Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de decembro de 2018

O programa Apego celebra durante o Nadal dúas actividades con música e teatro para fomentar a transmisión do galego entre os nenos e as nenas

O Centro Ágora acollerá o día 22 a Festa de Nadal, mentres que o programa Musicando no Nadal! repartirase entre este espazo municipal e o centro cívico dos Mallos nos días 2, 3 e 4 de xaneiro

O servizo municipal de Normalización Lingüística celebra este Nadal dúas actividades tanto para as familias que forman parte do programa Apego de fomento da transmisión do galego como para aquelas interesadas en se uniren á comunidade. As citas son a festa Un Nadal con Apego, que se celebra o vindeiro 22 de decembro, e o Musicando no Nadal!, que terá lugar os días 2, 3 e 4 de xaneiro. Con estes dous programas, o Concello da Coruña busca celebrar con todas as familias a súa pertenza ao programa Apego pero tamén convidar outras novas a se sumaren a esta iniciativa, que pretende axudar á socialización en galego e á transmisión interxeracional da lingua galega, así como ofrecer unhas alternativas de lecer en familia nestas datas de Nadal.

A festa de Nadal do programa Apego desenvolverase no Centro Ágora o día 22, en horario de mañá e tarde (de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas) e nela haberá actividades de música e contos para os e as nenas. Comezará Uxía Lambona e a Banda Molona, para crianzas maiores de 3 anos, ás 11.30 horas. A continuación Baobab Teatro representará Contos con Roque, ás 12.00 horas. Xa pola tarde, haberá dous pases de As Maimiñas, un ás 17.00 e outro ás 18.30 horas e outros dous pases de Xente miúda, moita fartura, de Pablo Díaz, un ás 17.15 e outro ás 18.45 horas. Ademais, durante o día haberá un posto fixo de xoguetes de Brazolinda na aula 7 do Centro Ágora. As entradas para as actuacións son gratuítas pero limitadas pola capacidade dos recintos en que se van desenvolver. Repartiranse na conserxería do Centro Ágora unha hora antes do comezo de cada actividade.

O programa de Musicando no Nadal desenvolverase durante os días 2, 3 e 4 de xaneiro tanto no centro cívico dos Mallos como no Centro Ágora. De aquí para alá de Lydia Botana será o mércores 2 de xaneiro no centro cívico dos Mallos cun pase ás 17.00 horas e outro ás 19.00 horas. A actividade está destinada a crianzas maiores de 4 anos. Ao día seguinte, será a quenda de Cancións para desafinar da Gramola Gominola, tamén nos Mallos, cun pase ás 17.00 horas e outro ás 19.00 horas. A actividade tamén está destinada a pequenas e pequenos maiores de 4 anos. O xoves 3 de xaneiro haberá dous pases de Na Casa, de Caramuxo Teatro, dirixida a nenos e nenas de 1 a 3 anos. Neste caso, as actuacións serán ás 17.00 e ás 18.30 horas no auditorio do Centro Ágora. Para rematar, o venres 4 de xaneiro, Pablo Díaz fará dúas sesións de Cantacontos para bebés no auditorio do Centro Ágora ás 17.00 e ás 18.30 horas.

Para o Musicando, os convites poderán retirarse na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística (www.coruna.gal/lingua) a partir do 26 de decembro de 2018, onde tamén se poderá consultar máis información sobre as actividades.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión