Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de xuño de 2018

O Fórum Metropolitano proxecta no mes de xullo películas de culto en versión orixinal e 35 milímetros

O vestíbulo do centro acolle unha nova edición de Cinenterraza, que se celebra os mércores e xoves de xullo ás 22.00 horas e inclúe coloquios entre o público e profesionais do eido cultural galego

O Fórum Metropolitano celebra durante o mes de xullo o ciclo Cinenterraza, no que se proxectarán sete filmes de culto en 35 milímetros e versión orixinal subtitulada. Ao remate de cada proxección, que se realizará no vestíbulo do edificio, haberá un coloquio entre o público asistente e figuras novas da cinematografía e o eido cultural galego.

O ciclo, que terá proxeccións os mércores e os xoves con excepción do festivo 25 de xullo, comeza o día 4 con A noite do cazador, de Charles Laughton, á que seguirá unha charla coa escritora Dores Tembrás. Ao día seguinte é a quenda dun clásico do cinema mudo, Amencer, de F. W. Murnau, sobre o que se poderá debater co fotógrafo e realizador Tono Mejuto. O día 11 poderase visionar Mamma Roma, de Pier Paolo Pasolini, con charla posterior coa investigadora e xestora cultural Sabela Mendoza, mentres que no día seguinte será o momento da comedia coa proxección de O sentido da vida, o filme dos Monty Phyton Terry Jones e Terry Guilliam e que comentará co público asistente o guionista, realizador e presidente da Asociación Sindical Galega de Guionistas, Nico Campos. O 18 de xullo está programado O raio verde, de Éric Rohmer, con coloquio posterior da realizadora Anxos Fazáns e, ao día seguinte, A ascensión, un filme de Larisa Shepitko sobre o que se poderán charla coa codirectora do Festival S(8) e realizadora, Ana Domínguez. A derradeira oportunidade para asistir ao ciclo Cinenterraza será o día 26 de xullo, día no que proxectará O silencio dos cordeiros, de Jonathan Demme, tras o que intervirá o director Andrés Goteira.

As entradas para os filmes, que comezan ás 22.00 horas, están á venda anticipada na conserxería do Fórum Metropolitano de luns a xoves --só se venderán as das películas que se proxecten nesa semana-- ou en taquilla media hora antes de cada filme, se resta algunha para a venda. Teñen un prezo de tres euros, con custe reducido a dous euros para persoas que teñan o Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estean desempregadas.   

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión