Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xaneiro de 2019

O Concello activa un dispositivo especial de mobilidade para a celebración da Cabalgata de Reis, que este ano se poderá seguir en directo por pantallas dende a praza de María Pita e na web municipal

Os Reis Magos iniciarán a súa visita no estadio municipal e cun saúdo aos nenos e ás nenas no Pazo dos Deportes de Riazor para, a continuación, comezar o percorrido da comitiva por Calvo Sotelo, Fernando Macías, Médico Rodríguez, Juan Flórez, Marcial del Adalid, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande e avenida da Mariña ata o Concello, onde intervirán dende o balcón. A Concellería de Mobilidade Sostible recomenda non empregar o vehículo e aconsella itinerarios alternativos para a entrada e saída da cidade dende ás 16 horas do sábado.

A Cabalgata de Reis de 2019 arrincará mañá, sábado, no estadio municipal e no Pazo dos Deportes de Riazor coa benvida aos Reis Magos, antes de iniciar o seu percorrido cara á praza de María Pita, onde haberá instaladas pantallas que permitirán seguir en directo o desfile. O desfile tamén poderá verse a través do streaming dende a páxina web do Concello http://www.coruna.gal/portal/gl/concello/noticias/cabalgata-de-reis. Os actos comezarán ás 16.30 horas no estadio, onde o alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, recibirán ás súas maxestades a pé de campo para despois acompañalos ao Pazo dos Deportes para que poidan saudar ao público asistente que se queira achegar. O desfile, no que participan 16 carrozas, catro trens e 450 nenas e nenos que acompañarán aos Reis Magos, iniciarase ás 17.30 horas. O percorrido, no que se lanzarán 12 toneladas de caramelos sen glute, estará amenizado por bandas de música, inchables, bufóns, malabaristas, clowns, dragóns de grande altura ou grupos de danza, entre outras propostas. O desfile rematará no Concello, onde o alcalde recibirá aos Reis Magos e os convidará a saudar aos nenos e ás nenas dende o balcón do Pazo de María Pita.

A comitiva dos Reis Magos sairá da avenida da Habana para continuar despois  por avenida Calvo Sotelo, Fernando Macías, Médico Rodríguez, Juan Flórez, Marcial del Adalid, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Mariña e a Praza de María Pita. O itinerario contará cun dispositivo específico de mobilidade, así como cun de seguridade conformado por 279 persoas e zonas sinalizadas para persoas con mobilidade reducida e lactancia.

Cortes de tráfico

O percorrido da cabalgata supón o corte á circulación dende as 16.00 horas, o que afectará tanto a vehículos privados como aos percorridos dos autobuses urbanos. A Concellería de Mobilidade Sostible desaconsella o uso do vehículo privado dende as 16.00 horas e ata ás 20.30 horas, especialmente nas rúas Primo de Rivera, Linares Rivas, Federico Tapia, San Andrés e Juan Flórez. A circulación irase restablecendo segundo vaia pasando a comitiva dos Reis Magos.

Para o acceso á cidade dende a avenida de Alfonso Molina con destino á Cidade Vella, Orillamar, Durmideiras ou Monte Alto, a concellería recomenda circular por Linares Rivas, avenida do Porto e túnel do Parrote. Con destino a Cidade Xardín, Ensanche e Pescaría, o itinerario recomendado é AC-10 en dirección Carballo, glorieta de Lonzas para tomar a Terceira Rolda e chegar a Manuel Murguía, Paseo de Ronda e Paseo Marítimo. No caso de que o destino sexa a estación de ferrocarril, Os Mallos e Agra do Orzán, o percorrido máis axeitado é a rolda de Outeiro.

No caso de acceder á cidade dende a AC-12 por avenida da Pasaxe con fin da viaxe na estación do ferrocarril, Os Mallos ou Agra do Orzán o itinerario recomendado é polas roldas, tanto de Outeiro como de Nelle. No caso de destino no Ensanche, Cidade Xardín, Pescaría, Cidade, Vella, Orillamar, Durmideiras ou Monte Alto recoméndase desviarse cara a Casa Blanca para tomar a AC-10 cara a Carballo, e na glorieta de Lonzas coller a Terceira Rolda en dirección a Manuel Murguía e Paseo de Rolda ou Paseo Marítimo, Rubine e Teresa Herrera.

As entradas á Coruña pola AC-552, dende a avenida de Arteixo, deberán desviarse pola roldas de Nelle e de Outeiro para tomar o Paseo Marítimo se o destino é Pescaría, Cidade Vella, Orillamar, Durmideiras, Monte Alto, Ensanche ou Cidade Xardín. Para o acceso pola AC-415 (avenida de Fisterra), tamén se recomenda a circulación polas roldas se a fin da viaxe está na parte peninsular da cidade. Se o destino é na zona do Palacio da Ópera, aconséllase circular por ronda de Nelle, Paseo de Ronda e José Luís Pérez Cepeda.

As vías alternativas para a saída da cidade dende Durmideiras e Monte Alto son a través do Paseo Marítimo e cara o estadio municipal, dende Pescaría e Cidade Vella polo túnel de María Pita e o Parrote e, partindo dende o Ensanche, por José Cornide e a AC-12 ou praza de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Mariño, praza de Pontevedra, San Andrés, rúa Alta e Paseo Marítimo. Tamén é unha alternativa viable circular por Fonseca e túnel de Juana de Vega cara ao Paseo Marítimo.

Autobuses urbanos

No tocante ás modificacións do autobuses urbanos, as liñas 3 e 3A terán un itinerario alternativo dende esa momento e pasarán a circular por Manuel Murguía, avenida de Bos Aires cara a praza de Pontevedra. No sentido contrario, sairán por Modesta Goicouría á avenida. Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires e Manuel Murguía, para retomar o seu itinerario habitual en Paseo de Ronda. As liñas 3 e 7, desde San Andrés e Santa Catalina, continuarán por San Andrés, Rúa Alta, Hospital e praza de España, para incorporarse en Orillamar ao seu itinerario habitual.

A liña 6, dende a praza de Pontevedra e en sentido cara a Meicende, circulará por Modesta Goicouría, avenida Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, Manuel Murguía e ronda de Nelle, para acceder dende a avenida de Fisterra ao seu percorrido acostumado. No sentido cara á praza de Pontevedra, as liñas 6 e 20 irán pola ronda de Nelle, Gregorio Hernández, Paseo de Ronda, Manuel Murguía, avenida de Bos Aires e Rubine. Dende aí, a liña 6 incorporarase na praza de Pontevedra ao percorrido habitual. No caso da liña 20, e ata que se habilite o tráfico en Juan Flórez, no sentido praza de Pontevedra-Catro Camiños, circulará por Modesta Goicouría, avenida da Habana, Manuel Murguía e ronda de Nelle ata San Pedro de Mezonzo, onde retoma o percorrido acostumado.

Os autobuses número 22, dende Catro Camiños, circularán por ronda de Nelle, Gregorio Hernández, Manuel Murguía, avenida de Bos Aires, Rubine e praza de Pontevedra. No sentido contrario, cara á Pasaxe e dende a praza de Pontevedra, farano por Modesta Goicouría, avenida Barrié de la Maza, Manuel Murguía e ronda de Nelle ata a avenida de Fisterra, onde retoma o itinerario habitual. A liña 11 pasará por praza de Pontevedra cara a Marineda por Modesta Goicouría, avenida Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, Manuel Murguía e ronda de Nelle. Dende alí incorporarase na avenida dos Mallos ao percorrido de costume. Cara á praza de Pontevedra fará o mesmo percorrido no sentido inverso.  

As liñas 21 e 24, dende Catro Camiños e cara a Castiñeiras, irá polo viaduto de Alfonso Molina, praza de Ourense, avenida do Porto, túnel do Parrote e glorieta das Ánimas, onde darán a volta para regresar polo mesmo itinerario cara a Catro Camiños, onde recuperan a circulación habitual.  As demais liñas (1,1A, 2, 2A, 4, 5, 17, 23 e 23A) circularán por Castiñeiras, viaduto Alfonso Molina, praza de Ourense, avenida do Porto, túnel do Parrote e glorieta das Ánimas, dende Catro Camiños. As liñas 4, 5 e 17 continuarán cara avenida de Hércules e Durmideiras. As restantes xirarán na glorieta das Ánimas para regresar polo mesmo itinerario ata Catro Camiños, onde recuperarán o itinerario habitual. Como acontece en dispositivos similares, os autobuses farán parada na avenida do Porto, á altura do Kiosco Alfonso, antes da entrada e a saída do túnel.  

Dispositivo de seguridade

De cara ao correcto desenvolvemento da Cabalgata de Reis 2019, o Concello da Coruña despregará un dispositivo conformado por 279 persoas, entre as e os que se atopan 66 policías, 6 bombeiros, 45 membros de Protección Civil, 46 de Cruz Vermella e 6 do 061; ademais de 52 auxiliares de carroza, 36 auxiliares de montaxe, 16 vixiantes de seguridade privada e 6 persoas que atenderán as zonas de mobilidade reducida e lactancia. Tamén haberá  cinco ambulancias (dúas serán de Cruz Vermella, unha de Protección Civil e outras dúas do 061) e oito espazos sanitarios, que contarán con desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), e que estarán situados na avenida da Habana, praza de Portugal, Fernando Macías, Juan Flórez con Orquestra Sinfónica, Marcial del Adalid --á altura de Emilia Pardo Bazán--, Linares Rivas, Subdelegación do Goberno e na propia praza de María Pita, na que tamén estará situado un espazo de coidados infantís e lactancia. O Concello disporá tamén cinco postos de visibilidade para persoas con mobilidade reducida, que estarán ubicados en Fernando Macías, Marcial del Adalid, Cantón Grande --fronte á Fundación Barrié--, Subdelegación do Goberno e na praza de María Pita. Ademais, estarán dispostos durante o percorrido tres puntos limpos para o depósito de residuos.

Documentos:

Consellos para a Cabalgata (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión