalo Hermo e Lucía Novas

O ciclo Poetas Di(n)versos iniciase o vindeiro luns no centro Ágora cun recital que anticipa a lusofonía como fío condutor da súa programación para o ciclo de inverno. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou o menú "sinalado polo idioma e polas grandes voces da lusofonía" para os vindeiros meses dunha iniciativa "afortunadamente estable e consiste, sempre con sinais de calidade e unha excelente escolma de poetas", dirixida pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, e que forma xa parte dunha cidade "cunha rede excelente de bibliotecas, unha cidade coa feira do libro máis importante de Galicia, cidade na que na celebración das Letras Galegas a colaboración coas librerías é importante, na que vimos de introducir a figura de Luz Pozo no belén municipal". Neste sentido, Castaño engadiu que a cidade "é a única que ten unha escola de escrita creativa en Galicia, na que actúan tantos grupos e colectivos poéticos, faladoiros, obradoiros, clubs de lectura na magnífica rede de bibliotecas municipais e a que ten o único ciclo estable de recitais poéticas que acollen a poetas internacionais de xeito regular e constante en toda España". Precisamente, a programación do primeiro trimestre recibe a poetas como Valter Hugo Mae, Vera Duarte e Andrew McMillan, que estarán acompañados por "interesantísimas voces en galego" como son Miguel-Anxo Murado, Gonzalo Hermo e Lucía Novas.

O primeiro recital terá lugar o vindeiro luns día 14, ás 20.30 horas no Centro Ágora, o público poderá escoitar a "unha das voces imprescindibles portuguesas, nacido en Angola, como é Valter Hugo Mae, un enfant terrible das letras portuguesas, polígrafo, cosmopolita, que ademais de escritor é editor, cantante e presentador de televisión". Xunto a el estará Miguel-Anxo Murado, a quen Castaño cualificou coma "un rara avis da literatura galega, hoxe residente en Madrid, e que foi tamén xornalista especializado en conflitos bélicos, así cubriu a guerra dos Balcáns e traballo para a ONU en Oriente Medio durante anos, ensaísta inesquecible co seu Outra idea de Galicia, pero tamén poeta, con dous magníficos libros".

A segunda das xornadas, que se celebra o 25 de febreiro, "conxugarase en feminino" coa presenta de Vera Duarte e Lucía Novas. A primeira é "un dos máximos expoñentes da literatura caboverdiana actual, como é Duarte, que foi ministra de Cultura do seu país, ademais de xurista e unha gran defensora dos dereitos humanos". Ao seu lado estará a escritora de Bueu Lucía Novas, "que acadou o consenso crítico coa súa terceira obra poética, publicada o pasado ano co título de Cervatos". En marzo, o luns 18, o ciclo contará con Andrew McMillan, "a auténtica revelación británica, que concede máis capas e matices á construción da masculinidade", e con Gonzalo Hermo, primeiro galego que acadou o Premio Nacional de Poesía Joven e que o fixo cunha obra en galego, para "establecer un certeiro diálogo sobre as diversidades de sexo e xénero".  

Os recitais do ciclo Poetas Di(n)versos, que conta coa colaboración do Concello da Coruña para facilitar á cidadanía o acceso a este estilo literarios, son gratuítos e celébranse ás 20.30 horas no Ágora. Como é habitual, cada cita coa poesía contará con librerías da cidade para ofrecer a oportunidade de adquirir exemplares das autoras e dos autores participantes no recital.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión